#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

O Racing Vilalbés triunfa no derbi provincial de Terceira

Xornada de derbi provincial en Terceira RFEF. O Racing Vilalbés gañou en Cantarrana cun solitario tanto de Santi Gegunde fronte a un Viveiro que aínda non puido puntuar, malia a súa notable melloría no xogo. Na Preferente, primeiro triunfo do curso para a Residencia fronte ao Mugardos, mentres que Sarriana e Portomarín empataron noutro derbi provincial. Derrotas de Ribadeo e Lemos nas súas visitas e Betanzos e Boiro, respectivamente.

Santi Gegunde deulle tres puntos ao Racing Vilalbés nun derbi no que o Viveiro mereceu máis (0-1)

A primeira metade destacou pola escaseza de ocasións. Os chairegos non inquedaron a portería de Casillas. O Viveiro atopouse máis cómodo nos primeiros corenta e cinco minutos e buscou xerar perigo con chegadas polas bandas de Sane e Barroso, pero sen lograr finalizar.

Na segunda metade, o Racing Vilalbés comezou mellor, cun ritmo superior, pero a partir dos dez minutos de xogo, o Viveiro gozou dos seus mellores minutos no derbi, con tres claras ocasións de gol, ás que Álex Santomé respostou con acerto a tiros de Iker Hurtado e Schuster. A falta de vinte minutos para o final, os de Simón Lamas lograron o gol. Un centro lateral de Marcos Álvarez aproveitouno Santi Gegunde para facer o único tanto do encontro. Nos últimos intres Arturo rozou o empate cun lanzamento de falta desde a frontal que parou un Álex Santomé moi atinado durante todo o encontro.



O Portomarín acada o primeiro punto da súa historia en Preferente no derbi coa Sarriana (0-0)

Primeiro punto na historia do conxunto local na Preferente. E nen máis nen menos que ante unha Sarriana que chegaba como líder a esta xornada. Pero os de Edu Rodríguez non tiveron o seu día e completaron un dos peores encontros como local dos últimos tempos. Malia xerar tres ou catro ocasións de gol, con dous balóns ao pao, non tiveron a circulación de balón que nos teñen acostumados.

O Portomarín, ben replegado en campo propio, defendeu con éxito as embestidas da Sarriana. En ataque poucas novas dos de Fernandito, que tan só inquedaron a portería rival cun disparo desviado de Diego Fente.



O Ribadeo perdeu pola mínima fronte a un Betanzos que conta os encontros por vitorias (1-0)

Os mariñáns saíron ben posicionados e moi metidos no encontro, na procura dun resultado positivo no García Hermanos. As malas novas non tardaron en chegar, en forma de lesión. O mediocentro Iván tivo que abandoar o terreo de xogo cunha lesión de clavícula. Antes de cumplirse a primeira media hora, nunha acción a balón parado, Juan de Dora anotou o que sería o único tanto do encontro. A primeira metade rematou sen ocasións para ningún dos dous conxuntos, que abusaron do mediocampismo.

Na segunda parte, os de Dani Moirón sairon convencidos de darlle a volta ao marcador e foron quen de levar o peso do partido, pero a falta de acerto privoulles de sacar algo positivo. O Betanzos, á contra, puido sentenciar o choque, pero un inspirado Dos Santos mantivo aos seus no partido. A falta de cinco minutos para o final, un lanzamento de falta de Xaime desde a frontal, foi detido polo porteiro sobre a liña, pero o Ribadeo reclamou que o balón entrara na súa totalidade na portería betanceira. O colexiado non o interpretou así.

Dous goles ao comezo e ao final, determinantes para o triunfo da Residencia diante do Mugardos (2-1)

Primeiro triunfo da temporada para a Residencia. Visitou a Cheda un Mugardos chamado a pelexar o ascenso, pero que viu como os de Dani Galán foron superiores no primeiro tempo. Nada máis comezar o encontro, Txiki adiantou aos lucenses cunha chilena logo dun centro de López. Pouco durou a ledicia. Nun saque desde o curruncho, Del Río fixo a igualada. Nos seguintes minutos Yeray e Borja gozaron de claras ocasións para voltar poñer á Resi en vantaxe.



A segunda metade resultou nivelada ata os últimos nos que o Mugardos tivo dúas claras ocasións nas botas de Del Río, que solventou ben o gardameta Marcos. Cando xa parecía o encontro destinado ao empate, unha man dentro da área visitante foi sinalada como penalti. Dani Renda non errou desde os once metros outorgándolle a vitoria aos seus.

Derrota dun Lemos que puido sacar algo positivo no campo do Boiro (1-0)

Terceira derrota consecutiva a colleitada polo Lemos en Barraña. Comezaron ben os de Josito Jul, aínda que sen xerar excesivo perigo ante a portería defendida por Mario Barreiro, agás nun lanzamento de falta botado por Álvaro. O conxunto local puxo en apretos aos monfortinos coa gran movilidade dos seus dianteiros.

Na segunda metade o Boiro foi superior en posicionamento e posesión. Os de Anxo Casalderrey gozaron de boas ocasións de gol, pero este non chegou ata o minuto 87 de encontro, cando xa se daba por feito o empate. O tanto foi obra de Sera.

O Racing Vilalbés triunfa no derbi provincial de Terceira

Sesión Plenario: Quen sabe máis do fútbol

O Racing Vilalbés triunfa no derbi provincial de Terceira

Máxicos Luca’s Grill. Xornada 4

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *