Un clásico da Preferente. Sarriana e Ribadeo chegan ao encontro deste domingo ás 17 horas na Ribela en dinámicas opostas e con obxectivos finais distintos, aínda que nun derbi no que o coñecemento entre ámbolos conxuntos é máximo o resultado sempre é incerto. Arbitrará o colexiado ourensán Castro Fernández.
A Sarriana afronta este encontro logo dunha semana de descanso. Dous partidos e dúas vitorias, ese é o bagaxe do conxunto adestrado por un Edu Rodríguez que non tardou en implantar o seu selo no xogo do equipo. A ninguén se lle escapa a condición de favorito dos locais, que contan con xogadores de auténtico luxo nas súas filas e o comezo ligueiro non fixo máis que refrendar o que se supoñía. Pero ademais, o fútbol despregado foi de alto nivel, que buscará manter no derbi diante dun Ribadeo que aínda non coñece o triunfo.
Os mariñáns suman dous empates e unha derrota neste arranque de competición. Malia non ser quen de acadar os tres puntos en ningún dos encontros as sensacións dos de Dani Moirón están a ser positivas, sendo penalizados por erros puntuais que non lles permitiron rematar co premio da vitoria. O último encontro diante do Lemos no Pepe Barrera é un bo exemplo, no que o Ribadeo non foi quen de aproveitar dúas vantaxes no marcador. Para o partido na Ribela será baixa Santi por sanción xunto cos lesionados Jacob e Coki.
O último encontro que disputaron ámbolos conxuntos na Ribela tivo lugar o pasado mes de maio e rematou co triunfo local por catro tantos a un. Gerardo en dúas ocasións, Omar e Luis Díaz marcaron para a Sarriana e o burelense Jairo anotou para o Ribadeo.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
que opinan os Protagonistas?
ÁLEX PÉREZ (SD SARRIANA)
- O gran comezo. «A verdade e que os primeiros partidos foron moi bos, tanto a nivel de resultados como de sensacións, pero iso aínda acaba de comezar e debemos manter os pes no chan para seguir por este camiño».
- O Ribadeo. «Ao igual que sempre será un partido igualado e disputado. Son un equipo que sempre é complicado a nivel de intensidade, e non nos porán as cousas doadas».
- O rol de favoritos. «O importante é ir sacando os resultados, como dixen antes isto non fixo máis que comezar. Ao final da temporada estaremos na posición que merecemos. O último ano estivemos a un paso de acadar o ascenso e agardamos que este ano non se nos escape».
CRISS (RIBADEO FC)
- O inicio de liga: «O equipo atópase ben, estamos facendo bos adestramentos e temos ganas de que chegue o seguinte partido. No último co Lemos púxosenos todo a favor para conseguir os tres puntos pero non soubemos pechar o encontro. Hai que aprender desas circunstancias porque nunha liga tan curta non podemos deixar escapar puntos. Creo que competimos ben os tres partidos; en calquera deles puidemos ganar. Espero que non tarde en chegar esa primeira vitoria que nos dará moita confianza»
- A Sarriana: ten moi bos xogadores, cunha gran calidade individual e tratarán de facer un xogo combinativo. Sabemos o que nos imos atopar, así que nese aspecto preocúpame máis o que sexamos capaces de facer nós que é o que está ao noso alcance.
- A lesión: O parón por covid e logo comezar a competir sen pretemporada é a causa das lesións musculares como foi o meu caso. Agora estou recuperado e trato de desfrutar adestrando e competindo en cada partido.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)