#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

O partido da xornada . . . Racing Vilalbés – Bergantiños C.F.: o líder examina o bo momento dos de Simón Lamas

Nunca é bo momento para recibir ao primeiro clasificado, pero se calquera siareiro do Racing Vilalbés tivera que elixir un, ben seguro que sería agora. Este sábado, ás 17 horas a Madalena vestirase de gala para o encontro entre o conxunto local e o Bergantiños, líder da Terceira División.

O cadro chairego encadea cinco partidos sen coñecela derrota. Once puntos conseguidos dos últimos quince en xogo, fixeron que os de Simón Lamas abandoaran, moitas xornadas despois, os postos de descenso. Os triunfos ante rivais directos como Boiro ou Arenteiro, así como o da última xornada ante o Laracha de Gilsanz fixeron que o mal comezo dos vilalbeses quedara atrás.

O Racing Vilalbés atravesa o seu mellor momento da temporada

Logo da mellor temporada na historia do clube, o cambio na dirección técnica, con Xoan Peón á fronte, non deu os resultados agardados. As novas fichaxes, que chegaron para sustituír homes importantes na campaña anterior, tampouco deron o rendimento axeitado, e co paso das xornadas, o Racing Vilalbés habitaba, case por rutina, nos postos baixos da táboa. A chegada de Simón Lamas, que lle deu continuidade á gran labor realizada nos últimos anos por Óscar Gilsanz, revitalizou ao plantel. Agora, reforzados tamén co retorno de Diego Villares, cedido polo Fabril, o Racing afronta o último tercio de competición nunha boa dinámica de xogo e resultados, e coa permanencia máis factible ca nunca.

O Bergantiños recuperou o liderato da Terceira na pasada xornada, logo dun agónico empate ante a S.D. Compostela. O cadro de Carballo é un plantel feito para acadalo ascenso a Segunda B. Logo do intento fallido da última temporada, na que caeron na primeira rolda da promoción, o novo proxecto dos de Miguel Filgueira volve na mesma dirección. A saída de xogadores importantes como os lucenses Iago López ou Pablo Antas, así como Rodri Alonso ou o ex racinguista Iago Blanco tiveron recambios de garantías. Jorge Cano, Cañi, Marcos Rodríguez, Marcos Caridad, Diego, etc, xunto cos Borja Facal, Jorge Sáez ou o pichichi Rubén Rivera da unha idea do potencial do Bergantiños.



Rubén Rivera, xogador do Bergantiños, é o pichichi da Terceira, xunto co arousán Sylla

Os de Miguel Filgueira son un conxunto moi perigoso lonxe das Eiroas. Acadaron oito triunfos a domicilio, o mesmo número que no seu feudo, logrando vencer en campos tan complicados como San Lázaro ou a Lomba.

O último enfrontamento entre ámbolos conxuntos na Madalena foi o 7 de xaneiro do pasado ano, rematando con triunfo racinguista por un gol a cero, obra de Álex Pérez.

Falamos con Xusto, un fixo no centro da zaga do Racing Vilalbés, así como co único lucense nas filas do Bergantiños, Álex Diéguez, xogador formado no C.D. Lugo e malia súa xuventude xa goza de minutos importantes no líder da Terceira.



QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

XUSTO (RACING VILALBÉS)

 – A boa racha. «Agora mesmo levamos unha boa racha de resultados. Cambiou a dinámica, estamos nesa fase que todo sae bastante ben e temos que aproveitalo. Antes era ao contrario, unha dinámica negativa na que encaixábamos gol moi facilmente, e para marcalo tiñamos que crear moitas ocasións. Ademáis, o equipo non baixou os brazos en ningún momento e seguiu traballando moi duro en cada adestramento e en cada partido».

– O Bergantiños. «Sabemos que vai ser un partido moi complicado, por algo é o líder. Pero somos conscientes de que temos moitas opcións de sacar algo positivo, xa que o equipo está moi forte na casa. Eles teñen un gran potencial a balón parado e moitas individualidades. Contan con xogadores moi determinantes na categoría».



