#Terceira Futgal

O partido da xornada . . . C.D. Alfoz – S.C.D. Milagrosa: dous históricos na procura de tres puntos claves

O Municipal de Alfoz será, o sábado ás 16:15 horas o esceario dun encontro trascendental no grupo Norte da Terceira Autonómica. O conxunto local, o C.D. Alfoz, segundo clasificado, verase as caras co terceiro, a S.C.D. Milagrosa, ao que aventaxa en tres puntos.

Ámbolos dous conxuntos descenderon a pasada campaña a unha categoría descoñecida para eles. Desde a creación da Terceira Autonómica lucense, Alfoz e Milagrosa sempre competiron en categorías superiores, chegando o conxunto da capital da provincia a xogar na Preferente na temporada 2015-2016. Ese ano, os arrastres condeárono e encadeou tres descensos consecutivos. O cadro mariñán tamén gozou da Preferente anos antes, sendo un habitual da Primeira nas últimas temporadas.

O Alfoz é o conxunto menos goleado da categoría

Con esta historia recente, o encontro desta xornada antóllase crucial para o futuro dos dous equipos. O C.D. Alfoz comezou esta campaña do peor xeito, con dúas derrotas consecutivas, pero o troco no banco, ao que chegou un «home de clube» como Antonio Casal, deulle azos ao equipo e chegaron os triunfos. Catro consecutivos, que se viron interrompidos soamente pola derrota no Pichón ante o Muimenta. Desde aquel lonxano 11 de novembro, o cadro alfocense non perdeu ningún encontro. Unha das claves do éxito é a súa fortaleza defensiva. Boa proba son os tan só doce tantos encaixados en todo o campionato.

A Milagrosa resarciuse da derrota no Pichón e fíxolle ao Muimenta un set en blanco

A Milagrosa partía ao comezo do campionato como un dos principais rivais a batir. Tanto por plantel como por historia. E comezou demostrando o seu potencial, pero dúas derrotas ante rivais directos fixeron que chegasen algunhas dúbidas. Foron resoltas de contado, e o conxunto adestrado por Joaquín Blanco mantívose sempre nos postos cabeceiros. Iso sí, sen asaltar os que outorgan o premio do ascenso directo. Os lucenses chegan a este encontro logo de golear ao líder por seis goles a cero.



Falamos con dúas das referencias ofensivas dos dous equipos. Os seus máximos goleadores: Dani Río (C.D. Alfoz) con oito tantos, e Óscar (S.C.D. Milagrosa) que xa foi que de anotar once.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

DANI RÍO (C.D. ALFOZ)



Dani Río, toda unha vida no C.D. Alfoz. Agora, ademáis de goleador tamén é directivo

 – A boa dinámica. «A verdade é que estamos sendo moi regulares. As dúas primeiras xornadas foron un tanto atípicas, pero o equipo non se desanimou. Agora a dinámica é boa e a unión do grupo, directiva e afección está facendo que todo o mundo teña moita ilusión neste tramo final de liga».

– O encontro coa Milagrosa. «Son un equipo que lle gusta o bo trato co balón. Nós sabemos o que queremos, pero está claro que nun encontro destas características todo pode cambiar moi rápido. O que cometa menos erros será o que teña máis opcións de levarse os tres puntos».

 – A igualdade na zona alta. «Está todo moi parello. Hai cinco ou seis equipos que poderían competir en Segunda Autonómica moi dignamente. Nós estamos a mostrarnos moi fiables e con confianza. Se seguimos nesta liña temos moitas posibilidades de acadalo ascenso, pero queda moito por xogar».

ÓSCAR (S.C.D. MILAGROSA)

Óscar é un dos máximos goleadores da categoría con once tantos

 – A importancia deste encontro. «Será un partido con tensión, xa que, ambos nos xogamos moito. Agardo un choque duro, onde ningún dos dous vai regalar nada. Sen dúbida que será un encontro para disfrutar. Chegamos en bo momento e a vitoria co Muimento deunos máis confianza da que xa tiñamos e vemos ao alcance o noso obxectivo«.

– O Alfoz. «Preocúpame que xogan na casa e lóxicamente é un equipo que no seu campo faise forte. Paréceme dos mellores equipos da categoría sen dúbida pola súa forma de xogar. Non se rinden nos noventa minutos, polo que teremos que xogar ben as nosas cartas e eles terán que buscar a forma de pararnos, xa que, tamén somos un equipo perigoso. Creo que será un partido de bastantes ocasións de gol».

