O partido Fisioterapia Ronda . . . Os tres equipos lucenses, ante o desenlace da primeira fase de Terceira

Domingo de fortes emocións no fútbol galego. O formato de competición artellado para esta temporada atípica trouxo consigo unha grande igualdade e boa parte dos equipos chegan a esta derradeira xornada da primeira fase de Terceira con moito en xogo. É o caso dos tres conxuntos lucenses. Polvorín e Racing Vilalbés disputan, xunto co Somozas, dúas das prazas que dan acceso á fase de ascenso, mentres que o Viveiro no ano do seu retorno a categoría nacional pelexa por acadar a permanencia pola vía rápida.

Repasamos os tres encontros con representación lucense, da man de Álex Ortiz, adestrador do Polvorín, e Simón Lamas, adestrador do Racing Vilalbés. Jesús Gómez “Chusky” declinou o convite de Futbolinugo para participar neste artigo.

POLVORÍN – ARZÚA (A Cheda, domingo ás 17 horas).

O filial albivermello é o único dos tres equipos da nosa provincia que depende de si mesmo. Cun triunfo diante do Arzúa, o Polvorín disputará a fase de ascenso a Segunda División B (a nova Segunda RFEF). No caso de non acadar os tres puntos tería que agardar que non os sumase Somozas ou Racing Vilalbés.

Con tan só unha derrota no 2021, o Polvorín chega a este encontro nun bo momento de xogo e resultados. O empate da última xornada en Vista Alegre impediulle aos de Álex Ortiz chegar coa clasificación no peto, aínda que a imaxe amosada foi de gran superioridade. Dani Vidal e Morais, que non foron da partida na última xornada diante do Estudiantil volverán ao equipo, no que seguirá sendo dúbida o central Nico. Bakary N’Diaye, que reforzou ao filial a pasada xornada atópase disputando a clasificación para a Copa de África coa selección mauritana.

O encontro tamén é vital para o Arzúa. O cadro adestrado por Javi Rey porá en xogo a permanencia e unha vitoria na Cheda serviríalle para acadar o obxectivo. O “queixo mecánico” afronta esta decisiva cita logo de catro xornadas sen coñecer a derrota, aínda que nos tres últimos encontros só puido empatar.

A opinión de Álex Ortiz

Foto: Endie DoaRúa

A progresión do equipo. “Fomos moi regulares durante toda a temporada e logramos medrar logo dun comezo moi accidentado no que tivemos sen poder competir varias xornadas, o que nos impediu gozar do parón de Nadal, pero soubemos repoñernos ás adversidades. O cadro de xogadores asimilou moi ben todo o que lle pediu o corpo técnico e deu clara mostra do seu carácter e das gañas de competir e superarse cada día”.

Un premio ao esforzo. “Obviamente que nos gustaría rematar entre os tres primeiros. Fixemos méritos para logralo, pero a última xornada será quen dicte sentencia. En ningún momento sentimos a obriga de xogar unha promoción de ascenso nin a presión de subir de categoría. Nós fomos día a día e as circunstancias e o traballo diario situáronnos nesta posición de privilexio. Vémolo como un premio ao gran esforzo de toda a temporada e se o logramos será motivo de gran felicidade, senón seguiremos pelexando e loitando cada partido para poder mellorar, que é o gran obxectivo deste grupo de rapaces”.

A vantaxe da alta puntuación. “Era algo que xa se falaba antes de comezar a competición. No caso de quedar no cuarto posto, a alta puntuación do noso subgrupo danos un marxe con respeto aos equipos do outro subgrupo, aínda que para nada é definitiva. Quedar entre os tres primeiros outórgache unha doble oportunidade que non tes desde a cuarta praza”.

– O encontro diante do Arzúa. “É un equipo que fai moitas cousas ben, con moita calidade sobre todo na parcela ofensiva con un Íker Hurtado moi entonado nas últimas xornadas. Intuimos que será un partido moi semellante ao disputado na primeira volta no seu campo, onde se disputou o control máis que a posesión. Eles son un equipo moito máis vertical e nós sentímonos máis cómodos co balón, aínda que tampouco temos problema para facer transicións. Creo que ser verá un encontro dese estilo, cun rival moi ordeado que buscará roubar o balón para saír veloces cara a nosa portería”.

SILVA – RACING VILALBÉS (A Grela, domingo ás 17 horas).

O Racing Vilalbés afronta a última xornada desde a cuarta praza da clasificación con 37 puntos, un menos que o Somozas e dous menos que o Polvorín. Polo tanto, o cadro chairego non depende de si mesmo para ser terceiro, polo que precisa dun triunfo e que o Somozas non gañe diante do Bergantiños. Tamén acadará billete para a fase de ascenso cunha vitoria e unha derrota do Polvorín, e incluso cun empate e a derrota do Somozas no seu campo.

O conxunto adestrado por Simón Lamas comezou a temporada co inequívoco obxectivo de acadar a permanencia unha temporada máis en Terceira, e malia a gran igualdade logrouno de xeito virtual xa fai varias xornadas, aínda que as matemáticas non permitiron celebracións ata a antepenúltima cita.

