#Fútbol afeccionado #Veteráns

O fútbol volve a Codesido

As ligas provincias de veteráns comezaron hai dúas fins de semana, pero hai un debut que se resiste. É o do CD Codesido que inicia esta campaña o seu proxecto na liga de veteráns. Na primeira xornada aprazouse o derbi co Santaballés por mor das festas na parroquia vilalbesa que se celebran a carón do campo da Casanova. E na segunda (que se xogou hai unha semana) ao equipo vilalbés tocoulle descansar xa que a súa inclusión este ano na competición fai que haxa quince equipos na categoría. Polo tanto, a estrea será este domingo no encontro ante o Veteráns Sarria SD.

Codesido quedara sen fútbol hai algo máis dun ano despois da desaparición do seu equipo de rexional que militara nas últimas temporadas na Terceira Galicia e tamén participara na Segunda. Algúns dos seus ex-futbolistas decidiron volver armar un equipo co obxectivo de ter un motivo para pasalo ben cada fin de semana e tamén coa intención de evitar o abandono das instalacións do campo da Casanova. Manuel Rodríguez é o presidente dun equipo de veciños formado por xente da parroquia e algún máis que vén doutras zonas lindantes.

Os gastos de manter un equipo en categoría rexional eran difícil de asumir, polo que o club decidiu deixar de competir. «Iso é moi carísimo», en palabras do presidente. Agora inician una nova aventura: «temos aí unha inversión feita no campo, e sobre todo para evitar que nos quiten servizos como a luz», concreta Manuel.

Co nacemento do Codesido chegarán tamén os derbis vilalbeses, xa que o concello da Terra Chá conta con cinco equipos na Segunda División de Veteráns (Albense, A Canteira, Sancobade e Santaballés). Especial será ese partido (aprazado na primeira xornada) fronte ao Santaballés. Aínda que sempre quedará a eterna disputa pola charca do Alligal, o presidente Manuel Rodríguez sentencia: «levámonos todos ben».



Na cabeza dun equipo está un home que leva mamando o fútbol de Codesido dende que era un cativo, xa xogaba cando aínda o equipo estaba sen federar e o fútbol era un divertimento para moitos dos rapaces da contorna. Despois foi adestrador e agora preside un club que outra xente do pobo se encarga de poñer a funcionar. O obxectivo é claro, afirma Manuel: «Divertirse e tratar de que non pase nada. Manter as instalacións que senon podrece todo«. Que así sexa por moito máis tempo.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *