Dani Vidal e Arturo marcan o seu primeiro gol en Terceira División

A 1ª xornada da Segunda Fase na Terceira División xa contribuíu a seguir clarificando posicións. No grupo do ascenso as diferenzas cada vez son maiores. O Bergantiños e o Arenteiro aséntase nas prazas que dan dereito a xogar na 2ª RFEF. Só o Polvorín mantén unha distancia máis curta. O triunfo ante o Alondras tivo un protagonista claro, Dani Vidal. Arturo Calvo ou Brais Prieto foron outros relevantes dos #LucensesNaTerceiraGalega.

Grupo ascenso:

Iago López xogou todo o encontro na remontada apoteósica do Bergantiños ante o Alondras (3-2). Os tres puntos mantéñeno na cabeza con seis de marxe sobre o 3º (Polvorín).

O central monfortino viu diante de si como Yhave lle pegaba ao balón para marcar o 0-2. Pero o cadro de Carballo conseguiu refacerse. Incluso, Iago López xerou unha ocasión. Aínda que rematou forzado no segundo pau un saque dende o recanto.

A un punto do Bergan, segue o Arenteiro de Víctor Eimil. O vilalbés volveu ser da partida na visita As Somozas. O colectivo de Carballiño venceu pola mínima.

Víctor volveu participar no único gol do partido. Pelexou por un balón que finalmente levou o seu compañeiro Marcos Alonso. Deixoulla ao pé de Álvaro Naveira.

Aldán Naval non tivo minutos no conxunto de Ferrolterra. O Somozas queda a nove puntos do ascenso directo. Quedan quince en xogo.

O Polvorín ten opcións de subir directamente á 2ª RFEF. Foto: Endie doa Rúa

A cinco puntos do Arenteiro, sitúase o Polvorín (ambos xogan o seu partido esta finde). Julen, Dani Vidal e Marcos saíron de partida na vitoria ante o Arousa. Marcos saíu no segundo tempo e nos últimos intres tamén entrou Martín.

Daquela xa se producira o único gol do encontro. Foi ao redor do minuto 70 cando Dani Vidal se estreou como goleador na Terceira Galega. O tanto produciuse nunha segunda xogada na que no lado contrario tivo tamén protagonismo o lucense Ross.

Antón Escobar recibiu un balón de costas dentro da área. Ross crúzase no camiño do atacante cunha boa acción defensiva. Pero a súa vez, o capitán Marcos atravésase no intento de Ross de completar esa acción en defensa. O balón vólvelle caer a Escobar. De primeiras, centra atrás onde agardaba pola pelota Vidal. O xogador de Portomarín remata de primeiras á esquerda dun Álex Cobo ao que non lle deu tempo a estirarse.

Dani Vidal acumula vinte e dous encontros este curso na Terceira. Xogouno practicamente todo na segunda tempada na categoría. Unidos as dezasete participacións do ano anterior, está a un encontro de xogar corenta na categoría. Só faltou a un partido nesta campaña. Álex Ortiz confía no xogador como un dos referentes no centro do campo albivermello.

Pola súa banda, Ross volveu esta semana ao equipo titular do Arosa logo de cumprir sanción. O único encontro tamén que se perdeu no que vai de competición. O Arousa tamén se atopa a nove puntos das prazas de ascenso.

Grupo play off ascenso:

Ao suspenderse o Racing Villalbés – Rápido de Bouzas, só se xogaron dous encontros neste grupo. Ambos con presenza lucense. Aínda que con resultados distintos para os da provincia.

O Choco colócase a seis puntos do Racing Villalbés ao vencer en Abegondo ao Fabril. O centrocampista Alberto Suárez xogou todos os minutos.

Neste grupo o Silva é o equipo que máis alonxado está nestes momentos de entrar no play off. Perdeu no duelo ante o Estradense (1-4), a pesar de que comezou gañando. Xusto foi titular e xogou todo o encontro na Grela.

Grupo permanencia:

O Arzúa lidera a zona de salvación ao vencer pola mínima ao Pontellas. Os tres lucenses do equipo coincidiron no campo como titulares por primeira vez na tempada. Á habitual presenza de Álex Vázquez e Pedro Delgado, uníuselle Brais Prieto.

O centrocampista de Frexulfe foi titular por primeira vez na tempada. E polo tanto, primeira vez titular en 3ª División. Na primeira fase Brais xa chegara a debutar. Participou en tres encontros. Sempre entrando no segundo tempo. Ante o Pontellas xogou case unha hora de partido e logo foi trocado por Marcos García que acabaría marcando o gol do partido.

Arturo marcou o seu primeiro gol en Terceira

En postos de salvación tamén se sitúa o Viveiro. Conta con tres puntos de marxe sobre o descenso. O cadro viveirense derrotou ao Atios pola mínima. Trece xogadores da provincia tiveron protagonismo no partido. Pero sobresaíu Arturo Calvo porque anotou o gol do triunfo. Supón o primeiro gol da campaña e o seu primeiro na Terceira para o atacante celeste.

O Ourense CF de Julio Delgado perdeu a condición de estar fóra dos postos de descenso. Perdeu no seu duelo no Arasolis ante o Fisterra. Julio foi titular e foi despois trocado no último cuarto de hora de xogo.

Máis lonxe da salvación está o As Pontes de Brais Vázquez. Perdeu precisamente contra o rival que marca a zona de permanencia. Caeu no Poboado ante o Ribadumia. Sitúase a dez puntos do conxunto da Senra. O gardamallas Brais volveu ser titular por terceiro encontro seguido.

Imagen por defecto
Redacción Futbolinlugo
Artículos: 273

Deja un comentario