#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

O Folgueiro e o Ferreira, triunfadores dos duelos directos

A segunda volta comezou na Segunda Rexional con varios duelos directos. O Folgueiro e o Ferreira foron os grandes triunfadores da xornada.

Na clasificación da zona norte, o liderado apértase. No sur, o Friol volveu ao máis alto ao empatar o Guntín. Contámalo nunha nova entrega de #ONoso11AChaira.

Na zona norte, dous encontros salientaban na axenda da pasada finde: o Folgueiro – Meira e o Muimenta – Cospeito.

No concello do Vicedo xogaron o segundo e o primeiro clasificado. Os locais venceron pola mínima ao líder e quedan a un punto da posición de máis privilexio da táboa.



Os dous equipos amosaron o seu gran potencial. Pero foi o Folgueiro o que estivo máis acertado.

O Meira puido empatar o partido nunha das últimas accións do mesmo. Pero o colexiado indicou fóra de xogo cando Marcos podía marcar gol.

Con todo, o Meira mantén o gol average ao seu favor. Na primeira volta vencera na Lomba por 4-2.



No derbi do concello de Cospeito, ambos os equipos manteñen as súas posicións de play off. O Muimenta (3°) a seis puntos do líder e o Cospeito (4°) a oito puntos do primeiro.

Bo inicio do Cospeito no campo do Pichón. A través dun penalti, púxose por diante no marcador con gol de Martín.

Non obstante, antes de chegar ao tempo de lecer os locais conseguiron empatar. Seijas, nun gran momento goleador, aproveitou unha segunda xogada para igualar o marcador.

No segundo tempo non habería máis goles. Si dúas expulsións nos locais. A do xogador Ches e a do delegado Iván Pena. Os celestes acabaron descontentos coas decisións do colexiado.

O Muimenta ten o gol average ao seu favor. Na primeira volta fora quen de vencer pola mínima na Fonte.



O Guitiriz entra en postos de fase de ascenso

Triunfo coral do Guitiriz sobre o Cabreiros que se ve reflectido na autoría dos goles. Cinco goleadores diferentes.

O cadro guitiricense entrou ben no partido e adiantouse por medio de Ansede ‘Jaba’ a saída dun saque dende o recanto. Co 0-1 chegouse ao descanso.

Na segunda parte o encontro foi máis cómodo para os visitantes. E marcaron catro goles máis.

O Guitiriz sácalle agora dous puntos aos seus inmediatos perseguidores. Pola súa parte, o Cabreiros queda terceiro por abaixo. Está metido en plena loita pola salvación (debido aos temidos arrastres) e a dez puntos do play off.

Os inmediatos perseguidores do Guitiriz son o Iberia e a Candelaria. Ambos teñen 25 puntos, a dous do quinto posto.

O Iberia cedeu a súa posición de promoción ao empatar no campo do Fonsagrada. Ambiente frío no Gómez Besteiro que anticipaba xa a chegada da neve.

Non houbo goles. Ambos equipos tiveron algunha que outra ocasión. Arón tivo a máis clara para o Iberia e David Freijo para os locais.

Na segunda metade, Ángel foi expulsado nos visitantes e cara o final do encontro Javi deixou cun menos ao Fonsagrada.

A Candelaria ocupa a sétima posición da táboa logo de vencer pola mínima ao Alfoz. Foi decisivo o gol de Pablo Delgado para os visitantes que souberon xogar o seu encontro.

Pablo leva dous partidos coa Candelaria e marcou o seu primeiro gol co cadro da Rúa. O futbolista da canteira da SD Burela vén de chegar ao grupo dirixido por Jaime Matouse. Pablo foi colaborador desta casa na elaboración da IV Guía ‘Fútbol en Lugo’.

O Roupar volve gañar logo de sete partidos

O Roupar volveu ao camiño da vitoria logo de acumular sete encontros seguidos sen sumar de tres. Venceu como local ao Celta Barreiros.

O conxunto verde tivo varias oportunidades pero materializou dúas. Os xogadores preparados por Dopico quedan na metade da táboa, a catro puntos da promoción.

Non estiveron nada acertados os pupilos do Celta Barreiros que seguen coa súa mala xeira. Son penúltimos clasificados, a doce puntos dos seus antecesores inmediatos.

Primeira vitoria de Castro no Castro B

O filial do CD Castro chegou a pasada xornada aos vinte puntos. Derrotou a un Xermade que queda cun punto menos na clasificación.

Volveu ser decisivo Iván Navia. O dianteiro anotou os dous goles marcados polo cadro vermello. O técnico José Ángel Castro leva un empate e un triunfo dende que colleu ao equipo.

O Castro B queda a sete puntos da quinta praza. Ao igual que o Alfoz (un posto por abaixo).

Logo de cinco partidos, tamén volveu á senda do triunfo a Comercial. Venceu a un Goiriz que segue na última posición da clasificación.

No encontro Yoni marcou o seu primeiro gol como sénior. Dáse a casualidade de que anotara un en Goiriz no primeiro encontro de liga pero daquela anuláranllo por fóra de xogo.

A Comercial está nunha situación similar ao Cabreiros. Pelexan nestas momentos pola salvación dos posibles arrastres. Á par están a dez puntos da zona de promoción de ascenso.

O Friol volve ao máis alto

A segunda volta comezou no grupo sur co regreso ao liderado do Friol. É que a xornada tamén estaba marcada por dous duelos directos: O Oural – Guntín e o Milagrosa – Ferreira.

O Friol aproveitouse dun resultado favorable de terceiros para colocarse na primeira posición. O equipo preparado por Javi Pájaro derrotou pola mínima ao San Lázaro.

O cadro friolés marcou o gol que lle valería o triunfo nada máis comezar o chqoue. Os locais non se renderon e tiveron ocasións.

Puideron empatar ao pouco de comezar o segundo tempo, pero erraron un penalti. Brais Lombao defendeu aos seus para manter a portería a cero.

Na segunda posición está agora o Guntín logo de empatar sen goles ante o Oural.

Dominio alterno con algunha ocasión clara para cada equipo. Pero ningún deles logrou convertir gol. O gol average entre ambos equipos queda igualado logo do 0-0 da primeira volta.

O Oural queda 4º, a catro puntos do Friol. Entre o Oural e o Guntín atópase o Ferreira.

O conxunto de Pantón queda a dous puntos da cabeza logo de vencer noutro dos choques directos da xornada. Derrotou pola mínima a Milagrosa no Luis Gorgoso.

Encontro igualado entre dous equipos que están nun gran momento de forma. No primeiro tempo non houbo goles, pero ambos tiveron ocasións.

Foi o comezar o segundo acto, cando Samba marcou o único tanto do encontro. Un bo lanzamento dende lonxe. Tentouno a Mila ata o final pero non foi quen de empatar.

A Milagrosa queda agora ás portas da promoción de ascenso. Ocupa a sexta praza a un punto do Becerreá.

O Becerreá volve ao play off

É que o conxunto da Montaña conseguiu os tres puntos con claridade ante o Corgo. O cadro local xa sentenciou na primeira metade con bos goles. Cinco marcou en total no primeiro acto.

Na sétima posición queda o Paradela. A catro puntos da fase de ascenso. Perdeu pola mínima ante un Lemos B que continúa en alza.

O filial lemista quere saír a toda costa da zona baixa. De momento deixa a catro equipos por baixo na clasificación.

No partido co Paradela volveu ser un dos destacados Fagín. O ’10’ adiantou aos seus no primeiro tempo a balón parado.

Ao pouco de empezar a segunda metade, os locais conseguiron o segundo gol tamén a balón parado. A partir de aí, o dominio foi do Paradela que só logrou un tanto ao final do encontro.

Nos visitantes salienta o bo nivel amosado por Albertito. O mediapunta parece estar plenamente recuperado da súa lesión de xeonllo.

Sporting Lucense, San Roque e Brollón entre dúas terras

Na metade da táboa está o San Lázaro (a seis puntos do quinto posto). E logo vén o Sporting Lucense que derrotou ao Río Sil.

O balón parado foi protagonista. Así chegaron os tres goles do conxunto capitalino ante un Río Sil que continúa na zona baixa.

O cadro de Lolo está a oito puntos da promoción e con certa marxe polo momento sobre a zona baixa.

Coa mesma puntuación atópase o San Roque. O conxunto de Montirón salvou un punto na casa ante un combativo Carballedo.

Foi un encontro igualado no que o Carballedo aproveitou a súa antes do tempo de lecer. Un bo gol de David poñíaos por diante.

A volta dos vestiarios puideron ampliar diferenzas os pupilos dirixidos por Rodrigo Amarante. Non obstante, Monchito errou no man a man.

O San Roque tivo varias chegadas pero non foi ata o tempo extra cando acabou empatando nunha xogada a balón parado.

Os visitantes acabaron o encontro con oito futbolistas no terreo de xogo debido a tres expulsións nos intres finais.

O Carballedo non poderá contar con Rober, Monchito e Diego no importante duelo da zona baixa ante o Río Sil.

Con 20 puntos está o Brollón que empatou ante o Chantada B. Adiantouse o conxunto dos Medos por medio de Maza á media hora de xogo.

Parecía que ese ía ser o resultado ao descanso pero o filial empatou tras unha acción a balón parado. Noutra ocasión coa pelota quieta xa no segundo tempo, o Chantada B marcou o segundo por medio de Jordi.

Foron uns bos minutos dos visitantes que puideron ampliar a súa vantaxe. Con todo, cando mellor estaban, o Brollón conseguiu igualar. Foi Bertín quen marcou.

Tentárono os locais ata o final pero o marcador non se movería. No segundo tempo tivo minutos a fichaxe do mercado de inverno do Brollón, Adrián Castañer.

O conxunto chantadino está na cuarta posición comezando a clasificación por abaixo. Ten oito puntos sobre o descenso directo pero está nesa zona de perigo á espera de poder ir predecindo os supostos arrastres.

O Folgueiro e o Ferreira, triunfadores dos duelos directos

O PM Friol balancéase sobre a tea

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *