#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

O Polvorín mantense invicto e o Escairón estrea o casilleiro de vitorias

A Terceira RFEF disputou a súa sétima xornada e o Polvorín deu un golpe enriba da mesa ao derrotar ao Barco en Calabagueiros e mantense invicto na zona alta da clasificación. Pola contra, o Racing Vilalbés e o Viveiro seguen sen gañar fóra. Os chairegos perderon no campo do Arzúa e os mariñáns no Morrazo diante do Alondras.

Na Preferente, a Sarriana segue intratable e gañou no derbi provincial á Residencia na Cheda. O Lemos venceu no campo do San Tirso e o Escairón estreouse na casa diante do Victoria. O Santaballés sumou un punto no seu campo e o Foz caeu diante do As Pontes.

Golpe de autoridade dun Polvorín que foi quen de derrotar ao Barco en Calabagueiros (1-3).

Gañou e convenceu o Polvorín na súa visita a un Barco ata o de agora invicto. O filial albivermello dominou o encontro desde o seu comezo e foi protagonista co balón. Nos primeiros compases Rojo xa puido adiantar ao Polvorín, pero Aitor Arias salvou o man a man co dianteiro. Malia todo, o Barco nas transicións creáballe moito perigo aos lucenses, e nunha delas Duque, ex do Polvorín, anotou para o Barco. Os de Álex Ortiz seguiron dominando con balón e contaron con varias ocasións para marcar, aínda que sen éxito.



Na segunda metade o encontro seguiu o mesmo guión. O empate chegou de penalti. Un tiro de Vidal golpeou na man dun defensor e Rojo non errou desde os once metros. Pouco despois, unha falta lateral botada por Ramos foi rexeitada polo porteiro e Rojo moi atento empuxou o balón ao fondo da portería.

O Barco volcouse nos últimos minutos sobre a porta de Brais e nunha contra Torrado aproveitou os espazos e chegou á área rival e sentenciou o encontro.

A derrota do Racing Vilalbés en Arzúa impídelle escalar na clasificación (2-1).



O cadro chairego non puido enlazar o segundo triunfo consecutivo que lle faría abandonar a zona media baixa da clasificación. No Viso, o Racing comezou mellor xogando sempre en campo contrario, pero antes do primeiro cuarto de hora unha mala cesión a Ángel remata en córner e o saque desde o curruncho cabeceouno Diego Enjamio ao fondo da portería. A acción foi protestada xa que puido existir falta no bloqueo sobre Jose Varela. Pero o Racing non tardou en reaccionar. Nada máis sacar de centro, unha xogada por banda esquerda remata cun centro de Buyo que rexeita a zaga local, pero Pedrosa recolleu o agasallo e colocou o balón lonxe do alcance de Cristofer. Os de Simón Lamas refixéronse e foron superiores ata os últimos minutos da primeira parte, nos que o encontro entrou nunha fase de ida e volta na que calquera dos dous equipos tivo opcións de marcar.

Nada máis comezar a segunda o Arzúa marcou o segundo. Un balón á espalda de López recolleuno Chiño que definiu ben ante Ángel. Costoulle ao Racing repoñerse do tanto arzuán e os de Chollas contaron con varios achegamentos con perigo. Vela, Ángel e Cuadrado entraron no campo e os chairegos melloraron e tiveron varias ocasións para acadar o empate. Pedrosa e Cuadrado e Javi Rey gozaron das máis claras. Nos últimos intres Vérez reemprazou a Make para xogar de 9 e tentar rematar algún balón, pero a gran eficacia do Arzúa privoulle ao Racing de acadar un resultado positivo.

O Viveiro volveu de vacío da súa visita ao campo do Alondras (2-0).

Un só punto do Viveiro en catro encontros lonxe de Cantarrana. Diante do Alondras non foi inferior na primeira metade de partido, pero o tanto de Firi preto do descanso lastrou aos mariñáns, que contaron con ocasións para lograr adiantarse no marcador.

Na segunda metade, os de Chusky amosaron unha peor imaxe e o Alondras sentiuse máis cómodo sobre o céspede do Morrazo. Con vinte minutos gastados, Firi volveu marcar e foi a estocada definitiva para un Viveiro que non era quen de chegar con perigo á porta rival.



Un solitario tanto de Gerardo outórgalle á Sarriana a súa cuarta vitoria (0-1).

A Sarriana ocupa o liderato do subgrupo logo de gañar no derbi provincial no campo dun Residencia que chegaba moi lastrado polas baixas, aos que se suman Veloso e Adri Vázquez, mancados ao longo do encontro. Os de Edu Rodríguez foron superiores na primeira media hora de xogo e foron quen de controlar o partido. Gerardo, cun golazo, adiantou aos visitantes cumprindo o primeiro cuarto de hora e Mitogo cun remate ao longueiro tivo outra clara ocasión de gol. Os últimos minutos da primeira metade, os locales fixéronse co dominio, aínda que con falta de profundidade.

Na segunda metade, a Sarriana soubo controlar o partido malia que a Residencia saiu mellor. López e Chiqui contaron con ocasións para marcar, pero en ámbalas dúas Ruchi estivo moi atento. Co paso dos minutos, os sarriaos fixéronse donos do balón e Gerardo puido sentenciar en varias ocasións, pero non estivo acertado.

O Lemos acada o segundo triunfo consecutivo na súa visita ao campo do San Tirso (0-1).

Os monfortinos xa se sitúan na zona alta da clasificación logo de vencer no sempre difícil campo do San Tirso. A primeira metade do cadro dirixido por Alberto López foi meritoria de marchar ao descanso co marcador a favor. Mauro, Varela e Dani Arias contaron con ocasións moi claras para marcar.

A segunda metade comezou con transicións dos dous equipos. Denis, ex do Racing Vilalbés e Polvorín contou cun clara ocasión para o San Tirso e o balón rematou no pao. Na seguinte xogada, a rápida contra do Lemos finalizou co disparo de Dani Arias ante o que nada pode facer Bugy. Nos últimos intres, o San Tirso optou por un xogo directo que a zaga lemista soubo controlar.

O Foz rachou a súa boa xeira ao caer na casa co As Pontes (1-3).

Plantoulle cara o cadro mariñán a un dos favoritos a acadar o ascenso a Terceira, malia as importantes baixas de Diego Chao e Dani Chao. Os de Bebo foron quen de adiantarse no marcador logo dun córner botado por Canario que Xenxo rematou ao fondo da portería. Non tardou moito en igualar o conxunto adestrado por Rafa Casanova. Roi cometeu penalti e Toni transformou desde os once metros. A partir do gol, o As Pontes foi mellor e tivo varias ocasións para adiantarse no marcador.

Tras o paso por vestiarios, o técnico visitante moveu o banquiño e os trocos surtiron efecto. Un dos recambios, Julián, anotou o segundo logro dunha gran xogada individual e definiu con clase ante Rubén. O Foz apenas inquedou a portería dun Paco que tan só se tivo que empregar nun testarazo de Roi. Xa co tempo cumprido, David Yáñez firmou a sentencia.

O Santaballés acadou un empate na Liga diante dun Betanzos aínda invicto (0-0).

Un punto moi traballado e meritorio do equipo adestrado por Juan Rodríguez, que fixo xustiza ao visto ao longo dos noventa minutos. A primeira metade resultou igualada, con moito xogo directo e sen que ningún dos dous equipos lograran ter claridade co balón. Malia que houbo achegamentos ás áreas, a primeira metade rematou sen ocasións claras de gol.

Logo do paso por vestiarios, o encontro comezou coa mesma tónica ata que no minuto 55 o colexiado amosoulle a Novás a segunda tarxeta amarela por considerar que simulou penalti. Desde ese momento, o Betanzos fíxose co control do balón e o Santaballés agardou o seu momento para sáir con perigo á contra. Os visitantes contaron cun par de opcións claras que desbaratou o gardameta chairego.

O Escairón acadou o seu primeiro triunfo da temporada diante do Victoria (2-0).

O Atlético Escairón amosou unha gran imaxe no Municipal. A fraqueza defensiva do conxunto adestrado por Julio Corral nas primeiras xornadas de liga foi un espellismo e os do Saviñao apenas concederon ocasións a un Victoria claramente inferior.

No día no que Marzán estreou titularidade logo da súa lesión, o Escairón completou un encontro moi completo e xa puido adiantarse na primeira metade, pero os tantos non chegaron ata o segundo acto. Catro minutos despois da reanudación Quiroguita abriu o marcador e Rubeis sentenciou cun lanzamento desde o punto de penalti.

O Polvorín mantense invicto e o Escairón estrea o casilleiro de vitorias

O retorno máis agardado

O Polvorín mantense invicto e o Escairón estrea o casilleiro de vitorias

Máxicos Primeira. Xornada 1

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *