#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

O Mondoñedo, único equipo de Terceira que só sabe gañar

Logo de catro xornadas, só o Mondoñedo é quen de contar os seus encontros por vitorias, ben é certo que os de Isra disputaron tres partidos, xa que descansaron na terceira xornada. Por iso, Racing Vilalbés B e Rioaveso son os que comandan a clasificación no norte con dez puntos. No sur, Rubián e Castroverde, que tamén suman dez puntos ocupan os postos cabeceiros, seguidos moi de preto polo Quiroga.

GRUPO NORTE

Diego Ferreiro foi dabondo no triunfo do Racing Vilalbés B diante do Celeiro (4-1). Bo encontro dos de Iván Lamas, sobre todo nunha primeira metade na que dous goles de Diego Ferreiro puxeron en clara vantaxe aos chairegos, que gozaron de ocasións para que a renda fose máis ampla. As máis claras nas botas de Samu e Gabri. O Celeiro entrou ben na segunda metade e Mora recurtou distancias cun golazo. Pero era o día de Diego Ferreiro, que completou o seu hat-trick cun gol de falta. Cadra, de penalti fixo o cuarto.

O derbi vilalbés entre Rioaveso e Nuevo Nausti caeu do lado local (3-2).Primeira metade con ocasións para os dous equipos, na que Kauan con dous goles foi quen de poñer en clara vantaxe ao Rioaveso, logo de aproveitar erros defensivos do Nausti. Na segunda metade, un tiro lonxano que bateu nun defensor serviulle aos visitantes para meterse no encontro, pero os de Manuel Veiga non tardaron en facer o terceiro por medio de Mini. Nos últimos intres, Kevin recurtou diferencias, pero xa sen tempo para máis.

O ‘efecto San Lucas‘ clave para a remontada do Mondoñedo fronte ao Friol B (3-2). Primeira metade de dominio alterno e sen goles. Na segunda, foi mellor o Friol B e froito do seu dominio chegaron dous tantos, obra de Pablo e Adri. Con quince minutos por diante, o encontro estaba moi costa arriba para un Mondoñedo que en só sete minutos foi quen de remontar. Dous goles de Vázquez e un de Javi Álvarez de penalti déronlle o triunfo aos de Isra nun Viñas da Veiga no que se viviu un gran ambiente de fútbol e festa.



O Catro Roldas, único conxunto do norte que gañou fóra, no campo do Cazás (2-3). A primeira metade foi de dominio local, malia que o Catro Roldas foi quen de adiantarse nun despiste defensivo. O Cazás logrou remontar e marchar ao descanso por diante, cun espectacular tanto de Álex. Na segunda metade Carracedo tivo que ocupar a portería do Catro Roldas por mor da lesión de Víctor e os de David Lorenzo foron quen de darlle a volta ao marcador, cunha actuación arbitral moi protestada polo Cazás.

O Abadín goleou ao Matela e obtivo os seus primeiros tres puntos (5-1). Saíron os locales con moita intensidade e no minuto trece xa tiñan dous goles no casilleiro e antes do intermedio xa estaba o encontro sentenciado cun 5-0 que deixaba ás claras o dominio local. Na segunda metade o Matela estivo mellor aínda que o gol non chegou ata os últimos minutos, nun penalti transformado por Óscar Veiga.



grupo sur

O Rubián mantén o liderado tras vencer ao Monterroso B (2-0). Comezou moi forte o Rubián e no primeiro cuarto de hora xa deixou o encontro encarrilado cos dous goles na súa conta. Os erros defensivos seguen condeando ao filial monterrosino, que se viu por debaixo no marcador desde o comezo. Os de Senén López dispuxeron de dúas ocasións máis que non aproveitaron e a partir de aí o encontro foi plano.

O Castroverde gañou na Medela e rematou coa imbatibilidade do Taboada B (2-3). Os de Fran Veiga comezaron moi ben o encontro e foron que de marcar dous goles nunha primeira metade na que puideron rematar cunha diferencias máis ampla. Na segunda parte, os de Dani Ríos trocaron de sistema e controlaron o partido. Con moitos balóns colgados á área xeraron problemas na defensa do Castroverde. Xavi recurtou diferencias e preto do final fixo o terceiro dos visitantes. Sen tempo para que os xogadores do Castroverde voltaran ao seu campo Álex Pita púxolle emoción aos últimos intres.

O Quiroga asoma a cabeza na zona alta tras gañar diante do Incio (2-1). Encontro de alternativas, no que o Quiroga fixo traballar ao gardameta Castro na primeira metade. Mavilo puido marcar para os locales, pero foi Roi quen marcou para o Incio, pero só un minuto despois José igualou a contenda. O comezo da segunda metade foi semellante ao da primeira, pero desta volta con premio para o Quiroga, que de novo por medio de José, fixo o segundo. Nos últimos compases o Incio estirouse na procura do empate sen éxito.

O Santa Comba caeu diante do Palas e segue sen sumar na casa (0-2). Os de Brais Vázquez adiantáronse moi cedo no marcador. O tanto supuxo un xarro de auga fría para o conxunto local. Os de Ángel Merino estiveron moi imprecisos e cometeron moitos erros defensivos. O Palas soubo defender o marcador e sentenciou preto do final cun tanto de Álvaro.

O Páramo golea ao Relámpago Taboada (10-1). Encontro sen historia nas Rapadas no que o cadro local marchou ao descanso con seis goles de vantaxe. A falta de concentración do Relámpago xogoulle unha mala pasada e o Páramo ampliou diferencias na segunda parte cun inspirado Antón, pichichi do grupo con seis tantos.

O Sober estreou o seu casilleiro como local ao vencer diante do Bóveda (2-0). Dous tantos de Martín, un en cada tempo, déronlle o triunfo a un Sober que suma seis puntos. O Bóveda non foi quen de puntuar nas catro xornadas disputadas.

O Mondoñedo, único equipo de Terceira que só sabe gañar

O cabaleiro de Seixosmil e os sesenta

O Mondoñedo, único equipo de Terceira que só sabe gañar

A Porra de Futbolinlugo, 6

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *