O Lemos emerxe cun golazo de Tazos e o Viveiro segue intratable

O Trío de Ases da xornada 12 déixanos ao Polvorín fóra da zona de descenso tras derrotar ao Somozas na Cheda. O Racing Vilalbés caeu na Madalena ante o Compostela. Na Preferente o Viveiro gañou comodamente ao Puebla, mentres que o Ribadeo derrotou ao Foz no derbi mariñán. A Sarriana gañoulle ao Laracha, a Residencia ao Sigüeiro e o Lemos cunha remontada épica sumou tres puntos ante o Arteixo.

O Racing Vilalbés non puido coa pegada da SD Compostela e caeu na Madalena (0-2). Ráchase a xeira de catro encontros sen perder dos chairegos, que lle plantou cara aos santiagueses. Na primeira metade Cuadrado tivo a ocasión máis clara para o cadro local, cun lanzamento desde fóra da área, pero atopouse coa boa intervención do ‘Pato’ Guillén. Tamén tivo que intervir Javi Pita, para salvar un man a man ante Brais Abelenda. A segunda metade seguiu a mesma tónica, co Racing presionando a saída de balón do Compostela para tentar saír á contra. Pero foron os de Iago Iglesias quenes se adiantaron no marcador. Samu, cun disparo desde a frontal superou a Javi Pita logo de que o esférico fixese un efecto estrano. Puideron empatar os locales a balón parado. Nun saque de córner unha triple ocasión rematou cun tiro de Make. O Compos sentenciou por medio de Primo, na súa reestrea. Xa marcara na Madalena na derrota dos seus ante o Racing fai dúas temporadas. Primeiro triunfo compostelanista na Madalena na era Iago Iglesias. O monterrosino Pablo Antas entrou na segunda metade.

Un tanto de Manu Núñez sirviulle serviulle ao Polvorín para gañarlle ao Somozas (1-0). Bo encontro o realizado polo filial albivermello. Embotellou ao seu rival na maioría do encontro, salvo nos compases finais cando os de Ferrolterra tentaron acadar o empate. José Durán trocou o sistema e deulle os froitos agardados. Dominou o partido a través da posesión e gozou de ocasións claras por medio de Antón Escobar e Marcos, pero o gol non chegou ata preto do descanso por medio de Manu Núñez. Na segunda metade os lucenses xogaron máis replegados e saíron á contra con certo perigo con Antón Escobar, Rayco e Chiqui. Nos últimos compases, o Somozas tentou a igualada, pero non inquietou a meta de Julen. O cadro lucense sae así dos postos de descenso.

O Viveiro sentenciou ao Puebla na primeira metade (0-3). Semellaba un encontro complexo a visita ao campo da Alta, ante un conxunto ben clasificado e cunha das mellores defensas da categoría, pero aos mariñáns sobráronlles corenta e cinco minutos. Nun gran primeiro tempo deixaron o encontro visto para sentencia. Álex Meitín foi derrubado na áera e Xaime, desde o punto de penalti, abriu a lata. Antes da media hora de partido, Marino ampliou as diferencias logo dun pase de Álex Meitín, e antes do intermedio o pichichi Gerardo sentenciou o choque. Na segunda metade, as poucas esperanzas dos de Anxo Casalderrey viñéronse abaixo coa expulsión de Carlos Lugo. Á contra os de Chusky puideron ampliar as diferencias.

O Ribadeo venceu no derbi mariñán ao Foz e engánchase aos postos de privilexio (2-4). Os de Rafa Casanova gañaron no Martínez Otero e miran de reollo os postos de ascenso. Nuns primeiros compases igualados, o cadro local adiantouse por medio de Álex Paz, que aproveitou un resbalón de Mario para superar a Hugo. O Ribadeo non tardou en reaccionar e Brais empatou cun testarazo á saída dun córner. Antes do intermedio, Aitor deulle a volta ao marcador nunha contra aproveitando o pase de Criss. Xa na segunda metade invertíronse os papeles. Criss marcou e Aitor asistiu. Sentenciou o encontro Luki logo dun malentendido da defensa focense e Manu Pardo. Preto do final, Jesús Pablo recurtou diferencias ao rematar un saque desde o curruncho. Os de Jesús Gayol, que perderon catro dos últimos cinco encontros, quedan na zona baixa da clasificación.

A Sarriana derrotou ao Laracha e suma catro xornadas sen perder (2-1). Non foi doada a vitoria ante un conxunto nunha gran crise de resultados, pero cun potencial fóra de toda dúbida. Logo dunha primeira metade igualada, Mauro inaugurou o marcador moi preto do descanso. O disparo de Héctor rexeitouno De la Fuente e o dianteiro lucense, moi atento, empurrou o balón ao fondo da portería. Na segunda metade, o Laracha quedou con dez pola expulsión con vermello directo de Jairo, que derrubou a Álvaro cando se plantaba só na área rival. Malia todo, Geri logrou a igualada cun potente disparo. Pero Keko tiña unha bala gardada e aproveitou un balón solto na área para anotar o segundo tanto que valeu tres puntos.

O Lemos remontou in extremis e logrou unha importante vitoria ante o Arteixo (3-2). Éxtase na Pinguela cunha remontada épica dos de Edu Rodríguez. César e Gonzalo Torres tiveron opcións de adiantar aos monfortinos, pero foron os visitantes cun tanto de Rubén os que comezaron por diante. O adestrador lemista moveu o banco no descanso e os trocos foron transcendentais.  Tan só catro minutos tardou en chegar o empate cun tanto de Gonzalo Torres, pero Miguel Taibo voltou a poñer o marcador do lado do Arteixo. Aínda non estaba sobre o céspede o ourensán Tazos. Un tanto seu no 87 igualou a contenda, pero xa co tempo cumprido un disparo desde preto de setenta metros colouse na meta dun adiantado Javi Rumbo. Con catro triunfos nos últimos cinco encontros, o Lemos xa se sitúa na metade da clasificación.

O triunfo da Residencia ante o Sigüeiro racha a mala xeira dos Álvaro Meilán (2-1). Vitoria moi importante e moi traballada do conxunto lucense. Os visitantes foron mellores na primeria metade e tiveron opcións de adiantarse no marcador. Os veteráns Juanito e Adán puxeron a proba en varias ocasións a Diego Bravos, pero o gardameta resolveu con éxito a situación. Moi preto do descanso Dani Galán aproveitou un rexeite dentro da área para adiantar aos seus. Na segunda metade unha acción desafortunada de Mateo, defensor do Sigüeiro, que introduciu o balón na súa portería, deulle un balón de osíxeno á Residencia. Recurtaron diferencias os visitantes nos compases finais, pero o triunfo non correu perigo.

Luca´s Grill
Moreno´s Pizza
Imagen por defecto
Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Artículos: 500

Deja un comentario

Los datos que proporciones mediante este formulario serán tratados por Futbolinlugo como responsable de esta web. La finalidad de la recogida de estos datos se realiza solamente para responder y moderar los comentarios. Estos datos estarán almacenados en los servidores de PROFESIONAL HOSTING, situados en la Unión Europea (política de privacidad de Profesional Hosting). Puedes ejercer tus derechos de acceso, rectificación, limitación y supresión enviando un correo electrónico a diegopolc8@gmail.com.