*Riotorto-Guntín: Os de Martín asaltaron A Veiga nunha primeira metade na que o Riotorto estivo moi lonxe do seu nivel. Dous goles pasada a media hora de xogo déronlle unha renda moi xugosa ao Guntín. Na segunda metade, os de Suso Orxás melloraron considerablemente a súa imaxe. Os de Ladairo fixeron un exercicio defensivo notable ante un rival que a piques estivo de conseguir a igualada. Todo a base de centros laterais e balóns parados.

*Santaballés-Folgueiro: O cadro de Jandri acusou en exceso a súa debilidade en ámbalas dúas áreas. Álex Novás desfixo a igualada inicial nun penalti discutido. Cora empatou de novo a vinte minutos do final, nunha das especialidades da casa: o balón parado. No entanto, o Santaballés levouse o gato á auga nas postrimerías. Chechu fixo o 2-1 tras unha serie de rexeites. E Hugo matou o encontro no desconto, cun Folgueiro volcado na busca do empate.

*Castro-Monterroso: Máxima igualdade no Arturo Pereiro nun encontro plano sen apenas ocasións claras. O Monterroso segue no pelotón de cabeza grazas a unha xenialidade de Iago Sobrado no ecuador da segunda metade. Un golazo que os de Óscar Méndez defenderon con uñas e dentes no tramo final. E con Chumi como porteiro despois de moito tempo sen exercer, xa que Rubén se retirou lesionado do terreo de xogo.

*Friol-Pol: Cómodo triunfo dun Pol, que marcou no primeiro minuto de xogo. Co vento a favor do resultado, os visitantes quitaron medos e presión de enriba. E fixeron o seu fútbol ante un Friol tamén necesitado. Os de Fernando Corredoira fixeron o segundo antes do descanso. E terminaron goleando na reanudación, cun doblete da lenda Iván González.

*Xove Lago-Outeiro de Rei: Choque intenso, de poder a poder. E no que cada erro valeu o seu peso en ouro. Un mal despexe nun centro lateral provocou o primeiro gol dos de Josito Jul. Un Outeiro que tivo a sorte de non recibir gol nunha acción pouco afortunada de Dieguiño. Na segunda metade, unha falta sacada rapidamente polos visitantes rematou no 0-2 final. Despois dese tanto, o Outeiro pechou o resultado dando un paso atrás tan serio como efectivo.

*Taboada-San Roque: Vitoria para aumentar a confianza dun Taboada á alza. Os de Manu abriron a lata nunha primeira metade igualada. Despois do paso pola zona de vestiarios, o San Roque desmoronouse ao encaixar dous goles de maneira consecutiva. A partires de aí, o encontro derivou nun pesadelo para os capitalinos. Un sete en toda regra.

*Lourenzá-Pastoricense: Tarde plácida para o mellor Pastoricense da temporada. Adiantouse no primeiro minuto cun gol de Celeiro e puxo terra de por medio á media hora, cunha obra de arte de Gandoy. Na reanudación, o Lourenzá quixo pero non puido. Dispuxo de oportunidades para maquillar o resultado. Pero o que volveu ver porta foi o equipo de Fran Veiga, co definitivo 0-3 obra de Víctor.

*Chantada Atlético-Atlético Escairón: Terceiro partido consecutivo sen marcar para o Chantada Atlético. E novo derbi que se lle escapa aos de Emilio García. Os do Sangoñedo mandaron durante varias fases do encontro ante un Atlético Escairón que tivo unha pegada máxima. Os de Montoto fixeron bo o gol de Alami nun rexeite dun balón parado. E mesmo puideron marcar algún tanto máis nos compases finais nalgunha que outra transición perigosa. Por certo, Ivi marchouse lesionado no cuarto de hora inicial.

*Burela-Chantada: Non defraudou o duelo de aspirantes na Marosa. Adiantouse o Chantada nada máis comezar cun gol de Javi Ramos. A partires de aí, o Burela realizou un gran exercicio de posesión. Ao mesmo nivel que o esforzo defensivo dos visitantes. Jairo igualou pasada a media hora. Na segunda metade, Simón mostrouse decisivo. Cando o encontro semellaba destinado ao empate, o meta detivo un postreiro penalti a Kadete.

 
Comparte
                     

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*