O partido da xornada . . . Sarriana – Barbadás: o pase á Copa do Rei xógase no Sangoñedo

Coa temporada regular rematada, Sarriana e Barbadás, terceiros clasificados nas fases de ascenso no grupo norte sur, respectivamente, disputan o domingo ás 18 horas no campo do Sangoñedo a fase previa da Copa do Rei.

Luca´s Grill
Moreno´s Pizza

Calquera dos dous conxuntos partían co obxectivo de acadar o ascenso a Terceira División e quedaron ás portas de logralo, a Sarriana por segundo ano consecutivo. O equipo que logre vencer será o representante galego na primeira eliminatoria copeira, que o enfrontará cun conxunto da mesma categoría, pero doutra comunidade autónoma. O que sexa quen de gañar esa eliminatoria recibirá no seu campo a un Primeira División.

Con numerosas baixas afronta a Sarriana o encontro mentalizado da importancia do mesmo, e consciente da boa oportunidade que é para o club. Aínda que o obxectivo claro era o ascenso, a clasificación para a Copa suporía unha inxección moral para un grupo que quere rematar a temporada con bo sabor de boca.

Deportes Élide

O Barbadás amosou durante toda a temporada o seu bo nivel. Na primeira fase rematou segundo, amplamente superado pola intratable UD Ourense, pero sendo quen de amosar unha gran solidez defensiva, que suplía a falla de acerto cara a portería. Na segunda fase foi quen de manter o pulso aos dous conxuntos que logaron o ascenso, UD Ourense e Gran Peña, e logrou arrebatarlle a terceira praza ao filial do Pontevedra.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

ÓSCAR RIVAS (SARRIANA)

  • Ilusión pola Copa. «É un partido importante para nós e tamén para o club, para que cada vez sexa máis coñecido e poda ser máis grande. Por iso o afrontamos con moitas ilusión. Estas dúas semanas non foron doadas logo de non acadar o ascenso, pero tampouco quero que se tome como unha decepción. Ascender sempre é complicado e máis con este formato».
  • Mal momento no tramo final. «Non chegamos ben aos encontros decisivos da temporada. Sancións e lesións, sobre todo a de Omar, condicionáronnos para os encontros máis importantes do ano, sobre todo para o de Arteixo, que aínda que o perdemos por tres goles, o resultado pode considerarse enganoso».
  • Resumo da temporada. «Considero que fixemos un bo ano. Non podo decir que perfecto porque non fomos quen de ascender. Chegou un corpo técnico novo, con xogadores novos, pero fomos quen de asimilar a idea do míster con rapidez e fomos capaces de xogar moi ben ao fútbol. A temporada foi de notable alto».
  • Valorar o acadado. «Os que levamos un tempo no fútbol debemos saber valorar o complexo que era gañar cando o facíamos cada semana. E tamén ser conscientes do complicado que é acadar un ascenso. É necesario facer unha temporada de dez para lograr dar o salto de categoría. Podemos sacar moitas cousas positivas desta temporada e creo que se lle debería dar continuidade ao proxecto. Nunca se sabe cando pode chegar o ascenso, pero nesta liña penso que estaremos preto de conseguilo».
  • Agradecemento á afección. «Daba gusto ver o campo do Arteixo ateigado de xente da Sarriana e animo a tódolos seareiros a que se acheguen ao Sangoñedo dar folgos ao equipo para poder xogar unha competición tan coñecida como a Copa do Rei. Aínda que temos baixas sacaremos a mellor versión de nós para tentar darlles unha alegría».

A AXENDA

COPA DEPUTACIÓN – PREFERENTE E PRIMEIRA AUTONÓMICA

  • Portomarín – Residencia (Sábado ás 18 horas no Chao da Poza): dous conxuntos que se verán as caras o vindeiro ano en Preferente. O conxunto local, que chega nun gran momento, porá a proba a unha Residencia aínda eufórica tras acadar a permanencia.
  • Santaballés – Ribadeo (Domingo ás 18 horas na Liga): os de Juan Rodríguez tentarán darlle unha alegría á súa afección despois de non poder manter a categoría. Enfronte un Ribadeo que defende o trono.

COPA DEPUTACIÓN – SEGUNDA E TERCEIRA AUTONÓMICA

  • Friol B – Iberia (Domingo ás 17 horas na Reigosa): o filial do Friol é unha das grandes sensacións da Copa. Recibe a un Iberia que é dos grandes favoritos para acadar o título, pero que tivo que solventar por penaltis as dúas últimas eliminatorias.
  • Paradela – Becerréa (Domingo ás 18 horas no Gandarón): logo de eliminar ao Sober, o conxunto local buscará subir un chanzo máis. Para iso terá que derrotar a un Becerreá desexoso de levar a Copa e sacar o mal sabor de boca da última xornada ligueira.
Imagen por defecto
Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Artículos: 499

Deja un comentario

Los datos que proporciones mediante este formulario serán tratados por Futbolinlugo como responsable de esta web. La finalidad de la recogida de estos datos se realiza solamente para responder y moderar los comentarios. Estos datos estarán almacenados en los servidores de PROFESIONAL HOSTING, situados en la Unión Europea (política de privacidad de Profesional Hosting). Puedes ejercer tus derechos de acceso, rectificación, limitación y supresión enviando un correo electrónico a diegopolc8@gmail.com.