O partido da xornada . . . S.D. Chantada – S.D. Monterroso: os de Óscar Méndez poñen a proba a imbatibilidade do Sangoñedo

Neste fin de semana de ponte festiva, no que xa se atisba moi de preto o Nadal, a Primeira Autonómica non descansa, e é a única categoría do noso fútbol masculino que disputa unha nova xornada ligueira. Un dos encontros máis sobranceiros da decimocuarta xornada é o que enfrontará a Chantada e Monterroso no Sangoñedo, o venres ás 16:15 horas.

O Chantada é quinto clasificado, cinco puntos por debaixo do Monterroso, segundo na táboa en posto de ascenso a Preferente. Os chantadinos contan por triunfos os seus encontros no Sangoñedo. No seu feudo ninguén foi quen de puntuar nesta temporada, pero lonxe del os de Juan Rodríguez empeoran notablemente os seus resultados. Con tan só un triunfo a domicilio, o acadado na segunda xornada na Veiga ante o Riotorto e algún empate meritorio na Marosa ou no Municipal de Outeiro, a S.D. Chantada non foi quen, polo momento, de acadar a regularidade necesaria para optar a unha, cada vez máis competida, praza de ascenso.

Os xogadores da casa son a aposta, unha temporada máis, do adestrador do Chantada, Juan Rodríguez

Pola súa banda o Monterroso xa deixou de ser a revelación da temporada para ser un firme candidato a pelexar polos postos de privilexio da categoría. O cadro adestrado por Óscar Méndez reforzouse de xeito inmellorable logo dunha última temporada complicada e ocupa a segunda posición dunha Primeira Autonómica na que cada ano a pelexa polo ascenso é unha loita sen cuartel. O cadro monterrosino é o único conxunto da categoría que se mantén invicto lonxe de Cerdeiriños, polo que o encontro ante un conxunto que non cede na súa casa, como é o Chantada, preséntase apaixoante.

Antas foi un dos principais reforzos do Monterroso para esta temporada

O último enfrontamento entre ámbolos conxuntos no Sangoñedo tivo lugar o 18 de novembro de 2019 e rematou con triunfo local por tres tantos a dous. Traste, en dúas ocasións, e Manu anotaron os tantos do Chantada, mentres que Lucas, este ano nas filas do Chantada Atlético fixo os dos tantos do Monterroso.

Falamos con dous dos máximos goleadores da categoría: Javi Ramos (Chantada) e Lorenzo (Monterroso).

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

JAVI RAMOS (S.D. CHANTADA)

 – O Monterroso. “Agardamos un partido moi duro e disputado, o típico dun derbi. Anos anteriores o Monterroso foi un rival moi incómodo no Sangoñedo. Este ano levan unha traxectoria moi boa, o que xa nos anticipa a dificultado do encontro“.

– Falta de regularidade.Non logramos unha continuidade nos resultados e iso fai que fóra da casa teñamos fases nos partidos que nos custen un pouco máis. Esa falta de confianza e de acerto, nalgunha ocasión en momentos chave, fixo que se nos marcharan puntos que nos permitirían estar un chanzo máis arriba. Certo é que na casa están saíndonos mellor as cousas, pero penso que aínda podemos mellorar o noso rendimento, tanto fóra como no Sangoñedo“.

– O proxecto. “É o máis valioso que temos e debemos darlle continuidade. Por iso algúns xogadores seguimos aquí despois de tantos anos. Se podemos loitar polo ascenso ou non verémolo máis adiante, pero agora estamos en disposición de competirlle a liga a calquera. Se temos ese acerto e un chisco de sorte seguro que poderemos estar loitando ata o final. Aínda que o Escairón ten unha pequena vantaxe de puntos, seis ou sete equipos poden estar aí arriba, ogallá sexamos un deles“.

LORENZO (S.D. MONTERROSO)

 – O Chantada. “Tendo en conta que o encontro se disputa no Sangoñedo e o nivel do rival, son consciente que levar os tres puntos non será doado. O que máis me preocupa é que dos partidos xogados na casa non deixaron fuxir ningún punto. Aínda así, estamos preparados para afrontar un derbi coma este, e non me cabe dúbida que nos podemos facer coa vitoria“.

– A clave da boa temporada. “Houbo cambios e renovacións no equipo, que fixo que o grupo fose moi cohesionado e implicado e os resultados están ahí. Ademáis, o corpo técnico xoga un papel importante tamén no bo funcionamento do equipo esta temporada“.

 – A pelexa polo ascenso. “Afrontamos cada partido con moitas ganas e tal como o facemos ata o de agora manterémonos ata o final. É certo que non podemos despistarnos, hai equipos que irán mellorando co transcurso da competición, pero sei que podemos e que temos opcións de manternos na zona alta ata o final“.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario