#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

O Partido Fisioterapia Ronda . . . Escairón – Santaballés: un derbi provincial para subir o pano da Preferente

Pouco a pouco volta a actividade normal aos nosos campos. A pasada xornada botou a andar a Terceira e hoxe faino a Preferente cun partido adiantado á xornada do domingo. Nen máis nen menos que un derbi provincial entre o Escairón e o Santaballés, que terá lugar no Municipal do Saviñao ás 18:15 horas, arbitrado polo colexiado lucense Lago Barreiro.

O conxunto local, que retorna á Preferente logo de non disputar a competición exprés da temporada pasada, afronta unha nova etapa da man do soberino Julio Corral, un técnico de sobrada experiencia e cun amplo currículum de ascensos nos conxuntos da zona sur da provincia, pero que afronta a súa primeira aventura na categoría. Para acadar o obxectivo de consolidar o clube en Preferente, conta cun grupo conformado maioritariamente por xogadores nados no Saviñao ou concellos limítrofes. Aos máis que contrastados Aitor, Rubén Cidre, Marzán, Pandiani ou Julito, entre outros, únese savia nova con moitas gañas e calidade, como é Etham, Maki ou Nico. Ademáis, os reforzos de Carrasco, Meji, ou o gardameta canario Álex Ávila daranlle ao equipo un plus de competitividade.

O Santaballés parte co mesmo obxectivo que o seu rival desta tarde, que non é outro que a permanencia. Os chairegos parten cunha plantilla continuista respecto á pasada temporada, na que realizaron un moi bo papel, pero cun corpo técnico renovado. Dani Moirón deixoulle o seu sitio no banquiño da Liga a Juan Rodríguez, que tamén vivirá o seu debut na categoría. Logo do seu bo facer na SD Chantada, o xove técnico tentará repetir o éxito da última campaña, aínda que nunha competición totalmente distinta.

Falamos do encontro cos dous técnicos: Julio Corral e Juan Rodríguez.



Que opinan os Protagonistas?

JULIO CORRAL (ATLÉTICO ESCAIRÓN)

  • O debut. «Non chegamos ao nivel óptimo que a min me gustaría, logo de que moitos xogadores leven máis dun ano sen xogar. Pero temos que afrontar o partido da mellor forma posible, dar unha boa imaxe e intentar acadar os tres puntos. Sempre fun ambicioso, pero debemos ser realistas e ir partido a partido. Aínda que temos bos xogadores, o obxectivo é manterse e ir consolidando ao equipo para seguir medrando».
  • O Santaballés. «Será un partido duro. Eles comezan a competición co mesmo obxectivo que nós. A Juan coñezoo desde fai moito tempo e ben seguro que non nos porá as cousas doadas. A día de hoxe non me preocupa o rival ao que me enfronto e si máis o que podamos ofrecer nós, xa que, varios xogadores dos que estarán hoxe non xogaron xuntos e aínda quedan moitos mecanismos por optimizar como bloque».
  • O reto da Preferente. «Donde mellor me desenvolvo e no fútbol formativo. Levo moitos anos e con moitas xeracións. A Preferente era unha asinatura pendente e espero dar a talla. Estou contento coa pretemporada que fixemos, posiblemente a máis completa que fixen en fútbol senior, pero isto do fútbol é complexo e agardo que os resultados acompañen».

JUAN RODRÍGUEZ (SD SANTABALLÉS)

  • O equipo. «Estou moi contento co traballo da pretempada, desde o primeiro ata o último día. É certo que nos amigables tivemos actuacións moi variables, pero eran un proceso para chegar preparados para o día de hoxe. De tódolos xeitos, temos o hándicap de xogadores que arrastran lesións e que non podemos contar con eles para este comezo. O equipo chega preparado».
  • O Escairón. «É un equipo que na súa casa será moi complicado, terán moito ritmo, intensidade, xogo vertical e conta con xogadores con moita calidade, sobre todo na parcela ofensiva. Creo que o equipo que menos erros cometa será o que se leva o partido. Imos con toda a ilusión do mundo a polos tres puntos».
  • A permanencia nun grupo complexo. «O nivel do subgrupo creo que será alto, aínda que haberá bastantes diferencias entre moitos deles. Logo dunha temporada rara como foi a pasada non me atrevo a facer moitos pronósticos. É posible que moitos adestradores coñezamos o nivel individual das plantillas, pero o que conta é o grupal e temos que observalo a partir de agora. Sen dúbida, que será un grupo competitivo e complicado e nós estamos convencidos de competir ao máximo en cada encontro que disputemos».

a axenda

A Terceira.



  • Racing Vilalbés – Sofán (Domingo ás 17:30 na Madalena): logo da boa imaxe amosada ante o Fabril, os de Simón Lamas buscarán o primeiro triunfo da temporada ante o recén ascendido Sofán.
  • Viveiro – Ourense CF (Domingo ás 17:30 horas en Cantarrana): os mariñans tentarán facer bo o punto acadado en Redondela. Non o terán doado ante uns dos favoritos ao ascenso, pero que caeu con estrépito na xornada inagural.
  • Polvorín – Choco (Domingo ás 17 horas na Cheda): o filial albivermello debuta na competición unha vez completada a xornada de descanso. Boa pedra de toque para o novo proxecto de Álex Ortiz.

A Preferente.

  • Residencia – Betanzos (Domingo ás 12 horas na Cheda): os pupilos de Dani Galán buscarán a primeira vitoria na casa ante un histórico do fútbol galego que retorna á Preferente.
  • Ribadeo – Victoria (Domingo ás 18 horas no Pepe Barrera): o novo proxecto ribadense bota a andar con Dani Moirón aos mandos. Reciben a un conxunto coruñés que non lle porá as cousas doadas.
  • Sarriana – Mugardos (Domingo ás 18 horas na Ribela): o conxunto local parte como gran favorito ao ascenso da man de Edu Rodríguez. Reciben a outro dos galos, un Mugardos que conta nas súas filas co viveirense Fidi.

O Partido Fisioterapia Ronda . . . Escairón – Santaballés: un derbi provincial para subir o pano da Preferente

Diario Dun Mercado. Episodio 255

O Partido Fisioterapia Ronda . . . Escairón – Santaballés: un derbi provincial para subir o pano da Preferente

O anecdotario: «O anel, o maldito anel»,

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *