Chegou o primeiro ascenso no Tres en Raia En Boas Mans. O Goiriz culminou unha temporada practicamente perfecta cunha vitoria no campo do Matela e os de Manu Veiga xa son de Segunda Futgal. O Castroverde segue na súa liña e queda a un só punto de festexar o ascenso. Lograrao se suma un punto no campo do Cazás, o seu inmediato perseguidor.
O grupo sur presenta unha clasificación diametralmente oposta con catro conxuntos en só tres puntos. Monterroso B, Sporting Lucense, Sober e Corgo son os grandes candidatos a acadar os dous postos de ascenso directo, co permiso dun Taboada B que volve a saborear a vitoria.
GRUPO NORTE
O Goiriz non erra no campo do Matela e xa festexa o ascenso (0-2). Non foi o mellor encontro da temporada dos de Manu Veiga. A tensión de ver o obxectivo á volta da esquina fixo que o fútbol dos chairegos non fora o mellor. Malia todo, Muñiz non tardou en facer o primeiro nunha acción a balón parado. Nunha primeira metade moi física e con moita pelexa o Matela contou con boas ocasións para acadar o empate. Tras o paso por vestiarios, os de Cuchi impuxeron o seu fútbol pero a defensa do Goiriz estivo a un nivel soberbio. Héctor marcou o segundo para os chairegos cun remate imparable á cepa do pao e o último tramo de encontro apenas tivo historia.
O Castroverde vence en Abadín e queda a un punto do ascenso (1-2). O encontro non puido comezar mellor para os visitantes. Aos dous minutos, un despexe do gardameta Víctor foi parar a Gelo que marcou o primeiro tanto a porta baleira. O Abadín asentouse no campo e non tardou en igualar o partido cun gol de Ángel, que marcou por segundo encontro consecutivo na casa. Os de David Lorenzo estaban mellor que o rival e chegaron a marcar un gol por medio de Ferre, tanto que foi anulado por fóra de xogo. Xusto antes do descanso o local Rico viu o segundo cartón amarelo. No segundo tempo, cun Abadín volcado na procura do segundo gol, Richard fixo o tanto da vitoria para o Castroverde cunha gran definición. Noé, Ferre e Tontxu tiveron ocasións para igualar.


O Cazás segue con opcións de ascenso directo tras vencer ao Roupar no derbi (0-1). Encontro de moita tensión no que o Cazás comezou tendo o balón e o Roupar buscou saír á contra. Á media hora de xogo, tras unha tangana o local Moha viu o cartón vermello directo e o Cazás logrou adiantarse cun gol de Roberto cun remate na área pequena con pouco ángulo. Malia a xogar en inferioridade, o Roupar levou a iniciativa na segunda metade, aínda que sen a profundidade suficiente para inquedar a portería defendida por Fernando.
O Rioaveso reacciona na segunda metade e golea ao Friol B (7-2). Os visitantes competiron ben no primeiro tempo e impediron xerar ocasións de gol a un Rioaveso que marchou ao descanso por detrás no marcador. Lucas trasnformou un penalti no minuto 43. Asier Lozano mudou o debuxo e varias pezas no descanso e as modificacións deron os seus froitos. Álex Anido empatou nada máis comezar o segundo tempo e o killer local aínda faría dous goles máis e repartiría dúas asistencias. O baixón físico do Friol B fíxose notar ao acudir en cadro e os goles foron caendo pouco a pouco.
O Celeiro remonta e vence á Comercial a domicilio (1-3). O conxunto local saiu mellor ao campo e foi quen de adiantarse no marcador cun tanto de Grilo. Os mariñáns tardaron en collerlle o punto ao encontro, pero a partir da media hora de xogo amosáronse superiores aos locais. Mora empatou antes do intermedio e deulle a volta aos cinco minutos do periodo final cun tanto de penalti. Os de Martín Rodríguez contaron con varias ocasións para sentenciar, pero non o fixeron ata o último tramo de encontro cun tanto de Silva.


GRUPO SUR
O Sporting Lucense volve a postos de ascenso tras golear ao Bóveda (7-1). O comezo do partido foi un espellismo. O Bóveda logrou adiantarse nun erro na saída do balón dos locais e foi quen de manter a renda preto de vinte minutos. O Sporting Lucense colleu o temón e non o soltou ata o final. Zoum e Roi, en dúas ocasións, xa puxeron en clara vantaxe aos capitalinos. O segundo tempo resultou de claro dominio local e chegaron catro goles máis.
O Sober desaproveita a vantaxe pero acada un valioso empate no campo do Corgo (3-3). Encontro entre dous dos grandes candidatos ao ascenso directo. Os visitantes saíron mellor ao campo aínda que lles custou xerar ocasións de gol. Os de Abel Rochela á contra gozaron de dúas boas opcións para adiantarse nas botas de Fer e David. Pero foi o Sober o que marcou antes do descanso grazas a David, que recolleu un balón que se lle escapou ao gardameta Harry. No segundo tempo o Corgo dominou o choque. Mejuto estrelou un balón no pao e Sebas e David atopáronse coa gran intervención do porteiro Manuel. O Corgo perdoou e o Sober fixo o segundo, obra de Martín, tras unha boa xogada de Nico. David recurtou diferencias para os locais e nunha xogada con certa polémica Martín ampliou diferencias para o Sober. O público empurrou ao Corgo na procura do empate e Xoia, con dous goles, un deles no desconto, fixo que os locais sumaran un punto.
O Relámpago Taboada mellora a súa imaxe pero cede no derbi co Taboada B (2-4). Non tardou en adiantarse o filial cun tanto de Sergio de penalti. Os locais foron quen de empatar tras un erro do rival e os de Jacobo Vázquez tiveron boas ocasións de gol antes do descanso. Brian convertiu unha antes do descanso e Pita puxo terra de por medio ao voltar de vestiarios. Co 1-3 o Relámpago estivo mellor e lograron recurtar diferencias preto do final cun gol de Christian. O empate estivo moi preto de chegar, pero o gardameta visitante impediuno e na contra Adrián sentenciou o encontro.

O Carballedo vence nun encontro insulso ao Chantada Atlético B (2-1). Partido sen moito divertimento o vivido no Catro Ventos. Ámbolos conxuntos estiveron moi nivelados e foi o Chantada Atlético B quen se adiantou no marcador cun tanto de Joselu á saída dun córner. Non tardou en empatar o Carballedo por medio de Chej tras aproveitar un rexeite tras un lanzamento de falta e só tres minutos máis tarde noutra xogada con varios rexeites Josiño fixo o segundo para os de Adrián Pateiro. No segundo tempo os dous conxuntos tiveron varias ocasións de gol, pero o marcador non se moveu.
A Sarriana B remonta no tramo final fronte a un combativo Río Sil (1-2). Os locais adiantáronse axiña. Aos seis minutos César rematou un saque de falta lateral ao fondo da portería. Os visitantes trocaron a súa proposta e optaron por un fútbol máis directo que lles proporcionou algunha ocasión de gol. A lesión de Molina á media hora de xogo fíxolle dano ao Río Sil que viu como o filial lles comía terreo. Javi empatou o encontro tras unha boa xogada e no segundo tempo os de Raúl tiveron o dominio do choque cun Río Sil buscando xerar perigo á contra. Os sarriaos reclamaron varias caídas na área como merecedoras de penalti, pero o gol non chegou ata o último intre de partido. Rubén transformou un lanzamento de falta e deulle tres valiosos puntos aos seus na pelexa por entrar no play off.
