O gardamallas da Sarriana analizou o rendemento do seu equipo no Ser Deportivos Lugo, con Álex Gato e o noso Santi Real, nunha xornada de venres afortunada para a provincia. O programa completo pode escoitarse nesta ligazón (34’14»-40′).

A Sarriana, recén ascendida á Terceira RFEF e cun novo adestrador desde agosto -Jorge Cuesta- está cumprindo con creces o obxectivo deportivo e mantense nunha situación intermedia na táboa clasificatoria. O porteiro lucense, así, foi o último protagonista semanal do programa radiofónico neste 2023.
O seu rol no equipo: «Este ano tiven que dar un paso adiante, pois xa me tocou ser o capitán. Din un paso adiante coa marcha de outros compañeiros no verán e teño que confesar que non é sinxelo, é algo que non resulta doado pero estou facendo o esforzo con gusto.»
Balance do que vai de temporada. «Penso que o equipo está facendo un gran ano, pero nas últimas semanas demos un paso adiante. Faltaba tocar pequenos detalles na casa para sacar mellores resultados, pero estamos mellorando moito niso.»



A dirección de Jorge Cuesta. «Está facendo un gran traballo. Temos un grupo moi novo e está traballando moi ben con todos, sempre desde a conservación de balón e o protagonismo no xogo.»
Aspectos a mellorar. «Aínda que a diferencia de goles é de +6, quizais tiñamos que axustar os goles que encaixamos, pois encaixamos bastante. Temos un gran potencial ofensivo e sempre facemos gol, en canto melloremos un pouco na fase defensiva seremos un equipo moi difícil de bater.»

