Chega a sexta xornada na Segunda Autonómica. Malia que é cedo para valorar a traxectoria dos equipos nesta temporada 2019/2020, moitos xa toman un ou outro camiño. Ferreira e Páramo son dous equipos con historia chamados a pelexar polos postos de cabeza do grupo sur. Enfrontaranse este domingo ás 16 horas no Baliño.
O Ferreira, logo do seu efímero paso pola Primeira Autonómica nesta última etapa, pretende estabilizarse na categoría sen renunciar a pelexar polos postos cabeceiros. Para acadalo, o conxunto presidido por Copa reforzouse e conta cun cadro de xogadores máis amplo que a temporada pasada. Na última campaña, ás ordes de Julio Corral, e tras realizar unha boa primeira volta, no tramo final a pouca profundidade da plantilla pasoulles factura. Con José Vázquez ‘Yessi‘ no banco, logo do seu paso polo Incio, os de Pantón recuperaron para o fútbol a veteráns como Julio ou Olano, que son claves neste comezo ligueiro, ademáis de manter a columna vertebral dos últimos anos, con Marcos Varela, Edgar, Abdul ou Enríquez.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2019/10/cabanelas-300x200.jpg)
Logo de perder o primeiro encontro no campo do San Lázaro, o Ferreira enlazou catro triunfos consecutivos que o sitúan na segunda plaza da clasificación. Triunfos pola mínina ante Santa Comba e Chantada B e goleadas ante Río Sil e Becerreá, pero cun punto en común: a solidez defensiva. Con tan só catro goles encaixados, os de Yessi son o segundo equipo menos goleado da categoría.
O Páramo ocupa o liderato de Segunda. Logo de non poder acadala permanencia en Primeira, nas Rapadas comezaron un novo proxecto que comezou polo troco no banquiño. Carlos Fontal, logo de algo máis dunha temporada á fronte do equipo, voltou calzalas botas. O seu posto no banco ocupouno Brais Vázquez, procedente do filial do Monterroso, agora xa en solitario logo da saída de Ángel Merino. Co obxectivo de recuperala categoría ás primeiras de cambio reforzáronse con xogadores moi novos en tódalas liñas, pero xa coa temporada comezada recuperaron dúas pezas claves dos últimos anos: Borjita e Robertito.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
A diferencia do seu rival deste domingo, o Páramo basa a súa fortaleza no ataque. En ningún dos cinco encontros disputados anotou menos de tres tantos, incluso no único no que caeu derrotado diante do Incio. Boa culpa dese feito tena o pichichi da categoría Dieguito que xa foi quen de marcar oito goles. Becerreá, Palas, Bóveda e Brollón foron xa testigos do potencial ofensivo dos de Brais Vázquez.
Será baixa para o encontro Abdul no Ferreira, mentres que no Páramo non será da partida Borjita.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
O último enfrontamento entre ámbolos conxuntos no Baliño tivo lugar na mésma época, pero do ano 2017. Foi o 15 de outubro, e o Ferreira venceu ao Páramo por catro goles a dous. Enríquez cun hat-trick e Edgar anotaran para os locales e Fede e Robertito para os visitantes.
Falamos do partido deste domingo con dous clásicos: Edgar (Ferreira) e Dieguito (Páramo).
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
EDGAR (FERREIRA C.F.)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
– Co plan previsto. «Este bo comezo de campionato non cambia nada. A liga é moi longa e o partidos non se dan todos igual. Nós temos que pensar no noso e ir partido a partido. Partindo desta premisa veremos con van saíndo as cousas».
– O Páramo. «Vai ser un encontro complicado, no cal o Páramo empregará tódalas súas armas para poñérnolo difícil. Son un equipo con xogadores altos e corpulentos, e Dieguito está nun gran estado de forma, chega de marcar tres goles ante o Brollón».
– O Ferreira de Yessi. «A verdade é que confeccionamos un bo equipo. A temporada pasada, con Julio Corral tiñamos un cadro de xogadores algo curto e sobre todo non contábamos con tanta pegada arriba. De tódolos xeitos, cos que xa estabamos e as novas incorporacións penso que demos un salto de calidade de cara a esta campaña«.
DIEGUITO (S.D. PÁRAMO)
– Un comezo mellor do agardado. «Sendo sincero, a pretemporada non auguraba un ano fácil. O equipo confeccionouse tarde e con xogadores moi novos e sen moita experiencia. O Páramo sempre destacou por ser unha familia a tódolos niveis, e se falla o grupo falla todo«.
– O Ferreira. «É un conxunto máis asentado na categoría e con moita máis veteranía ca nós. Iso pódenos pasar factura neste comezo de liga, pero nós só pensamos en seguir sumando e divertíndonos no campo, e este encontro non será unha excepción«.
– O pichichi. «A verdade é que as cousas están saíndo ben. Despois de tantos anos neste mundo, non ter presión nen sen medo a fallar dame facilidade cara o gol. Non será doado, pero tentarei seguir marcando o ritmo«.