Din que ninguén é profeta no seu pobo. Moitas veces é porque non se lle dá a oportunidade ao nativo. Pero tamén hai excepcións. Simón Lamas Trinidad (9 – 01- 1992, Vilalba) quere romper o dito, aínda que algo de profeta xa é. Con el de coordinador a base do Racing Vilalbés está vivindo a mellor época da súa historia. Foi o primeiro adestrador en levar ao cadro chairego á División de Honra xuvenil. O soño era claro, a espera prudente e o momento nunca se sabe cal é o correcto. Simón fichou no verán polo Santaballés no seu primeiro proxecto á fronte dun equipo sénior. Non obstante, as necesidades do Vilalbés modificaron os plans. Presentouse a oportunidade de cumprir o soño, con menos espera e nun momento non agardado. Dende aquela as sensacións pola Madalena son outras, aínda que os resultados e a clasificación apreta. Por diante, unha segunda volta difícil, pero con mandato da casa.

Futbolinlugo: Que valoración fas da primeira volta do equipo?

Simón Lamas: A puntuación é moi escasa. En canto a nivel de fútbol e sensacións, polo menos dende que cheguei, vese unha progresión. Intentamos volver as orixes e a ideoloxía do club. Volvemos ser un equipo competitivo, máis alá de que este último tramo co Tourmalet (Compostela, Arousa, Racing de Ferrol e UD Ourense) complicou un pouco o bo traballo que empezamos. Na valoración do traballo de Juan Peón non quero entrar, só poido facer o xuízo dende que entrei. Os números son unha media para estar na metade da táboa (10 puntos en 9 partidos).

“Os adestradores temos que gañarnos aos futbolistas coas decisións que tomamos”

Fil: Como atopaches o vestiario cando chegaches a finais de outubro?

SL: A acollida que me deron os xogadores e o corpo técnico foi moi boa. Para unha persoa inexperta como a min nestas categorías, foi importante sentir aos xogadores receptivos. A partir de aí, os adestradores temos que gañarnos aos futbolistas coas decisións que tomamos cada partido e en cada adestramento. Poido dicir que o vestiario está unido. Tal e como están as cousas dentro, podemos sacar a situación para diante.

Fil: E ti, como te atopaches? Como foi a decisión?

SL: Foi fácil; o problema era que eu estaba no Santaballés. Por un lado, a sensación era que deixaba “tirada” a unha xente que tamén confiou en min. Estabamos facendo unha gran tempada, onde puxemos os cementos do que está pasando agora. Dani Moirón está facendo un gran traballo e continuando a liña na que empezamos. Iniciamos un bo proxecto que pode durar anos alí, por iso me daba un pouco de rabia a situación.

Fil: Como se deu a opción do Racing?

SL: Cando o Racing perdeu co Ourense CF, Peón presentou a súa dimisión. Ao día seguinte, recordo que iamos xogar a Chantada, o presidente Paco Ruiz ofreceume isto pola mañá. Fun a Chantada coa mente máis posta no Racing porque ao final o Vilalbés é onde levo toda a vida, onde me formei  como persoa, onde coñecín aos meus amigos,… é parte importantísima da miña vida. O problema era que no Santaballés estaba moi cómodo. É chegar ao punto onde me imaxinaba que podía chegar a base de traballo e adiantar moitísimo antes o proceso. Supoño que nunca se sabe cando lle dan a oportunidade a un, os trens moitas veces pasan e cando un non os aproveita despois arrepentímonos. Neste caso estou convencido de que tomei a decisión acertada.

“No Santaballés hai capacidade, téñeno que crer”

Fil: Estás pendente agora do Santaballés?

SL: Xa antes era socio e ía velos moitas veces. Agora que empezamos ese proceso sigo toda a actualidade. Teño moitos amigos alí e xogadores que eu coñecía que esta temporada foron para alí. Fun a un par de partidos desde aquela. Eu creo que hai capacidade, que o teñen que crer. Este ano creo que cambiamos un pouco a maneira de traballar e creo que están disfrutando moito.

Fil: A idea do twitter tamén foi túa?

SL: Foi miña. Eu non o levo, pedimos axuda. É unha parroquia que colabora moitísimo co club. Creo que ao xogador tamén lle hai que dar valor ao que fai, que se coñeza e publicitarse un pouco.

“Gustaríanos que Villares non volvese tan axiña”

Diego Villares regresou esta semana ao Vilalbés cedido ata final da tempada polo Fabril. O centrocampista de Samarugo ten un ano máis de contrato co filial do Dépor

Fil: Volvendo ao Racing, de cara ao segundo tramo de competición o equipo estase reforzando, como valoras a volta de Villares?

SL: Seguramente, a todos os que o vimos medrar gustaríanos que non volvese tan axiña; que estivese triunfando no Fabril e que fose un xogador importante con minutos e protagonismo. Se alí non o pode facer, nós estamos encantadísimos de acollelo aquí e de intentar axudarlle para que volva gañar en confianza. Eu creo que estamos falando dun xogador de Segunda B. Vainos dar posibilidades tanto a nivel ofensivo como defensivo. É un xogador moi intelixente sen o balón. E con balón ten cambio de ritmo, condución e pase. Estamos falando dun dos xogadores máis importantes da categoría. Estamos ante un revulsivo animicamente.

Fil: A fichaxe de Pablo López “Castrín” vai ser para o primeiro equipo ou para o xuvenil?

SL: Pablo vén para estar na dinámica do primeiro equipo e logo en función das opcións que teña de xogar tomaremos a mellor decisión para el. Vén da base do Dépor e do Lugo, vén dunha maneira de xogar totalmente distinta. Queremos que o proceso se asimile o máis axiña posible.

