O Folgueiro, un dos equipos do fútbol lucense no alto da clasificación

O Folgueiro colle lixeira vantaxe e tres equipos en 41 no sur

A 20ª xornada da Segunda Futgal aumenta minimamente as diferenzas do Folgueiro no primeiro posto da clasificación. Supera en 4 puntos ao Iberia, que ten un partido menos. Na zona sur, no continuo cambio semanal de líder, o Becerreá encabeza a táboa. Con todo está igualado a puntos co Santa Comba e o San Roque.

Quince vitorias para o Folgueiro

O club do Vicedo reafirma a súa condición de líder. Gañoulle ao Alfoz (2-1) na matinal do sábado e logrou o 15º triunfo do curso; os último seis conseguidos de maneira consecutiva. Os pupilos preparados por Manuel Vicente e Aurelio Veiga acumulan oito encontros sen perder. Suman 46 puntos e contan con 4 de vantaxe sobre o Iberia, que ten un partido menos.

O conxunto alfocense fixo un bo partido, pero os locais sacaron máis tallada das súas opcións. Antes do tempo de lecer, non estivo atinado Jacobo Rivas e Oki adiantou aos seus. No segundo acto, Aarón tamén se aproveitou doutro erro para marcar o segundo. Terceiro gol en dúas semanas do dianteiro de Lourenzá.

Tentárono os xogadores preparados por Javi Chinchón. Adán logrou o gol no tramo final, pero non foron capaces de conseguir a igualada.



O Alfoz é 8º con 27 puntos.

O Iberia perde puntos en Lugo

O club de San Miguel de Reinante fica na segunda posición tras empatar coa Piringalla (1-1). Aínda ten un partido pendente de xogar, pero a distancia co Folgueiro agora é de catro puntos. As dúas saídas da temporada a capital da provincia sentáronlle mal o Iberia. Empatou co Casás e co conxunto laranxa, ambos encontros xogados no Municipal Rodríguez Lago.

A Piringalla ocupa a 13ª posición con 19 puntos, a seis do seu antecesor, a Candelaria.



Riotorto e Celta Barreiros, os perseguidores que máis se achegan

Os pupilos preparados por Ramallal impuxeron a súa calidade individual e venceron ao Mondoñedo (0-4) no Viñas da Veiga. A 12ª vitoria da campaña permítelle ao Riotorto quedar a cinco puntos da fase de ascenso (tendo en conta que o Iberia aínda ten un partido pendente de xogar).

O Mondoñedo é 14º con 17 puntos.

O Celta Barreiros gaña enteiros en Xermade, tras superar aos locais por 2-3. Nun duelo directo na parte alta da táboa, impuxéronse os da Mariña que quedan con 37 puntos, tres máis ca o seu rival.

O Sporting Pontenova e o Casás superan os 30 puntos

O club pontenovés é 6º con 33 puntos, despois de gañarlle ao Muimenta (3-2) na Mina. É a terceira vitoria consecutiva do cadro preparado por Merino, que practicamente acumula a puntuación necesaria para evitar problemas no tramo final de liga. Con todo, as opcións de pelexar pola promoción tamén están lonxe, momentaneamente a nove puntos, a falta de que o Iberia se poña ao día.

O Muimenta é penúltimo con 12 puntos.



O Casás atópase nunha situación similar ao Sporting Pontenova, logo de derrotar ao Cospeito (3-7). Suma 32 puntos e atópase nunha zona tranquila da clasificación.

O Cabreiros, 13 de 15 en 2025

O club da Acea é outro no novo ano. Leva sumados os mesmos puntos en cinco partidos ca todos os que sumara na primeira volta. Os pupilos de Isaac Rouco superaron ao Sanci (4-1), equipo co que igualan na clasificación a 26 puntos. A 13ª praza queda a sete puntos de distancia.

Os locais adaptáronse mellor as condicións de frío, chuvia e humidade que se deron na tarde do sábado en boa parte da provincia. Nun saque de esquina, a estratexia do Cabreiros funcionou. Pateou Veiga e Riobó remata a gol no primeiro pau. Nun man a man, Chema Lladró anotaría o segundo.

