O partido Fisioterapia Ronda . . . Racing Vilalbés – Barco: o fortín da Madalena a proba diante do líder.

A Terceira chega xa á súa cuarta xornada e faino cun partidazo na Madalena o domingo ás 17 horas. O Racing Vilalbés, que se está a amosar irregular neste comezo ligueiro recibe a un Barco que ocupa o liderato e conta os seus partidos por vitorias. O encontro será arbitrado polo colexiado santiagués Martínez Santos.

Un empate, unha vitoria e unha derrota. Variedade de resultados no comezo de competición dun Racing Vilalbés que aínda non atopou a regularidade que necesita para estar na zona alta da clasificación. Malia a derrota da última xornada diante do Xuvenil de Ponteareas, a imaxe dos chairegos foi boa, ao igual que no empate en Abegondo diante do Fabril. Os de Simón Lamas precisan pulir detalles e rematar de acoplar tódalas pezas para que a Madalena sexa un fortín diante dun dos grandes candidatos ao ascenso a Segunda RFEF.

Nos últimos anos, o Barco sempre está en tódalas quinielas para acadar o ascenso. Xa foron varios os proxectos ambiciosos do conxunto valdeorrés que non chegaron a acadar o obxectivo. O clube confioulle de novo o proxecto ao técnico Javi Rey, que retornou a Calabagueiros logo do seu paso polo Céltiga e o Arzúa, e confeccionou unha plantilla de auténtico luxo. Aos Ivi Vales, Rodri Alonso, David Álvarez ou Óscar Martín sumáronse futbolistas da talla de Juan Barbeito, Javi Pazos, o ex do Polvorín Duque, ou os monfortinos Iago López e Adri Díaz. Un cadro de xogadores de auténtico luxo que comezou a competición nun gran estado de forma sendo quen de gañar os tres encontros disputados diante de Silva, Estradense e Rápido de Bouzas.

O último encontro entre Racing Vilalbés e Barco na Madalena disputouse o 27 de xaneiro de 2019 e rematou con empate a un gol. Make e David Álvarez foron os autores dos tantos.

que opinan os protagonistas?

FERNANDO CUADRADO (RACING VILALBÉS)

  • Confianza no equipo. «É certo que acadar catro dos nove puntos en xogo pode verse como unha forma irregular de comezar a temporada, pero o certo é que o equipo atópase en boa forma. En Terceira sempre é difícil puntuar fóra da casa e penso que a pesar de non gañar ningún dos dous partidos, o equipo deixou boas sensación en ámbolos enfrontamentos. Agora toca xogar na Madalena e ten que ser un fortín para nós».
  • O Barco. «Agardo un partido moi disputado contra un dos favoritos da categoría, pero o Racing na casa sempre saca a súa mellor versión e imos saír con todo para demostralo este domingo».
  • A competencia en ataque. «Penso que en calquer equipo a competencia é boa, tanto a nivel individual, como para o conxunto do equipo. Pola miña parte estou moi contento co meu traballo e esforzo, tanto nos adestramentos como nos partidos e vou aproveitar as oportunidades que teña para demostrar que debo estar no once titular tódalas xornadas».

a axenda

PRIMEIRA NACIONAL

  • Peluquería Mixta Friol – Umia CF (Sábado ás 17:30 na Reigosa): logo dunha semana de descanso, as de Covi retorna á competición co obxectivo de seguir coa boa xeira de resultados.

TERCEIRA DIVISIÓN

  • Viveiro – Sofán (Domingo ás 12 horas en Cantarrana): despois de tres xornadas ante equipos con obxectivos distintos, os mariñáns reciben a un recén ascendido cos tres puntos entre cella e cella.
  • Polvorín – Fabril (Domingo ás 17 horas na Cheda): duelo de filiais. Os lucenses tentarán refrendar cun triunfo a boa imaxe deixada no campo do Ourense diante dos pupilos de Óscar Gilsanz, que polo momento non coñecen a derrota.

PREFERENTE AUTONÓMICA

  • Santaballés – Foz (Domingo ás 17:30 horas na Liga): os de Juan Rodríguez debutan na casa e buscarán un triunfo diante dun Foz que chega coa moral reforzada logo da vitoria diante do Escairón.
  • Atlético Escairón – As Pontes (Domingo ás 17:30 horas no Municipal): os do Saviñao buscarán reflexar en puntos as boas sensacións das dúas primeiras xornadas. Non o terán doado diante dos de Rafa Casanova, que non comezaron a liga da mellor maneira.
  • Residencia – Mugardos (Domingo ás 18 horas na Cheda): logo da derrota no último suspiro da pasada xornada, o cadro lucense buscará a primeira vitoria da temporada ante un rival co mesmo obxectivo.
  • Ribadeo – Lemos (Domingo ás 17 horas no Pepe Barrera): o empate diante do Mugardos deixou bo sacar de boca nun conxunto mariñán que buscará o triunfo diante da súa afección. Enfronte un Lemos que chegará con fame de vitoria logo de caer na casa no derbi ante a Sarriana.
Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 416

Deja un comentario