#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

O partido da xornada . . . Foz e Viveiro ante a derradeira xornada de Preferente

Xa non vai máis. Remata outra temporada máis na Preferente e faino con dous dos nosos representantes xogándose boa parte dos seus obxectivos. Mentras que o Castro xa está descendido, o Ribadeo co sexto posto no peto logo dunha boa temporada e a Sarriana coa cuarta posición ao alcance despois dunha campaña sobresaínte, o Foz e o Viveiro poñen en xogo nen máis nen menos que permanencia e ascenso respectivamente.

NOIA C.F. – C.D. FOZ (Domingo ás 18 horas no San Lázaro)

Duodécimo con corenta e oito puntos. Con eses números os cadro mariñán aínda non está a salvo logo de caer o Celta B a postos de promoción de permanencia na Segunda División B. «Contábamos estar salvados con este número de puntos, pero sabemos que para nós é unha final e temos que afrontala como tal. Un punto practicamente nos aseguraría a permanencia xa que deixaríamos seis por debaixo, pero podería non chegar. Sairemos a gañar», afirma Asier, mediapunta do C.D. Foz.

Asier, talento na mediapunta do Foz

O conxunto adestrado por Gayol ten o golaverage favorable con Puebla e Xallas, e en contra co San Tirso, sendo estes os equipos que poderían superalo na tabla. Negreira e Ordes xa quedarían por debaixo do Foz, incluso cunha derrota no campo dun Noia, que xa non pon nada en xogo aparte do cuarto posto que pelexará coa Sarriana.



Aínda que a permanencia está encarrilada, falta o último alento para lograla de xeito definitivo. De tódolo xeitos, para Asier «a temporada creo que é moi boa e non merecemos baixar. Temos moito mérito sendo tan poucos e contando con dous ou tres xuveniles todo o ano. Estou orgulloso deste equipo e da xente que nos tivo apoiando todo o ano».

ATLÉTICO ARTEIXO – VIVEIRO C.F. (Domingo ás 18 horas na Ponte dos Brozos).

Máis claras son as contas para o Viveiro. Para rematar a temporada no segundo posto que outorga o ascenso directo a Terceira División, os de Chusky deben gañar ao Arteixo e que o Arzúa perda no campo do Estudiantil. Aparentemente todo xoga a favor do cadro arzuán. Dous puntos de vantaxe e disputa o derradeiro encontro no campo do pechacancelas con tan só cinco puntos. Un encontro gañando en toda a temporada e cento corenta goles en contra. Os números de quen pode botar unha man non convidan ao optimismo. Pero chega decir que o único triunfo dos de Callobre foi ante a Sarriana, candidato ao ascenso.



Álex Meitín, capitán do Viveiro

«Este último encontro temos que afrontalo coa mesma ilusión e ambición que tódolos que levamos disputado. Sabemos que temos que gañar para ter opcións de ascenso directo. Debemos centrarnos no Arteixo e non pensar no que poda pasar noutros partidos«, afirma Álex Meitín, capitán do conxunto viveirense. Para o extremo do equipo adestrado por Chusky, «a temporada é realmente espectacular pase o que pase o domingo. Conseguimos levar o equipo ao máis alto despois de moitos anos e Cantarrana volveuse a encher  en bastantes encontros. Todo esto con moita xente xove e da casa«.

No caso de rematar na terceira posición, o Viveiro terá que xogar a promoción de ascenso ante o terceiro do grupo Sur, posto que se xogarán na derradeira xornada o Barbadás e Atios. O gañador desta eliminatoria terá que agardar aos posibles ascensos dos equipos galegos de Terceira a Segunda B para saber se pode xogar a vindeira temporada en categoría nacional.

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . . 

Preferente Norte

 – C.D. Castro – S.D. Agolada (Domingo ás 18 horas no Arturo Pereiro): logo dunha temporada complicada, os de Brais Prados tentarán despedir a temporada cun triunfo ante un conxunto que tamén xogará a vindeira campaña en Primeira Autonómica.



– Ribadeo F.C. – S.D. Negreira (Domingo ás 18 horas no Pepe Barrera): os de Rafa Casanova serán uns dos xuíces nos tan temidos descensos por arrastre. Un triunfo dos mariñáns abocarían irremediablemente aos de Cabrejo á perda de categoría.

– S.D. Sarriana – C.D. As Pontes (Domingo ás 18 horas na Ribela): excepcional a temporada dos de Alberto López, malia non optar ao desexado ascenso na derradeira xornada. Despídense diante da súa afección recibindo ao líder.

Copa Deputación – Preferente e Primeira Autonómica (Fase Previa)

 – Sporting Pontenova – Riotorto C.F. (Domingo ás 18 horas na Mina): o cadro local, que perdeu a categoría, e os visitantes, logo dunha segunda volta que puxo en serio perigo a permanencia, afrontan a copa co obxectivo de rematar a temporada cun bo sabor de boca.

– S.D. Santaballés – S.D. Outeiro de Rei (Domingo ás 18 horas na Liga): dous dos conxuntos que estiveron ás portas do ascenso a Preferente enfróntanse nunha fase previa na que ningún quere quedar fóra.

Copa Deputación – Segunda e Terceira Autonómica (Oitavos de final)

 – Meira C.F. – Mondoñedo C.F. (Domingo ás 17:30 horas na Lomba): logo de dar a sopresa eliminando ao Lourenzá, os meiregos buscarán seguir disfrutando da copa, desta volta ante un Mondoñedo que tamén deixou na cuneta a outro dos favoritos, o Xermade.

 – C.D. Guntín – S.D.C. San Lázaro (Domingo ás 17 horas en Ladairo): o conxunto local, logo de acadalo ascenso a Primeira, non se conforma e vai a pola copa. Despois de golear ao Ferreira, veranse as caras con outro dos equipos en forma: o San Lázaro, que ven de marcarlle sete ao Incio.

O partido da xornada . . . Foz e Viveiro ante a derradeira xornada de Preferente

As nosas guerreiras da fin de semana!

Os onces da 2ª rolda da Copa

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *