O Polvorín recupera o sorriso tras golear ao Rápido de Bouzas

O Trío de Ases da Xornada 11 tráenos o goleada do Polvorín no campo dun histórico, o Rápido de Bouzas e o polémico empate do Racing Vilalbés no Morrazo anteo Alondras. Na Preferente, o Viveiro suma e segue, o Ribadeo aséntase na zona alta tras dobregar ao Noia e a Sarriana arrancou un empate do campo do San Tirso nun discreto encontro. Foz, Lemos e Residencia non puideron puntuar a domicilio.

Un tanto anulado no desconto, logo de que o colexiado lle dera validez en primeira instancia privoulle ao Racing Vilalbés de gañar no campo do Alondras (1-1). Dous tantos en dez minutos. Marwan adiantou ao conxunto local e na seguinte xogada Cuadrado acadou a igualada. Calquera dos dous equipos puideron desfacelo empate con todo o encontro por diante, pero o tanto non chegaría ata o minuto 93. Moreda anotou para os chairegos e o colexiado e os seus asistentes deron validez ao tanto. Logo das protestas do cadro local, cambiaron de parecer. Aínda que o empate tivo un sabor amargo, o Racing suma catro xornadas sen perder.

O Polvorín goleou ao Rápido de Bouzas e asoma a cabeza na clasificación (1-5). Logo do susto por un lanzamento ao pao do cadro local. Enseguida se repuxo o filial lucense. Rayco marcou o primeiro á saída dun córner e ao cuarto de hora de xogo Antón Escobar anota o segundo. O xogo directo do Rápido non inquedaba a portería de Julen e antes da media hora Rayco non erra desde os once metros. Tan só sete minutos despois culmina o seu hat-trick cun auténtico golazo logo dun pase de tacón de Álex Rey. Antes do descanso puido chegar o quinto, pero o lanzamento de Antón Escobar sacouno un defensa preto da liña. Na segunda metade, a reacción do Rápido non foi tal e Juan Brunet anotou o quinto. A falta de quince minutos para o final chegou o tanto da honra. Incluso Chiqui, preto do final puido incrementar a diferencia no marcador ao gozar de dúas ocasións claras. Os de José Durán seguen en postos de descenso, pero a tan só un punto da permanencia.

Cuarta vitoria consecutiva do Viveiro, desta volta pola mínina ante o Dubra (2-1). Debeu ser máis amplo o triunfo dos mariñáns, vistas as ocasións das que gozaron os de Chusky. Arturo anotou na primeira metade cun bo lanzamento desde fóra da área e Gerardo ampliou diferencias tras un servizo de Marino. O gardameta visitante Iván Baña realizou no tramo final varias intervencións de gran mérito e evitou a goleada. No tramo final Adrián Iglesias púxolle emoción a un encontro que o Viveiro controlou desde o comezo. Os mariñáns teñen catro puntos de vantaxe sobre o Fisterra que é segundo e seis sobre o terceiro e cuarto clasificado.

Un Ribadeo moi serio gañoulle ao Noia e engánchase á zona alta (1-0). Un fermoso tanto de vaselina de Criss logo dunha xenialidade de Poratti deulle ao Ribadeo os tres puntos nas Valgas ante un dos conxuntos máis fortes da Preferente. O Noia gozou de varias ocasións claras de gol por medio de Anxo e Hugo, pero un moi inspirado Carrera evitou o tanto visitante. Con trece dos quince últimos puntos en xogo acadados, os de Rafa Casanova sitúanse moi preto da zona de ascenso.

A Sarriana acadou un punto no campo dun San Tirso en racha (1-1). Os de Dani Fernández non foron que de gañar en Abegondo a un conxunto que lles puxo as cousas moi difíciles. Logo dun primeiro tempo moi trabado e case sen ocasións de gol o conxunto local adiantouse xusto despois do paso por vestiarios. Dani Xelo culminou con éxito un bo pase de Asti. O propio atacante puido sentenciar, pero errou en liña de gol. Que non o fixo foi Omar, que  superou ao gardameta local logo dun servizo tras roubo de Javi Fraga. No cadro sarriao debutou a última incorporación, o central Nel.

O Foz caeu no campo do Sigüeiro e non pode enlazar dúas vitorias consecutivas (2-0). Terceira derrota en catro encontros para os mariñáns que non son capaces de escapar da zona de perigo. Foi mellor o conxunto local e subiu o primeiro tanto ao marcador por medio de Juan Castro, logo dunha pérdida de balón en mediocampo. Na segunda metade, tras un saque de esquina sentenciou o Sigüeiro. Foi titular na portería o xuvenil Alonso.

Derrota inmerecida do Lemos no campo dun Boiro en racha (2-1). Logo de tres triunfos seguidos chegou a derrota. Mereceu máis o cadro monfortino, que viu como se adiantaba o cadro local cun testarazo de Saviola. Foron superiores na primeira metade os de Edu Rodríguez. Armesto e Tazos tiveron ocasións claras para revertilo marcador. Na segunda metade melloraron os de Luis Santiago e ampliaron distancias cun tanto de Óscar ‘La Magia’ Martínez. Non se rendiu o Lemos, que recurtou diferencias por medio de Varela. A insistencia ata o final non tivo premio.

Terceira derrota consecutiva da Residencia ante un gran Mugardos (5-1). Os de ferrolterra pasaron por enriba dunha Residencia que tivo as súas opcións, pero a enorme pegada dos de José Luis Fontao rematou por deixar sen opcións aos lucenses. Marcou Adrián para os locales e respondeu o Adrián da Resi. Ámbolos dous tantos logo de saques desde o curruncho. Dous tantos do Mugardos puxeron terra de por medio, pero Dani Galán e Javi Raposo gozaron de ocasións claras para acadalo empate, pero non estiveron acertados. Na segunda metade, non houbo ocasións claras de gol, ata que nos últimos dez minutos sentenciou o conxunto local.

Luca´s Grill
Moreno´s Pizza
Imagen por defecto
Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Artículos: 500

Deja un comentario

Los datos que proporciones mediante este formulario serán tratados por Futbolinlugo como responsable de esta web. La finalidad de la recogida de estos datos se realiza solamente para responder y moderar los comentarios. Estos datos estarán almacenados en los servidores de PROFESIONAL HOSTING, situados en la Unión Europea (política de privacidad de Profesional Hosting). Puedes ejercer tus derechos de acceso, rectificación, limitación y supresión enviando un correo electrónico a diegopolc8@gmail.com.