No retorno á competición na Terceira RFEF o Racing Vilalbés deu un golpe enriba da mesa e goleou na Madalena á UD Ourense, un conxunto que chegaba igualado a puntos cos chairegos. O Viveiro non puido puntuar na súa visita ao campo do Estradense. Na Preferente, a Sarriana goleou ao Dubra no debut de Brais Prados no banquiño. A Residencia empatou no sempre difícil campo do Montañeros, mentres que Ribadeo, Lemos e Portomarín caeron derrotados fronte ao Unión, Noia e Sofán, respectivamente.
O Racing Vilalbés golea á UD Ourense e xa é segundo (5-1)
O cadro visitante tivo a posesión na primeira metade, aínda que sen xerar moito perigo ante a portería de Álex Santomé. O Racing foi quen de adiantarse por medio de Álex Pérez, que definiu ben no man a man fronte ao soberino Ramón, despois dunha boa asistencia de Santi Gegunde. Malia non chegar ás áreas con claridade viuse un alto ritmo de xogo sobre o céspede da Madalena, onde os de Simón Lamas amosáronse moi sólidos ante unha UD Ourense que soubo manexar ben o balón.
Na segunda metade o encontro seguiu o mesmo guión. Nunha boa xogada de Javi Rey, o centro deste rematou co testarazo de Pablo Rey ao fondo da rede. Moi pouco despois, Pablo Rey fixo o segundo da súa conta particular cunha das súas especialidades, o lanzamento de falta directa. Con tres goles de desvantaxe, o conxunto ourensán non se veu abaixo e foi quen de meterse no encontro cun bo tanto de Jose de chilena. O Racing Vilalbés realizou un bo traballo defensivo e xa nos últimos intres Jose Varela, nunha boa xogada persoal, e Cuadrado ao aproveitar un rexeite do encontro, sentenciaron o choque.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Derrota pola mínima do Viveiro no campo do Estradense (1-0)
Encontro controlado polo Estradense ao longo dos noventa minutos. O conxunto adestrado polo focense Nacho estivo mellor posicionado e cun alto control nas transicións. O Viveiro sufriu moitas perdas de balón e careceu de profundidade nunha primeira metade sen apenas ocasións de gol.
Na segunda metade Alberto López trocou de sistema no conxunto celeste e Iker Hurtado e Arturo xogaron na punta de ataque. Cando mellor estaba o Viveiro, unha perda de balón nun córner a favor rematou co tanto de Ánxel á contra. Nos últimos intres de encontro o Viveiro optou polo fútbol directo e Iker Hurtado tivo nas súas botas o empate logo dunha boa xogada de Sané.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
A Sarriana achégase ao líder logo de golear no campo do Dubra (0-3)
O debut no banquiño de Brais Prados non puido ser mellor. Goleada no sempre difícil campo do Dubra e unha vitoria que achega á Sarriana a un só punto do Betanzos. O cadro sarriao foi quen de neutralizar o xogo directo do conxunto local, así como as súas transicións ofensivas, á vez que foi quen de atacar a través de rápidas transicións dos extremos. Deste xeito chegaron dous dos tres goles dunha Sarriana que deixou o encontro visto pra sentencia na primeira metade. O primeiro tanto foi obra de Santín logo dun bo pase de Echávarri, cando se cumpría a media hora de xogo. Nunha falta latera, Echávarri puxo terra de por medio e a catro para o intermedio, nun córner a favor do Dubra, Marino colleu o balón e conectou con Santín, que foi quen de prantarse só diante do gardameta e este non errou no man a man.
Na segunda metade a Sarriana tentou levar o peso do partido e foi quen de logralo. O Dubra tentou recurtar diferencias, pero os de Brais Prados apenas concederon ocasións.
A Residencia foi superior ao Montañeros, pero tivo que conformarse co empate (1-1)
O conxunto lucense foi quen de puntuar fronte ao Montañeros, equipo chamado a pelexar polo ascenso a Terceira. A primeira metade careceu de ocasións de gol por parte de ámbolas dúas escadras. Yago e Mauro protagonizaron os únicos achegamentos da Resi.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
Na segunda metade trocou todo. Os de Dani Galán tiveron o balón e as ocasións. Un man a man de Yago que Dani Moreno sacou providencial a córner. Cando non errou Yago foi a falta de vinte minutos para o final. O atacante lucense de tiro cruzado, a pase de Dani Renda, adiantou aos lucenses. O Montañeros co marcador en contra arriscou e a Residencia puido sentenciar á contra. Dani Renda e Buján tiveron as ocasións máis claras. A falta de tres minutos para o final un centro ao segundo pao rematou co tanto de Fariña, establecendo a igualada. No desconto Buján voltou a atoparse coa boa intervención do gardameta local no que puido ser o tanto do triunfo.
