Este sábado ás 16 horas, o Palas, líder do Grupo Sur da Segunda Autonómica recibe nos Chacotes ao cuarto clasificado, o Guntín, pero só separados por un punto na clasificación. Un encontro dos máis atractivos neste fin de semana de retorno do fútbol na nosa provincia despois do parón polas festas do Nadal.
Malia derrota no derradeiro encontro do 2018 no campo do San Lázaro, o Palas comeza este novo ano como líder da categoría. Nunha temporada na que nos Chacotes apostaron por darlle a alternativa á prometedora xeración de xuvenís, e a aposta polos rapaces da casa está a dar os seus froitos tamén en canto a resultados. Logo de catorce xornadas, os de Quintela basan a súa fortaleza nos encontros da casa, onde só cederon un empate diante do Bóveda.


Nunha categoría moi igualada, na que os dez primeiros clasificados soamente están separados por sete puntos, cada encontro ten vital importancia a efectos clasificatorios. Deste xeito, o Guntín, conxunto recén ascendido desde a Terceira Autonómica, ocupa o cuarto posto, a tan só un punto do seu rival deste domingo.
O conxunto de Martín Rodríguez está a ser unha das agradables sorpresas desta temporada. Ben é certo que se reforzou con xogadores que convidaban ao optimismo, como Óscar, Iván ou Yelko, a primeira volta está a ser sobresaínte. Mentras o Palas non cede no seu campo, o Guntín está a amosarse moi forte lonxe de Ladairo, con tan só unha derrota a domicilio.

O último enfrontamento en Segunda Autonómica entre Palas e Guntín nos Chacotes data do 8 de novembro do 2015, rematando con vitoria local por dous tantos a cero.
Juanjo (Palas) e Óscar (Guntín), ámbolos dous máximos goleadores dos seus conxuntos, fálannos do encontro deste sábado, así como das aspiracións dos seus equipos.
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
JUANJO (PALAS C.D.)
– O novo ano. «Afrontaremolo con máis motivación ca nunca, tentando manter o grupo unido, coma sempre, e rematar o máis arriba posible».
– O encontro do sábado. «Na casa somos fortes, pero a liga está moi reñida, así que será un partido disputado e aberto. O Guntín é un bo equipo, pero o que máis me preocupa sempre é o noso. Facer ben as ocusass e xogar o noso fútbol».
– Opcións de ascenso. «Temos posibilidades de lograr un ascenso, non nos imos enganar, pero temos que remar todos con forza ata o último momento para poder acadalo. Así que «a remar lobos y corderitos«.
ÓSCAR (C.D. GUNTÍN)
– O retorno á competición. «O parón fíxose moi longo, pero que creo que a nós quizais nos veu ben, xa que nos últimos partidos do ano tivemos unha mala racha. A segunda volta afrontámola con moita ilusión e gañas de seguir competindo cada partido como o fixemos ata o de agora«.
– O encontro nos Chacotes. «Agardo un partido moi complicado, pero á vez estou seguro que vai ser bonito , xa que os dous equipos imos querer acadala vitoria«.
– O Palas. «No seu campo marca moito e recibe moi pouco. Mirando os seus resultados practicamente sempre acada tres ou catro goles, mentras que en moitos partidos deixou a súa porta a cero. Aínda que están invictos, imos tratar de sacar os tres puntos«.
– O soño do segundo ascenso consecutivo. «Posibilidades temos, pero estamos nove equipos en seis puntos e iso di moito da esixencia que supón cada partido. Queda moita liga e imos intentalo, estamos nunha boa posición e contamos cun vestiario fantástico«.
ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .
Preferente Norte
– Viveiro C.F. – C.D. As Pontes (Domingo ás 12 horas en Cantarrana): os de Chusky, segundos clasificados, reciben ao ata de agora intratable líder, conxunto con moitos xogadores con pasado no cadro viveirista.
– Ribadeo F.C. – At. Coruña Montañeros (Domingo ás 12 horas no Pepe Barrera): logo do triunfo no campo do Agolada, que serviu pra rachala xeira negativa de resultados, os de Rafa Casanova buscarán darlle continuidade ante un equipo con moi boas individualidades.
– C.D. Castro – S.D. Sofán (Domingo ás 16 horas no Arturo Pereiro): nova oportunidade para os chairegos de brindarlle unha vitoria á súa afección, ante un conxunto asentado na zona media-alta da clasificación.
Primeira Autonómica
– Taboada C.F. – S.D. Santaballés (Domingo ás 16 horas no Castro Seoane): logo de cinco encontros sen gañar, o conxunto local buscará reecontrarse coa vitoria ante un Santaballés que iguala a puntos co segundo clasificado.
– C.F. Riotorto – S.D. Burela (Domingo ás 12 horas na Veiga): ámbolos conxuntos suman tres xornadas sen gañar e afrontan o primeiro encontro do ano co afán de sumar tres puntos que os acerquen ao seus obxectivos.
Segunda Autonómica
– U.D. Folgueiro – A.C.D. Xermade (Domingo ás 16 horas en Boa Vista): enfrontamento entre os dous conxuntos que ocupan postos de ascenso no Grupo Norte. Os do Vicedo, que non deixaron fuxir un só punto do seu feudo defenderán o liderato ante un Xermade en alza.
– S.D. Oural – Ferreira C.F. (Sábado ás 16 horas no Luis Pallín): os de Julio Corral, que logo do triunfo no encontro aprazado ante o Becerreá, ocupan posto de ascenso por primeira vez na campaña, visitan a un Oural que precisa os puntos para non verse metido nos postos de perigo.
Terceira Autonómica
– S.D. Muimenta – A.D. Matela (Domingo ás 16 horas no Pichón): os de Basi, líderes destacados, reciben no seu feudo a un Matela que busca meterse nos postos de ascenso directo.
– S.D. Paradela – S.D. Antas (Domingo ás 16 horas no Gandarón): logo da goleada sufrida ante o filial do Taboada, os locales buscarán mellorar sensacións ante un Antas que lle pode igualar a puntos, no caso de gañar.
Segunda División Femenina
– P.M. Friol C.D. Lugo – Real Club Deportivo (Domingo ás 16 horas na Reigosa): encontro do máximo nivel o que se xogará en Friol. As locales, cuartas, reciben ao líder invicto, todo un Deportivo, ao que buscarán derrotar no que sería un triunfo de moitos kilates.
Primeira División Galega Feminina
– S.D. Milagrosa – S.D. Villestro (Domingo ás 17 horas no Luis Gorgoso): as lucenses buscarán un triunfo que as afaste dos postos de perigo. Reciben a un conxunto que saldou con vitorias os seus dous últimos desprazamentos.
Segunda División Galega Feminina
– P.M. Friol C.D. Lugo B – Imperator Oar (Domingo ás 18:30 horas na Reigosa): o filial lucense tentará logralos tres puntos para seguir no liderato ante un conxunto coruñés que ocupa o décimo posto na clasificación.
– Carballedo C.F. – S.G. Comercial (Domingo ás 12 horas no Catro Ventos): derbi lucense entre dous conxuntos que están a amosar cada vez mellores sensacións.
Liga Feminina Fútbol-8
– S.D. Burela – A.D. Rayo Sadense (Sábado ás 18:30 horas no Anexo á Marosa): as mariñás, segundas clasificadas, buscarán asaltalo liderato derrotando a un conxunto situado na metade da táboa clasificatoria.