Falou hoxe o presidente Feijoo e volveu subir o pan. E baixaron unha vez máis as nosas liberdades. O noso deporte non se librou deste novo paquete de restriccións, no que a novidade principal é a prohibición de público nos nosos campos. Estes son os puntos fundamentais dunhas medidas que entrarán en vigor na madrugada deste mércores. E ata, como mínimo, o 17 de febreiro co remate do Entroido:
Mantéñense as competicións de carácter nacional. Seguen a Segunda División B e a Terceira División. Iso si, sen afeccionados nas bancadas. A porta pechada. Racing Villalbés, Viveiro e Polvorín non poderán contar cos seus seguidores. Aínda que seguramente o valado da Cheda acapare parte do público que perdan os domingos os centros comerciais.
- Nas citadas categorías, que tamén inclúen a División de Honra xuvenil, a Liga Nacional xuvenil e o Reto Iberdrola, estará permitido o adestramento colectivo.
- A práctica do fútbol a nivel autonómico e amateur redúcese ao exercicio individual con máscara ao aire libre. E no propio Concello. É dicir, pódese saír a pasear ou correr cun balón no pé. Actividade deportiva compricada xa que hai que seguir mantendo a distancia de seguridade interpersoal.
- O ‘toque de queda’ mantense ás 22.00 horas.