O Ribadeo non sae da zona baixa logo de caer ante o Unión no Pepe Barrera (1-2)
Cuarto encontro consecutivo no que o Ribadeo non puntúa no seu feudo. Diante do Unión estivo unha hora por diante no marcador, pero non foi quen de manter a vantaxe. O tanto ribadense chegou aos dez minutos de xogo. Xairo centrou e Criss controlou, desfíxose do seu marcador e colocou o balón onde o gardameta non podía chegar. Quedaba moito ata o intermedio, pero apenas se viron máis ocasións de gol. Os rianxeiros non inquedaron a Carrera e o Ribadeo aínda que foi mellor que o rival, apenas xerou situacións de perigo, tan só unha internada na área na que foi derribado Xaime, pero o colexiado non sinalou penalti.
Na segunda metade as áreas foron máis protagonistas. O Ribadeo tivo dúas ocasións para incrementar as diferencias no marcador. Unha de Jacob logo dunha falta lateral botada por Xaime e outra de Asier a centro de Xairo. Pero o cadro visitante xa avisaba con moito perigo. Saviola errou a porta baleira despois dunha gran xogada colectiva e Chuso atopou a boa intervención de Carrera nunha contra. Pero á terceira foi a vencida. Un balón en longo recolleuno o recén incorporado Dani Silva para facer o empate cun bo lanzamento. O encontro entrou nunha fase de descontrol na que o Unión se sentiu máis cómodo. Malia todo Santi gozou dunha doble ocasión para desnivelar o encontro, pero o meta Eloy estivo providencial. A falta de tres minutos para o final, Saviola transformou unha pena máxima e deulle os tres puntos aos visitantes.
O Lemos cae na Pinguela diante do Noia, un dos favoritos (1-3)
A primeira metade saiu tal e como os monfortinos a pensaran. O Lemos xogou repregado e saíndo á contra tras roubo. Así foi quen de xerar perigo ao Noia, un dos principais candidatos ao ascenso. Antes do primeiro cuarto de hora de partido, Diego Torres aproveitou un rexeite e desde fóra da área anotou un bo gol. Os de Iván Carril apenas inquedaron a portería de Losada en todo o primeiro tempo.
Logo do paso por vestiarios, o Noia saiu con máis ritmo e chegou con bastante perigo á área rival. A ocasión máis clara desbaratouna Losada ao deter un penalti. Á contra puido ampliar as diferencias por medio de Diego Torres, pero un zagueiro salvou a situación na mesma liña de gol. Os últimos vinte minutos fixéronselle longos aos monfortinos, que deron un baixón físico. William empatou a balón parado e Marcos Piñeiro desde fóra da área deulle a volta ao marcador. Xa co tempo cumprido Anxo sentenciou desde os once metros.
O Portomarín non puido sumar diante dun renacido Sofán (1-3)
O encontro comezou con fútbol directo por ámbalas dúas partes ata que no minuto doce un centro lateral rematou cun testarazo ao pao e no rexeite Dani Pena empurrou o balón ao fondo da portería. Hugo, cun lanzamento que sae pegado ao pao, e un testarazo de Iago foron as mellores ocasións do Portomarín na primeira metade. O cadro carballés ampliou diferencias por medio de Miguel Taibo desde o punto de penalti. Sentoulle mal o tanto ao conxunto miñoto e de novo Miguel Taibo tras rematar un centro lateral sentenciou o encontro.
Na segunda metade, con máis corazón que cabeza, o Portomarín non deixou de intentar recurtar diferencias. A falta dun cuarto de hora para o final, Javicho centrou desde o curruncho e Héctor rematou ao fondo da portería. Pardo puido facer o segundo, pero non estivo atinado.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2022/11/XORNADA-9-TERCEIRA-11-PREFERENTE.png)