Notas da Segunda e da Terceira na primeira semana de febreiro

Como cada semana poñemos notas as mellores e as peores actuacións da pasada fin de semana na Segunda e na Terceira Galicia. Nesta xornada dáse a casualidade que as catro notas representativas correspóndense con equipos e futbolistas da Terceira Galicia.

A figura: Richi do Goiriz

Ricardo Jorquera “Richi” foi un dos xogadores destacados da pasada xornada con dous goles dos catro que marcou o Goiriz para derrotar por 4-0 ao Fonsagrada. Richi entrou no minuto 38 da primeira parte con 1-0 no marcador, e nos primeiros minutos do segundo acto encargouse de resolvelo partido con dous tantos. Grazas a este resultado, o equipo vilalbés é o novo líder da clasificación da Terceira Galicia grupo norte. Con tres puntos de vantaxe sobre o Roupar, aínda que os de Xermade teñen un partido menos.

O ás: Pedro do Matela

De novo recorremos á Terceira Galicia grupo norte para subliñar a actuación de Pedro Rodríguez. O habitual defensor do Matela tivo que poñerse esta xornada baixo os paus da portería ocupando a posición de porteiro -posto no que xoga ó fútbol sala-. Pedro tivo parte da culpa da vitoria do seu equipo ante o Cazás, nun encontro que rematou con un triunfo pola mínima (1-0) dos de Outeiro de Rei. Cos tres puntos o Matela non perde comba, está a seis do líder e con dous partidos menos.

Nin pé con bóla: F.C. Pradeda

Transcorría o minuto 36 da primeira metade no campo de Santa Eulalia de Pradeda e Carlos López anotaba o terceiro gol do conxunto local ante o Paradela, outro rival da zona media da Terceira Galicia grupo sur. Non obstante, dous minutos máis tarde, Daniel Rodríguez recurtaba distancias e o resultado ao descanso era de 3-2. Na segunda parte o equipo visitante anotou cinco goles máis para deixar unha goleada de 3-7 como resultado final.

Demasiado intenso: Cervo

O Cervo conseguiu un importante triunfo ao derrotar por 1-0 a un dos grandes da categoría, a SD Ourol, con gol de Evandro, consolidándose así, en postos de promoción de ascenso. Non obstante, as consecuencias do partido foron dous sancionados para o conxunto da Mariña. O máis grave, a sanción a Miguel Gomes que despois de ser expulsado por doble amonestación foi sancionado con nove partidos por incumplir distintas normas á hora de dirixirse ao colexiado.

 

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 466

3 comentarios

  1. Hola comentaros que el corgo de segunda regional se reforzo para lo que resta de temporada del jugador Ángel Merino, exjugador del Santa Comba .

Deja un comentario