O Racing afronta este encontro, ao igual que o Polvorín, nun gran momento. Catro encontros consecutivos con vitoria e sen encaixar, tan só interrumpidos pola derrota diante do Fabril no encontro adiado, da mostra da solvencia dun conxunto que voltou a amosar a seguridade defensiva a que nos tiña acostumados.

Precisamente a boa labor da zaga é un dos puntos fortes do rival dos vilalbeses. O Silva, logo dunha temporada complicada, foi quen de chegar á derradeira xornada da primeira fase dependendo de si mesmo. Un triunfo deixaría ao conxunto coruñés fóra de todo perigo. Tamén acadaría a permanencia cun empate sempre que Arzúa e Fabril non logren os tres puntos, e incluso unha derrota dos de Javi Rey reportaríalle a salvación ao Silva, malia caer diante do Racing Vilalbés.

A opinión de Simón Lamas.

A tranquilidade do obxectivo acadado. “Chegar nesta situación á última xornada firmaríamolo ao comezo de temporada e tamén en moitos momentos durante a competición. Tivemos fases complicadas, sobre todo ao comezo da segunda volta con dúas derrotas consecutivas, pero fomos quen de sobrepoñernos ás adversidades que se nos foron presentando, o cal debemos valorar como se merece. É un éxito ter asegurada a permanencia de forma matemática desde fai un par de xornadas e poder vivir este derradeiro encontro con tranquilidade. Nunha competición na que a igualdade sempre é máxima, esta temporada tan atípica poñíanos a todos un pouco nerviosos, pero temos que considerala con un gran éxito”.

Unha vantaxe respeto aos rivais directos. “Para Somozas e Polvorín sería un mazazo importante non entrar entre os tres primeiros logo de moitas xornadas nesas posicións, incluso o Somozas na primeira volta falábase de que podía ser campión. A nivel psicolóxico sería un mazazo ter que xogar esta fase intermedia. Nós temos unha visión totalmente distinta e xa é un éxito chegar nesta posición á derradeira xornada. Vimos de menos a máis e contamos cunha gran vantaxe de puntos respecto ao cuarto clasificado do outro grupo, que aínda que non é definitiva, danos certa tranquilidade”.

O Silva. “Os partidos na Grela sempre son complicados, aínda que a experiencia de fai poucas xornadas nun campo semellante como é o do Fisterra será moi positiva. Creo que eles teñen o hándicap de ter disputados moitos encontros mércores-domingo nas últimas semanas e iso neste tipo de equipos como pode ser o Silva, ou mesmo nós, pasa factura. O encontro decidirase por pequenos detalles e gañará o que sexa mellor nas dúas áreas e controle o balón parado, xa que teñen moito poderío no xogo aéreo. Contan con tres centrais como Xusto, Fiuza e Antonio que son do mellor da categoría. Son un equipo que concede moi pouco con unha liña de cinco atrás e tres medios que impedin o ataque posicional do rival. Temos capacidade a nivel ofensivo  para xerar situacións de gol e sacar o encontro adiante dentro da igualdade que creo que existirá”

O partido en tres campos. “Como non dependemos de nós mesmos temos que xogar tamén co resultado dos outros campos. Está claro que o primeiro e primordial é gañar e partir de aí, desde o banquiño, saber o que sucede nos outros campos para poder actuar durante o encontro. Dada a gran igualdade desta categoría, o Polvorín e o Somozas teñen encontros moi complicados ante grandes rivais que tamén teñen moito en xogo. Temos claro que se logramos sacar adiante o noso partido, as posibilidades de entrar nos tres primeiros son moi elevadas”.

A incerto futuro institucional. “Agora mesmo non nos afecta porque temos un obxectivo polo que loitar e que nos motiva de forma suficiente. A min preocúpame máis como vilalbés e como socio que como adestrador. Sería unha pena que un club como o Racing non tivera continuidade, pero entendo que isto terá solución xa que é unha institución o suficientemente importante como para que a súa masa social o deixe morrer. Antes de que iso ocorra buscaríanse as solucións que foran precisas”.

VIVEIRO – FABRIL (Cantarrana, domingo ás 17 horas).

Choque entre dous dos implicados na pelexa pola permanencia. O conxunto mariñán parte desde a oitava praza con 28 puntos, un menos que o filial deportivista e que o Arzúa e dous menos que o Silva. As contas para evitar xogar a fase de permanencia pasan por gañar e agardar que Arzúa non sume os tres puntos diante do Polvorín ou que o Silva perda co Racing Vilalbés. Un empate ou unha derrota viveirense deixaría sen posibilidades ao equipo dirixido por Chusky de acadar o obxectivo pola vía rápida.

A boa imaxe amosada polo equipo nos dous últimos encontros nos que goleou ao As Pontes e acadou un importante empate no campo do Bergantiños, líder da categoría, debe ser o espello que se mire o Viveiro para tentar dobregar ao Fabril.

O equipo adestrado por Juan Carlos Valerón, que atravesou unha xeira moi negativa unha vez que Villares e Rayco pasaran a formar parte do primeiro equipo, foi quen de recuperar sensacións e nas últimas xornadas goleou ao Estudiantil e, malia o empate diante do Fisterra amosou unha boa imaxe e contou con ocasións suficientes para levar os tres puntos.

Imagen por defecto
Redacción Futbolinlugo
Artículos: 273

Deja un comentario