A Preferente chega ao seu momento decisivo. Con tan só catro xornadas por diante para o remate da primeira fase, tódolos equipos afrontan compromisos clave para o seu futuro. É o caso dos protagonistas do noso Partido Fisioterapia Ronda. Foz e Sarriana enfróntanse o domingo ás 17:15 horas no Martínez Otero, con obxectivos moi distantes pero con tres puntos vitais en xogo. Arbitrará o colexiado pontevedrés Vidal Cousido.
O CD Foz, coñecedor desde xa fai xornadas que pelexará pola permanencia, precisa con urxencia sumar puntos para chegar con opcións de salvación a unha segunda fase que se prevé complexa para os conxuntos lucenses. O conxunto de Jesús Gayol viuse penalizado durante todo o campionato pola falta de contundencia nas dúas áreas, pero moi especialmente na rival. Con tan só doce goles é o conxunto menos anotador do subgrupo. Non será da partida o central Roi, que cumprirá un encontro de sanción por acumulación de cartóns.
O vindeiro martes, día de entroido, o Foz disputará outro encontro clave diante do Santaballés, rival directo pola permanencia, correspondente á decimosexta xornada e que fora adiado por casos de Covid-19.
Moi distinta é a situación da Sarriana. Líder con corenta e cinco puntos, invicto na Ribela,corenta e catro goles a favor e tan só doce en contra en vinte encontros disputados. Números deslumbrantes os do conxunto dirixido por Edu Rodríguez, que sen embargo, baixa lixeiramente as prestacións lonxe do seu campo, o que fai que o derbi provincial gañe en interés.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
O último enfrontamento entre Foz e Sarriana no Martínez Otero tivo lugar o 25 de abril do 2021 e rematou con triunfo visitante por tres goles a catro. Diego Chao en dúas ocasións e Noceda anotaron para os mariñáns, mentres que para os visitantes marcou dous Omar, Diego Rey e Gerardo.
a axenda
Primeira Nacional Feminina
- Peluquería Mixta Friol – Versalles (Sábado ás 16:30 horas na Reigosa): o cadro lucense tentará darlle continuidade á súa gran racha que as situou no liderato do grupo 1. Enfronte un conxunto asturiano situado na novena posición que chega nun bo momento de resultados.
Preferente
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
- Escairón – Residencia (Sábado ás 16:30 horas no Municipal): última oportunidade para o cadro local de poder sumar puntos que o coloquen con opcións de acadar a permanencia. Enfronte o cadro adestrado por Dani Galán, buscará sumar tres puntos que acheguen ao obxectivo da salvación.
- Santaballés – Ribadeo (Domingo ás 17:15 horas na Liga): os de Juan Rodríguez tentarán rachar coa súa mala xeira antes do trascendental encontro diante do Foz. O cadro ribadense, no seu mellor momento da temporada, non quererá deixar pasar a ocasión de abandoar os postos de promoción de permanencia.
SEGUNDA AUTONÓMICA (última xornada da primeira fase nos subgrupos 1A e 1B)
Grupo 1A
- Xermade – Iberia (Domingo ás 16:15 horas no Municipal): o cadro local xogará a fase de permanencia da que quere saír o Iberia. Os de José Manuel precisan sumar un punto máis que o Candelaria ou ben gañar e que non o faga o Celta Barreiros.
- Candelaria – San Ciprián (Sábado ás 16:15 horas na Granda): derbi cervense con moito en xogo para os dous conxuntos. O cadro local depende de si mesmo para xogar a fase de ascenso. Un triunfo garántelle aos de Jaime Matouse xogar a promoción a Primeira. O Sanci, xa clasificado, tentará manter o liderato.
- Celta Barreiros – Cabreiros (Sábado ás 16:15 horas no Cascabeiro): o cadro barreirense, logo da derrota no derbi das praias, xógase a súa presencia na fase de ascenso. Depende de si mesmo para lograr o pase. Un triunfo dalle o pase e un empate tamén, sempre que non gañe o Iberia. O Cabreiros, xa clasficado, buscará arrebatarlle o liderato ao Sanci.
Grupo 1B
- Abadín – Cospeito (Sábado ás 16:15 horas no Municipal): o cadro visitante é o que parte con máis posibilidades do subgrupo para xogar a fase de ascenso. Cun punto garante a súa participación, e incluso unha derrota podería valerlle. O Abadín tentará lograr o primeiro triunfo da temporada.
- Muimenta – Goiriz (Sábado ás 16:15 horas no Pichón): cuarto contra quinto. Ámbolos dous con 17 puntos. Un triunfo local sérvelle para xogar polo ascenso, pero cun empate dependería de terceiros. O Goiriz precisa dun triunfo no Pichón.
- Matela – Guitiriz (Sábado ás 16:15 horas en San Lourenzo de Aguiar): o cadro local necesita un triunfo e agardar o resultado do Muimenta-Goiriz para saber se xogará polo asenso. O seu rival xa ten o pase no peto e só pelexará por manter o segundo posto.
- Fonsagrada – Meira (Sábado ás 16:15 horas no Gómez Besteiro): remotas opcións para o Fonsagrada de meterse no playoff de ascenso, pero cun triunfo podería lograr o seu pase se o resultados dos rivais o acompañan. O Meira é líder e así rematará a primeira fase.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)