Chantada Atlético 2-4 Portomarín: os visitantes leváronse os tres puntos na súa estrea en Primeira. O Sangoñedo albergou un choque de ida e volta no que ambos conxuntos puideron vencer, pero dous dobretes de Sergio Arias e Hugo Rigueira decantaron o choque.
Burela 1-1 Castro: a Marosa viviu un duelo igualado no que ambos equipos gozaron de momentos de superioridade. O Castro logou adiantarse na segunda metade, pero o Burela conseguiu o empate nunha acción illada derivada da boa presión dos locais.
Monterroso 1-1 Outeiro de Rei: o duelo disputado nos Chacotes destacou pola igualdade ao longo dos 90 minutos. Logo dunha primeira parte moi sobria, os dez primeiros minutos da segunda enloqueceron o partido: o Monterroso errou un penalti, minutos despois adiantouse o Outeiro e, na primeira xogada despois de encaixar, os locais lograron a igualada.

Friol 2-2 San Roque: partido marcado pola pronta lesión do branquiverde Javi Ben, que rompeu o tendón de Aquiles (a operación tivo lugar onte, luns 18, e foi exitosa). Aínda así, o San Roque chegou cun 0-2 ao tempo de lecer. Na segunda metade o Friol meteu no campo a un Rafa Casanova que desequilibrou o partido cun dobrete en dez minutos (2-2). A partires de aí, a victoria puido caer para calquer lado.


Taboada 2-0 Chantada: derbi moi intenso o vivido na Medela, que se decantou para os locais pola efectividade en ambas áreas. O Chantada comezou mellor, pero un gol a balón parado ao filo do descanso desmoralizou aos vermellos, que viron como Gabri sentenciaba o encontro nun contragolpe cando estaban volcados na procura do empate.
Pastoricense 1-2 Lourenzá: na primeira metade estivo mellor un Lourenzá que non foi quen de materializar as ocasións. Na segunda, o Pastoricense levou o peso do partido e, cando mellor estaba, encaixou o 0-1, obra de Recalde, que pouco despois fixo o 0-2 desde os once metros. O Pastoricense reaccionou ben e conseguiu recurtar diferenzas no 84′. No desconto, a defensa visitante sacou un balón debaixo dos paus que poderia terse transformado no 2-2.

Alfoz 2-2 Xove: comezou mellor o Xove, que mandaba por 0-2 no minuto 56′. Porén, os visitantes non sentenciaron e o Alfoz tirou de garra e conseguiu a igualada en vinte minutos. O final do partido destacou pola anarquía e as ocasións para ambos conxuntos, pero finalmente o choque non se decantou para ningún lado.

Pol 2-1 Sporting Pontenova: unha primeira parte moi disputada saldouse cun Pontenova que se adiantou e un Pol que igualou por medio de Herrero. Na segunda metade, o Pol propuxo máis con balón pero o Sporting foi moi correoso e non cedeu grandes ocasións. Finalmente, un penalti no 85′ que transformou Leandro traduciuse na victoria local.
San Lázaro 2-3 Guntín: o recén ascendido San Lázaro pecou de inexperiencia na primeira metade, pois no minuto 25 o Guntín mandaba por 0-3 e dominaba totalmente o xogo. Na segunda os locais reaccionaron, metéronse no partido cun gol de penalti e estiveron a piques de empatar nos minutos finais cando, por certo, o porteiro suplente do Guntín xogaba como pivote.

Folgueiro 0-1 Riotorto: partido trabado o que se viviu no Vicedo e que se decantou por un gol de Marino tras unha xogada persoal de Samuel no 55′. O visitante Ferreiros saíu en ambulancia por unha lesión no brazo, ambos equipos quedaron con dez xogadores no minuto 70′, e nos minutos finais o colexiado sinalou unha pena máxima a prol do Folgueiro que foi rectificada pola intervención do asistente.
