Máis de sete anos pasaron sen que a afección do Martínez Otero puidera gozar dun derbi mariñán na Preferente da envergadura do deste domingo. Será ás 16:30 da tarde cando o Viveiro volte a pisar o céspede focense. A situación de ámbolos conxuntos é mellor que a do xa lonxano 13 de novembro de 2011, data do último enfrontamento. O C.D. Foz era o colista alá pola décimosegunda xornada e remataría descendendo, pero foi quen de gañar ao Viveiro cun solitario tanto de Luis Varela.
No cadro viveirense non hai ningún supervivinte daquel encontro, pero no Foz varios xogadores seguen formando parte do plantel, ou ben voltaron logo dun periplo fóra: Bruzos, Rivera, Javi Chinchón, David Rodríguez. . . poderán reeditar aquel encontro, sempre que as lesións lle lo permitan. O dianteiro de Fazouro será baixa, e no caso do central manterase a dúbida ata última hora.
O conxunto adestrado por Jesús Gayol atravesa a mellor xeira de resultados da temporada. Décimoprimeiro clasificado con trinta puntos e tan só unha derrota nos últimos nove encontros. En calquer categoría sería unha posición tranquila, salvo nunha Preferente tan axustada coma esta, na que a estas alturas de curso, a palabra arrastre xa comeza a soar con forza. Logo dun arranque de temporada no que pesou a inexperiencia de boa parte do plantel, agora os focenses son un conxunto difícil de derribar, e máis no seu campo.
O Viveiro vive o seu momento máis doce dos últimos anos. Segundo clasificado e ofrecendo un moi bo fútbol, os de Chusky atópanse ante unha oportunidade de darlle á cidade o premio de gozar da Terceira. Pero é cedo pra falar de ascenso, malia que ben seguro que a palabra circula por Cantarrana, aínda que sexa sen querer. A traxectoria convida ao optimismo. Despois das tres derrotas do comezo de liga, tan só Ribadeo e As Pontes foron quen de gañarlle ao cadro viveirense. Nos dous últimos encontros, dúas goleadas. En Abegondo ante o San Tirso e na pasada xornada no seu campo ante o Ordes, nunha exhibición de fondo de armario, liderada polos canteiráns. A xente da base, co apoio dos Xaime, Tichu e compañía pode ser a mezcla perfecta para chegar ao obxectivo.
Este domingo non poderán ser da partida os lesionados Aitor e Dani Carnota, mentras que Marino e Álex Meitín son dúbida.
Falamos do derbi deste domingo con dous fixos dos onces de Foz e Viveiro. Un veterán curtido en mil batallas, Rivera (C.D. Foz) e unha das grandes promesas do noso fútbol, Roi (Viveiro C.F.)
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
RIVERA (C.D. FOZ)
– O derbi de 2011. «Daquel enfrontamento no Martínez Otero teño bos recordos, xa que, acadaramos unha vitoria pola mínima nun partido moi disputado, aína que aquela temporada fora para esquecer. Aquel equipo era moi xove , cun plantel limitado e con pouca experiencia na categoría, comparado co que temos actualmente. Ogallá podamos repetir triunfo este domingo».
– A boa racha do Foz. «Estamos nomellor momento da temporada. Costounos adaptarnos á categoría nas primeiras xornadas, pero a base de traballo e constancia e coa fichaxe de Jesús Pablo o equipo comezou a gañar puntos e a coller confianza. Agora podemos competir ante calquer rival«.
– O Viveiro. «Paréceme un moi bo equipo que chega tamén nunha gran xeira de resultados. Encaixa poucos goles e teñen un gran potencial en ataque con xogadores importantes. Estarán na loita por acadalo ascenso a Terceira».
ROI (VIVEIRO C.F.)
– Ilusión no vestiario. «Estamos moi contentos de como nos están saíndo as cousas ata o momento. Temos a ilusión de chegar ata o final de temporada con posibilidades de loitar por un obxectivo tan bonito como o ascenso a Terceira».
– O derbi. «Chegamos nun bo momento e o Foz tamén. Creo que será un partido moi disputado, onde os dous equipos iremos a pola vitoria. O que mellor aproveite os erros do rival levarase os tres puntos».