Antes do tempo de lecer, o Sanci quixo meterse no partido cun gran gol de Hugo Fustes. Con todo, no segundo tempo, os locais encargáronse de sentenciar a balón parado. Primeiro, Marcos Novo a saída dun córner lanzado polo capitán Pepe.

No tramo final, aínda quedaría a oportunidade de que se volvera lucir Chema. O futbolista pontés marcou o cuarto nun lanzamento de falta directa . A súa nova posición de dianteiro séntalle ben. O ‘6’ leva cinco goles nos últimos tres encontros. É o máximo goleador da categoría en Lugo con 17 tantos.

Ademais do Cabreiros, o outro gran triunfador da xornada na zona baixa é o Gutiriz. Superou á Candelaria por (2-0), rival directo na loita por evitar os posibles arrastres. Ambos equipos suman agora 25 puntos, aínda que é o cadro guitiricense o que queda co gol average ao seu favor.

Trío de líderes a 41 puntos

A igualdade no grupo sur é unha tónica practicamente toda a temporada. A falta dun tercio para que remate a liga o Becerreá, o Santa Coma e o San Roque están igualados a 31 puntos.

O Becerreá superou ao Incio (4-1) para colocarse novamente como primeiro clasificado. Todo despois de remontar un gol en contra. Ao descanso os locais xa gañaban por 3-1 tras quedarse o conxunto amarelo cun xogador menos por expulsión.

Curiosamente o segundo clasificado é o que máis vitorias ten do grupo. O Santa Comba logrou a 13ª na súa visita ao Rubián (2-3). Adiantáronse cedo os visitantes, pero os locais responderon xusto antes do tempo de lecer. Tras volver poñerse por diante no segundo tempo, o Santa Comba controlou mellor o partido.

O San Roque tíñao de cara para gañar e colocarse líder en solitario, pero O Páramo igualou no segundo tempo o 2-0 en contra no Polvorín. Dani ‘Audios’ e Hugo Gallego déronlle un punto aos das Rapadas, que dende a 10ª posición marcan unha división de oito puntos cos equipos que están por baixo.

O equipo máis próximo ao trío de líderes é o Ferreira. A falta de recuperar a media hora de xogo pendente co Brollón, queda con 36, a cinco dos equipos de cabeceira. Perdeu no derbi co Lemos B. O filial foi superior nun primeiro tempo no que se puxo con 0-2 a favor. Os locais foron capaces de igualar no segundo acto, pero logo quedaron cun xogador menos por expulsión e o Lemos B marcou o tanto do triunfo nos útimos instantes. A acción foi protesta polo Ferreira ao entender que era fóra de xogo.

O Paradela queda con 35 puntos logo de empatar noutro dos grandes duelos da xornada co Brollón, que ten un punto menos. Os goles non chegaron ata o segundo tempo, o Brollón adiantouse pero o Paradela logrou a remontada momentánea. Nos últimos intres, un remate de Tourón deulle o empate aos visitantes.

Noveno partido sen perder do Friol

O Quiroga non se aminorou na Reigosa. Comezou gañando cun gran gol de Mavilo, que marcou por segunda xornada seguida un golazo. A partir de aí, os locais espertaron e comezaron a dominar. Remontaron antes do descanso e controlaron no segundo tempo. Luciuse Marcos cun dobrete e unha asistencia. O cadro friolés queda a oito puntos da cabeza.

O Portomarín e o Palas tamén pasan o corte

29 puntos suma o conxunto preparado por Diego Rey, despois de superar ao Antas (0-5). Dez puntos de distancia agora entre eles. O Portomarín suma 29 na 8ª posición. Está empatado co Palas que finalizou a mala xeira de resultados cun triunfo pola mínima ante o Chantada B (1-0). Ambos triunfos marcan distancia coa zona baixa e poden ser cruciais para evitar a zona de perigo nas últimas xornadas de liga.

Seis equipos pelexan claramente pola salvación

O Antas é o que máis vantaxe ten, pero atópase a só tres puntos tanto dun posible arrastre como da zona de descenso directo. Acumula 19 puntos, dous máis que o Chantada B e o Incio. O Lemos B é antepenúltimo con 16, igualado co Rubián en descenso directo. O máis descolgado é o Quiroga, último con 10 puntos.

Once condicionado, entre outras circunstancias, pola presenza de dous laterais dereitos como Buti e Lucas.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *