Salvatierra Abogados patrocina unha semana máis dos Máxicos, coas cousas máis tensas que nunca ao longo de toda a táboa clasificatoria.
O Pol é máis líder logo de vencer á Milagrosa (3-1). Un equipo local moi intenso enviou tres balóns ao pau no primeiro tempo, e aínda así chegou cunha vantaxe de 2-0 ao tempo de lecer ante unha Milagrosa que viu como encaixaba o segundo no engadido da primeira metade. Os últimos 45′ tiveron un ritmo máis baixo, Omar sentenciou no 77′ e os capitalinos anotaron o gol da honra preto do final, 3-1 no Manuel Luna.
O Lourenzá leva o derbi tras remontar no Martínez Otero (1-2). O Foz foi lixeiramente superior ao longo da primeira parte, que estivo moi igualada e na que ambos equipos se mostraron recelosos co rival. No segundo tempo, os locais adiantáronse e gozaron de numerosas ocasións para ampliar a diferenza, nas que Clemente —un dos Máxicos— se erixiu como salvador. Alentado polas paradas do seu gardamallas, o Lourenzá aproveitou dous erros individuais locais para remontar o encontro no último cuarto de hora de xogo con goles de Yago Cruña e David Cabaleiro, 1-2.
O Xove Lago domina e supera con claridade ao Outeiro de Rei (4-1). Un gran partido dos Máxicos de Pelayo saldouse cunha victoria incontestable. Xa antes do 1-0, obra de Jorge, os mariñáns gozaran de numerosas ocasións, unha tendencia que continuou no segundo tempo, no que anotaron o 2-0, o 3-0 e tiveron as máis claras. Un Outeiro pouco recoñecible fixo o 3-1 e se agarrou ao partido, pero finalmente os locais sentenciaron nun contragolpe, 4-1.


A SD Chantada remonta na segunda metade diante do Guntín (2-1). A presión alta dos visitantes incomodou á SD Chantada ao longo dunha primeira metade na que os do Ladairo anotaron o 0-1 nunha boa acción combinativa. Porén, os chantadinos non se viñeron abaixo e saíron renovados do paso por vestiarios: David anotou unha pena máxima logo dunha man e o Guntín sofría no seu campo. Aínda así, Salim puido facer o 1-2 nunha acción de córner na que o gardamallas Moncho fixo unha gran parada e, pouco despois, Hugo finalizou unha boa combinación para culminar a remontada, 2-1.
A recta final estivo moi aberta, pois a SD puido sentenciar, pero tamén o Guntín puido empatar cun disparo de Samu que se foi desviado por pouco. Ao término dos 90′, 2-1 no Sangoñedo.
O Riotorto cede ante unha gran versión do Chantada Atlético (0-4). Os Máxicos locais deron a cara e competiron de ti a ti ao longo dos primeiros 45′, nos que os defensores e o porteiro do Riotorto aguantaron as embestidas chantadinas. Porén, as baixas locais e o ritmo que impuxeron os Máxicos visitantes no segundo tempo trouxeron consigo sendos dobretes de Adri e de Brais, puxeron un contundente 0-4 no electrónico para marchar da Veiga con tres puntos diante dun Riotorto que non perdeu a cara do partido, pero que se viu superado polos rivais.

O Monterroso sabe sufrir e gaña ante o Portomarín (3-1). Foron mellores os locais ao longo da primeira metade, froito do cal anotaron dous goles e chegaron cunha cómoda vantaxe ao descanso. Porén, un atrevido Portomarín subiu as súas liñas tras a reanudación e conseguiu recurtar diferenzas para soñar co empate. Os Máxicos de Josito Jul, pese ao gol encaixado, non perderon a cabeza e conseguiron anotar o definitivo 3-1 para que os tres puntos quedasen na casa.
O Santaballés volve á senda da victoria a costa do Meira (2-0). Dominaron os locais ao longo do primeiro tempo, aínda que a máis clara foi para Seixosmil, que errou un man a man. Tras a reanudación, o cadro de Freire aproveitou un erro visitante nun saque de banda para adiantarse e, pouco despois, unha boa transición saldouse cunha pena máxima que transformou Novás, un dos Máxicos da semana. Finalmente, 2-0 na Liga a prol dun Santaballés que necesitaba reatoparse coa victoria.

O Guitiriz soña tras vencer ao Taboada nun partido cun final tolo (3-2). Os Máxicos locais adaptáronse mellor a un terreo de xogo moi mermado, que supuxo moito fútbol directo e erros por parte de ambos conxuntos. O Guitiriz aproveitou os minutos iniciais de cada parte para anotar dous goles, pero quedou cun home menos no segundo tempo. O Taboada recurtou diferenzas no 65′, de novo Labrada abriu distancia co 3-1. Migui faría o seu dobrete no 89′ para poñer tensión ao tempo engadido, pero cadro do Suso Cruz mantivo a cabeza fría e sacou tres puntos de ouro, 3-2.
O Atlético Escairón endósalle ao Burela a primeira derrota do 2024 (1-0). Un gol no desconto valeulle ao cadro do Saviñao para manterse firmes no terceiro posto e vencer ao rival máis en forma da categoría. Dous estilos contrapostos citáronse no Municipal, cun Burela combinativo e un Escairón máis directo. No primeiro tempo foron os mariñáns quen estiveron máis incisivos, pero os locais defendéronse ben ao longo dos 90′, axudados ademais pola gran actuación de Macía, e non renunciaron á victoria, que conseguiron no tempo engadido cun gol de José María nun balón parado.
MÁXICOS SALVATIERRA ABOGADOS