– As opcións de ascenso. «Creo que temos moitas posibilidades de ascender. Formamos un bo equipo, con xente de moita calidade e sobre todo que está moi comprometida, que nestas categorías é o máis importante. Temos moi bo ambiente e iso axuda na pelexa polo noso obxectivo. Xunto con nós, Alfoz e Muimenta creo que son os equipos que máis posibilidades teñen de acadalo ascenso directo».

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Terceira División

– Polvorín – U.D. Ourense (Domingo ás 16:30 horas na Cheda): o filial lucense recibe ao conxunto máis regular da categoría. Os ourensáns só perderon un encontro ligueiro e son terceiros. Os de José Durán rematan o «Tourmalet» e quéreno facer fóra dos postos de descenso.

José Durán lamentouse da expulsión de Manu Núñez ante o Racing de Ferrol

– Racing Vilalbés – C.D. Choco (Domingo ás 16:30 horas na Madalena): logo do triunfo no campo do Boiro, os chairegos buscarán outra vitoria que os saque do descenso. O rival está asentado na metade da táboa e suma sete encontros sen perder.

Álex Pérez, goleador por partida dobre en Boiro

Preferente Norte

– Viveiro C.F. – S.D. Negreira (Domingo ás 12 horas en Cantarrana): duelo de históricos, aínda que os visitantes chegan en horas baixas. Os de Chusky buscarán un novo triunfo que os manteña segundos.

– S.D. Sarriana – Atl. Coruña Montañeros (Domingo ás 17 horas na Ribela): rachas inversas as dos dous conxuntos. Os locales recuperaron a regularidade do primeiro tercio de liga e están a tan só dous puntos do ascenso, mentras que aos visitantes cóstalles sacar adiante os seus encontros.

Rubén Díaz, un dos xogadores con máis minutos disputados na Sarriana

– Ribadeo F.C. – C.D. Castro (Domingo ás 17 horas no Pepe Barrera): logo da remontada in extremis en Santa Comba, os de Rafa Casanova buscarán un triunfo ante un Castro que non ten nada que perder.

Primeira Autonómica

– Club Lemos – S.D. Residencia (Domingo ás 16:30 horas na Pinguela): os monfortinos, logo do triunfo en Santaballa, deron un paso de xigante cara o ascenso, que poderían refrendar ante a Residencia. Os lucenses venderán cara a súa pel, xa que se atopan a tres puntos dos postos de ascenso.

– C.F. Riotorto – S.D. Monterroso (Domingo ás 16:15 horas na Veiga): catro derrotas consecutivas condenaron aos de Labrada a distanciarse definitivamente de calquer esperanza de ascenso. Agora ven de preto os postos de perigo, polo que buscarán un triunfo ante un Monterroso que é penúltimo.

Cristian, pulmón no mediocampo do Riotorto

Segunda Autonómica

– S.D.C. Cabreiros – U.D. Folgueiro (Sábado ás 16:15 horas na Cea): os xermadinos tentarán dobregar aos do Vicedo para achegarse de novo aos postos de privilexio. Pola súa banda, os de Anxo Fernández, malia perder o liderato, conservan praza de ascenso.

– Ferreira C.F. – C.D. Corgo (Domingo ás 16:15 horas no Baliño): ámbolos conxuntos atópanse empatados con vintenove puntos, a tres do ascenso, e veñen de perder os seus últimos encontros. O que salla derrotado dará un paso atrás na pelexa polo ascenso.

Terceira Autonómica

– Celta Barreiros – A.D. Catro Roldas (Domingo ás 16:15 horas no Cascabeiro): unha das últimas balas para os de Fran Vázquez para achegarse con garantías aos postos de promoción. Reciben ao conxunto de Román, que os aventaxa en seis puntos.

O Celta Barreiros afronta unha final anticipada ante o Catro Roldas

– S.D. Castroverde – Quiroga F.C.  (Domingo ás 16:15 horas na Veiga do Olmo): encontro aprazado da xornada anterior por mor da capa de neve que cubría o campo de Castroverde. O cadro local ten a oportunidade de achegarse a un Quiroga asentado na segunda praza.

O partido da xornada . . . C.D. Alfoz – S.C.D. Milagrosa: dous históricos na procura de tres puntos claves

As nosas guerreiras da fin de semana!

O partido da xornada . . . C.D. Alfoz – S.C.D. Milagrosa: dous históricos na procura de tres puntos claves

Galería de imaxes: SD Brollón 2-3 O

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *