A Copa Deputación foi avanzando e esta vindeira fin de semana xa entrará nos seus oitavos de final. Xogarse todo a un partido provoca que as sorpresas sigan chegando e equipos que fixeron una gran temporada como o Portomarín que conseguiu o ascenso a Segunda, xa quedaron eliminados. Os máis destacados da pasada rolda teñen protagonismo nas nosas notas.
O ás: Cleno do Rioaveso Machinango
O Rioaveso foi unha das sorpresas da segunda rolda á que accedeu por sorteo e eliminou a un conxunto de superior categoría como é o Abadín. O protagonista do partido foi Cleno que anotou os tres goles dos locais nun encontro que se decidiu nos penaltis despois de acabar o partido 3-3. O Abadín foi quen de remontar o 2-0 inicial en favor dos locais, pero a piques de chegar o minuto 90 Cleno forzou un penalti e anotou o gol que lle serviría ao seu equipo para ir á tanda de penaltis.
A figura: Martín do Palas
O Palas pasou aos oitavos de final despois de eliminar ao Ferreira na tanda de penaltis ao acabar o choque 0-0. Era un partido entre dous equipos que estiveran loitando ata o final por ascender á Primeira e finalmente foron os de Pantón o que o conseguiron. Neste encontro os goles escasearon e nos penaltis apareceu a figura de Martín que parou dous dos cinco lanzamentos do rival.
Nin pé con bóla: Candelaria
O equipo de Cervo encaixou a goleada máis dura das eliminatorias ao perder 2-7 co Pontenova, o campión do grupo norte da Segunda División. A Candelaria eliminara ao Cazás na primeira fase, pero non puido fronte a un equipo que xa coñecía do campeonato regular. Nos primeiros 20 minutos os visitantes xa gañaban por 0-4.
A anécdota: Pelayo do Iberia
Como xa acontecerá na xornada anterior, as baixas lastraron moito o Iberia e o porteiro Pelayo tivo que xogar de extremo. Desta volta non conseguiron vencer ao seu rival e perderon 0-1 co Xermade. O Iberia pecha así unha gran temporada que non se traduciu en ningún obxectivo de gran alcance, pero si que estiveron xogándose algo ata case o final.