Monterroso vive unha situación insólita
-
- 0
- 3min de lectura
O Monterroso vive unha situación única no fútbol lucense. Na Primeira Futgal, o primeiro equipo encóntrase na zona perigosa da clasificación, inda que con catro puntos de diferencia co Oural, último equipo en postos de descenso. Mentres, na Terceira Futgal, o Monterroso B lidera en solitario con un punto de vantaxe con Sporting Lucense e Sober. Se houbese un descenso, o filial non podería subir a Segunda Futgal, mais non se podería saber antes de que acabe a Terceira, senón case dous meses despois do final da competición.
Se o Monterroso B gañase no campo a opción de poder xogar a promoción de ascenso e o primeiro equipo inda tivese opcións a obter a permanencia, dende a Real Federación Galega de Fútbol aseguran que o filial disputaría o play off con total normalidade. En caso de ascenso directo, a Federación decidirá no seu momento como se resolvería esa hipotética problemática se o Monterroso descendese. O que é seguro é que se o Monterroso B o gaña no campo, xogaría a promoción.
No clube inda «non pensamos nesa situación porque confíamos plenamente en que imos permanecer na Primeira Futgal unha tempada máis» asegura o presidente da entidade, Balbino. Unha situación curiosa da que, en tempadas recentes, non houbo casos nos que ocorrese, o que fai moito máis única a situación.
Hai antecedentes, sobre todo no fútbol profesional, de filiales que loitaron por ascender a segunda cando o primeiro equipo inda loitaba por non descender, o máis próximo é cando o Celta B xogou ante o Eldense a ida da promoción de ascenso e, ao día seguinte, o Celta lograba a permanencia matemática contra o Barça. Pero isto non quita que a situación sexa diferente polo tempo que pasará entre o final das dúas competicións, case dous meses.
No primeiro equipo do Monterroso, o último tramo da tempada comeza cun partido que pode deixar a permanencia moi de cara para os seus intereses. A súa visita ao Oural deste fin de semana será decisiva para gañar distancia cos postos de descenso. A gran vantaxe do conxunto monterrosino é que teñen un partido menos, o cal disputarán ante o Meira, que se gañan poñeríaos a sete puntos de distancia, facendo da súa salvación algo moito máis sinxelo.
No caso do filial, tres xornadas selarán o seu destino, pero coa dificultade de ter que xogar ante os dous principais adversarios polo campionato. Este fin de semana recibirán ao Sporting Lucense e despois do Entroido, enfrontaranse ao Sober. Na última xornada xogaran contra o Bóveda co obxectivo de certificar o seu ascenso á Segunda Futgal.