– O Foz. «Son un equipo que nas últimas xornadas están a un bo nivel. Teñen xogadores como Asier, Dani Chao ou Jacob que poden complicarche o partido en calquer momento».
– A canteira ten oco no Viveiro. «Nestes dous últimos anos o club está apostando máis polos xogadores formados nas categorías inferiores. No último encontro ante o Ordes xogamos seis canteiráns«.
ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .
Terceira División
– Polvorín – Racing de Ferrol (Domingo ás 12 horas no Anxo Carro): esceario perfecto para recibir ao líder. Os ferroláns, logo de dous empates consecutivos buscarán un triunfo para seguir no primeiro posto. Pero os de Durán queren escapar do perigo, e xa saben o que é gañarlle a un equipo da zona alta.
Preferente Norte
– C.D. Castro – Atlético Arteixo (Domingo ás 16:30 horas no Arturo Pereiro): nova oportunidade para os chairegos de facer un bo encontro e tentar puntuar ante un Arteixo que chega tras rabuñarlle un punto ao líder.
Primeira Autonómica
– S.D. Santaballés – Club Lemos (Domingo ás 16:15 horas na Liga): un dos grandes encontros deste fin de semana. Os vilalbeses buscarán consolidala segunda praza ante o líder. Os de Edu Rodríguez, se conseguen facerse cos tres puntos darán un salto considerable no seu obxectivo do ascenso.
– U.D. Xove Lago – S.D. Burela (Domingo ás 16:30 horas no Municipal de Xove): outro derbi mariñán. Os de José Manuel tentarán seguir coa súa remontada. Non lles será doado, xa que, os burelaos nos últimos dous meses só caeron derrotados na Pinguela.
Segunda Autonómica
– U.D. Folgueiro – E.D. Lourenzá (Domingo ás 16:30 horas en Boa Vista): encontro por todo o alto no grupo norte. Os do Vicedo, líderes, reciben ao conxunto laurentino, que non perde desde a cuarta xornada de liga. Duelo de goleadores: Aurelio contra Recalde.
– S.D. Candelaria – S.D. Cervo (Sábado ás 16:45 horas na Granda): derbi cervense, no que o cadro local, a priori, é favorito. Os de Rúa, situados na zona media da táboa non queren verse en apuros, reciben aos da capital do concello, que ocupan posto de descenso.
– C.D. Palas – Ferreira C.F. (Sábado ás 16:15 horas nos Chacotes): trascendental partido para ámbolos conxuntos. Os locales, líderes do grupo sur, poden abrir oco no caso de sumalos tres puntos. Os de Pantón, no pelotón perseguidor, buscarán un triunfo que aprete aínda máis a zona alta. No seu campo o Palas só cedeu un empate no que vai de liga.
Terceira Autonómica
– S.C.D. Milagrosa – S.D. Muimenta (Domingo ás 17 horas no Luis Gorgoso): os da capital da provincia están obrigados a gañar se non queren mirar de lonxe o ascenso directo. Reciben ao líder, un Muimenta que non perde desde setembro.
– S.D. Castroverde – Quiroga F.C. (Domingo ás 16:15 na Veiga do Olmo): o conxunto local afronta un choque no que, no caso de gañalo, queda a tiro de pedra do segundo posto, que ocupa o seu rival deste domingo. O Quiroga chega tras verse sorprendido polo Relámpago Taboada.
Primeira Galega Feminina
– Antas S.D. – Sárdoma C.F. B (Domingo ás 18:30 horas no Castro Seoane): encontro chave para as rapazas de Melendo. Cun triunfo superarían ás súas rivas desta xornada e poderían mirar a certa distancia os postos de descenso.
Segunda Galega Feminina
– S.G. Comercial – P.M. Friol C.D. Lugo B (Domingo ás 17 horas no Rodríguez Lago 2): o cadro local buscará a sorpresa ante o líder invicto. O filial lucense parece non ter rival nesta categoría. Chega tras golear por sete tantos a cero ao Orzán B, terceiro clasificado.
– Carballedo C.F. – Unión Campestre (Domingo ás 12 horas no Catro Ventos): logo de vencer no último encontro, as rapazas do Carballedo tentarán repetir éxito ante un conxunto asentado na zona morna da clasificación.