Cando me pediron que pensase unha anécdota curiosa que me ocorrese xogando ao fútbol foi inevitable botar a vista ao meu primeiro ano de sénior no recentemente creado As Pontes B. É difícil escoller entre as moitas anécdotas a contar que hai dese ano pero, polo peculiar do caso, creo que me quedo con unha por enriba de todas.
Formouse un grupo rapaces novos con varios ‘veteranos’ que xa tiñan moito fútbol detrás, unha mestura perfecta no campo, xa que ascendemos a Segunda, e tamén no vestiario. O míster era o gran Calpita, cunha extensa traxectoria tanto na base como en categorías sénior. Polas súas mans pasaran multitude de xogadores e seguro que viviu moitas experiencias curiosas. Pero esta non a viu vir.
Acabábamos de comezar a pretemporada, debíamos levar unha ou dúas semanas adestrando. Tocaba sesión de físico na Fraga, lugar onde cada 25 de xullo se celebra unha das mellores festas que coñezo. Chegou a hora de comezar e non estábamos todos, faltaba un: Iván Rodríguez, máis coñecido como ‘Buba’, un grande que pasou por unha chea de equipos na provincia da Coruña e tamén na de Lugo (Neda, As Pontes, Dorneda, Santaballés…). El viña a adestrar desde Neda, pensamos que se retrasaría por calquera cousa e decidimos comezar.
Cando xa levábamos unha hora de extenuante carreira, apareceu. Todos nos quedamos coa boca aberta pero a cara do míster foi un poema.



Viñera en bicicleta!
Por contextualizar a situación: desde a As Pontes hai algo máis de 30 quilómetros e, a un ritmo normal, case dúas horas e media dándolle ao pedal. Antes dunha sesión de físico!
Sen inmutarse, achegouse a Calpita e díxolle algo como: “Perdona, calculé mal el tiempo al salir de casa, qué hago?”


Lembro que ‘Calpi’ tardou varios segundos en responder e, loxicamente, díxolle: “Iván, volve a coller a bicicleta e vai para casa anda que se vai facer de noite”.
E aló foi, mentres todos nos mirábamos sen saber moi ben que facer. Subiu de novo na bici e emprendeu camiño de regreso a casa coa súa roupa de adestramento.
Que ninguén se preocupe, chegou san e salvo á casa.
Fran García Currás. Xornalista con papel protagonista en Xermade