Fil: Quen xa se estreou coa camisola do Vilalbés foi Denis López no Couto. Que lle pode dar ao equipo?

SL: Denis vainos dar máis profundidade e desborde, que para a maneira de xogar na que creo é importante. No Vilalbés, polo orzamento e pola dificultade que temos a hora de incorporar futbolistas ao competir con clubes como Bergantiños, Somozas, incluso As Pontes que está nunha categoría menos,…temos que fichar xogadores con fame. Denis é un xogador que vén de Preferente que ten fútbol de sobra para xogar en Terceira. Nós temos que buscar ese tipo de xogador como Juan de Dora, como Buyo a temporada pasada. Futbolistas dese perfil que queiran vir a Vilalba para facer carreira na Terceira División e con moitas gañas de traballar.

Fil: Houbo cambios con respecto ao equipo da temporada pasada, pero vese que tamén queres aproveitar algúns que estaban e non tiñan tanto protagonismo. Por exemplo, no Couto, Arón xogou o seu primeiro partido como titular neste curso…

SL: Creo que houbo varios xogadores importantes que marcharon pero o núcleo continúa. E tampouco non me gusta mirar atrás. Aarón é un xogador que coñezo dende o ano de xuvenil que estivo aquí, despois xa subiu ao primeiro equipo. Teño moi boa relación con el. É un traballador nato. A súa titularidade o outro día obedece o seu traballo semanal. Temos que valorar a todos os xogaodres que temos aquí por igual e os froitos que recollen depende do que eles vaian sementando. Penso que Arón está sementando ben. Creo en non etiquetar a ninguén de titularidade nin de suplente e premiar o esforzo.

«O Racing ten que vivir dese traballo de base»

A carón de Simón Lamas está seu pai, Manolo Lamas, que comezou a ser delegado do Vilalbés cando Simón comezou a xogar ao fútbol nos benxamíns do Racing. Diso pasaron xa 20 anos. Agora comparten apelido no banco do primeiro equipo e nas aliñacións de cada partido

Fil: Nese sentido, que protagonismo vai ter a base con Simón no primeiro equipo?

SL: Espero que máis do que a situación nos pode permitir neste momento. A situación é dificil para rapaces novos. De feito, vemos que o cadro de xogadores é novo. Nalgúns partidos penso que nos falta parar o encontro, ser intelixentes,… Cóstanos moito porque o perfil que temos é de xogadores novatos ou sen ese carácter. Creo que para os xogadores da base vai ser difícil saír a escena no que nos queda de curso porque fai falta experiencia para vivir estes momentos. Espero que cambie nun futuro porque o Racing ten que vivir dese traballo de base. O club desde que está Ruiz aposta por “profesionalizar” dende abaixo. Iso ímolo recoller nun período de tempo curto. Si que hai xogadores que están preparados como é o caso de Noel, Moreda que está participando, Anxo ou Rares; son o futuro do equipo.

Fil: Ti continúas tamén adestrando ao Cadete A que está nos postos altos. Como é iso de que equipo que colles, equipo que vai para arriba?

SL: Hai xente en Vilalba que di que collo os mellores para gañar (risas). A mín gústame moito o fútbol e intento traballar o mellor posible cos rapaces. Parece incrible, pero dende que estamos nós, o club pasou a ter dous equipos en cada categoría de fútbol – 11, a ter tres en fútbol 8, rapaces de toda a Terra Chá queren vir xogar aquí,…O Cadete A si que está nesa pelexa da parte alta, pero queda moito aínda e hai equipos moi potentes. O Infantil A está xogando a promoción a Liga Galega. O Xuvenil B está xogando de novo a promoción de ascenso a Liga Galega, despois de descender o ano pasado. O Xuvenil A está a seis puntos do ascenso directo á División de Honra. A base está vivindo un momento moi enriquecedor para os que traballamos, pero con esforzo diario.

Fil: Notas algo en falta?

SL: É unha pena, quizais, que o pobo non se involucre un pouco máis. Creo que temos un club que é a envidia de moitos en Galicia e non vexo que Vilalba se involucre o que o club merece. Cun pouco máis de apoio creo que poderiamos medrar máis ainda. Os obxectivos de ascensos non son obxectivos como tal; senón que derivan dese traballo diario de moita xente. O propósito é que os rapaces poidan chegar ao primeiro equipo, ser bos deportistas e nutrir equipos como o propio Santaballés ou equipos como o Castro, Ribadeo, Foz,…

Escucha «Entrevistas Futbolinlugo» en Spreaker.

«Gustaríame poder vivir disto, pero eu son moi racinguista tamén»

Fil: Aires de “profesionalizar” o Santaballés (salvando as distancias), tamén a base do Vilalbés,…e quere Simón chegar ao fútbol profesional?

SL: Para iso me preparo, pero non é a miña meta agora mesmo. Os adestradores temos que desfrutar do día a día porque no fútbol dependes do resultado do próximo domingo. A todos os que nos dedicamos ao fútbol, gustaríanos poder vivir disto. Pero eu son moi racinguista tamén. A min gustaríame que o Racing fose un club mellor. Creo que hai capacidade porque hai instalacións, un Concello que apoia e un bo patrocinador. Cun pouco máis de apoio social este club sería mellor. Son moi do Racing, estou moi contento aquí e ogallá eu poida beneficiar ao Racing e o Racing a min como para que algún día eu poida chegar a ese fútbol. Pero a meta agora é salvar ao equipo e seguir medrando.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*