– Cambios respecto da pasada temporada. «Marcharon xogadores moi importantes e viñeron outros moi xoves, que teñen un gran futuro, pero que teñen que ir curtíndose pouco a pouco na categoría. Tamén influiu o cambio de adestrador. Con Óscar estabamos moi acostumados a un estilo de xogo e coa chegada de Juan quizáis o equipo modificou ese estilo e non nos beneficiou para nada. Con Simón voltamos de novo á forma de traballar de anos anteriores e o equipo está a competir moi ben. Tamén é certo que o o ano pasado foi algo excepcional, unha temporada perfecta, na que todo saiu xenial e que será moi complicado de repetir».

 – Os lucenses da Terceira. «Creo que tanto Polvorín, que leva unha xeira moi boa, coma nós que estamos no camiño correcto, acadaremos a permanencia. Non vai ser doado, xa que tódolos equipos apretan cada vez máis. Ogallá ascenda tamén o Viveiro que está moi forte. É un equipo no que estiven e que lle gardo un especial cariño e no que teño bos amigos».

ÁLEX DIÉGUEZ (BERGANTIÑOS C.F.)

 – O liderato. «Vai ser unha segunda volta moi complicado. Debemos seguir nesta liña para mantelo primeiro posto. Hai rivales con xogadores de moita calidade e moita veteranía, polo que os primeiros postos van estar disputadísimos ata o final».

 – O encontro na Madalena. «Afrontámolo con moita ilusión. Recuperamos o primeiro posto e queremos mantelo ata o final de temporada. O Racing Vilalbés é un equipo moi forte no seu campo e ademáis teñen xogadores con moita calidade individual».

– A temporada no Bergantiños. «Está sendo unha experiencia incrible, xa que, desde que cheguei me acolleron moi ben e adapteime moi rápido. É un grupo moi bo tanto a nivel persoal como deportivo».

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Segunda División Feminina

 – C.D. Lugo P.M. Friol – Oviedo Moderno C.F. (Domingo ás 17 horas na Reigosa): no terceiro posto, con cinco puntos de marxe sobre o cuarto afrontan as rapazas de Josito Jul o encontro ante as asturianas, segundas clasificadas. Un triunfo das lucenses deixaría o ascenso a Primeira B practicamente encarrilado.

Primeira Galega Feminina

 – S.D. Antas – Arcadia E.F. (Domingo ás 17 horas no Castro Seoane): importante encontro pra as rapazas de Melendo, na procura de seguir fóra dos postos de descenso. Reciben a un conxunto da zona media-alta da táboa

Segunda Autonómica

 – S.D. Guitiriz – Mondoñedo F.C. (Domingo ás 16:30 horas no Suso Cruz): o líder recibe no seu feudo aos de Israel Cruz, segundo conxunto menos goleado da competición. Os locales precisan un triunfo pra seguir no primeiro postos, mentras que os mindonieneses pra fuxir case que definitivamente do perigo.

 – Iberia C.F. – E.D. Lourenzá (Sábado ás 12 horas nas Valgas): os de San Miguel, logo de golear ao Valadouro, buscan outro triunfo que os alonxe da zona perigosa. Enfronte, o conxunto de Diego Rego, quere entrar en postos de ascenso.

 – A.D. Bóveda – S.D. Oural (Domingo ás 16:30 horas no Hermanos Somoza): terceiro contra cuarto. Ámbolos conxuntos aspiran a apartalo San Roque do segundo posto. Os de Cabanelas no seu campo amósanse moi fortes nesta temporada.

– S.D.C. San Lázaro – S.D.C. San Roque (Sábado ás 17 horas na Ponte): sete puntos dos últimos nove para o conxunto local desde a chegada de Diego Rey ao banco. Non será praza doada para o San Roque, que pretende conservalo posto de ascenso que ocupa actualmente.

O partido da xornada . . . Racing Vilalbés – Bergantiños C.F.: o líder examina o bo momento dos de Simón Lamas

Os sobranceiros da Terceira na 18ª xornada

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *