Máxicos que se achegan aos obxectivos, e outros que se afastan

Os Máxicos Salvatierra Abogados chegan co resumo do mellor que aconteceu nunha xornada na que o Burela se fixo máis líder, o Outeiro estreou técnico con victoria e a Milagrosa saiu do descenso.

A Milagrosa gaña a un rival directo e sae do descenso (2-1). Os Máxicos de Madriles sabían da importancia do duelo, froito do cal se produciu un comezo de partido con dúbidas e nervios. O Santa Mariña golpeou primeiro e puxo o 0-1 no 12′, pero o rápido gol de Marco para igualar deu forzas a unha Milagrosa que se mostrou moi seria e agardou o seu momento no Gorgoso. Logo dunha segunda metade igualada, Rafa fixo das súas para poñer o 2-1 cando apenas restaba tempo e os puntos quedaron na Frigsa para desatar a tolemia no feudo lucense.

O Foz levou o derbi mariñán dos Máxicos

O Outeiro de Aarón Sánchez gaña diante do Pastoricense (2-1). Saiu moi enchufado o Outeiro, que acadou o 1-0 logo dunha boa xogada individual de Redondo para asistir a Rubén. O Pastoricense non se fixo ao partido ata a media hora de xogo, aínda que facía dano en accións a balón parado. Na recta final da primeira parte, o Pastoricense logou a igualada nun penalti froito do asedio visitante.

Os Máxicos chairegos, porén, mantiveron a súa idea na reanudación e de novo Redondo fixo unha gran xogada para poñer o 2-1. Desde ese momento o partido baseouse nos segundos balóns, con opcións para os Máxicos locais de sentenciar, pero tamén para o Pastoricense de lograr un empate que non chegou.



máxicos

O Guntín asegura a permanencia diante do San Lázaro (2-5). 40 minutos tolos nos que o San Lázaro foi quen de adiantarse dúas veces e o Guntín logrou empatar en ambos casos deixaron o electrónico en 2-2 no tempo de lecer. Na reanudación, porén, o Guntín fixo ver a súa superioridade física e anotou tres goles (dous de Debasa —un de penalti— e un de Juancar) para poñer un 2-5 que fixo xustiza ao visto sobre o céspede das Gándaras.

O Foz leva o derbi diante do Lourenzá (2-0). Foi un duelo pechado entre dos cadros que sabían da relevancia do derbi. Porén, os Máxicos focenses están nunha dinámica boísima e Jorge rematou ao fondo das mallas un centro de Aitor xusto antes do descanso. Na reanudación, os locais conseguiron o segundo gol nunha pena máxima que transformou Álvaro e, xa co «Atleti» envorcado, houbo opcións para máis goles por parte de ambos conxuntos, pero o electrónico non se moveu máis.

A SD Chantada supera con claridade á Residencia (3-0). O dominio inicial da SD Chantada non se fixo notar no electrónico ata o 31′, cando Sergio asinou unha gran xogada individual e cedeu a Migui para poñer o 1-0. Na reanudación, porén, os Máxicos branquiazuis deron un paso adiante e someteron aos de Traste, pero o cadro chantadino foi gañando presencia a medida que pasaban os minutos e limitando as oportunidades visitantes. Un lanzamento de falta que non atopou rematador colouse no fondo das mallas no 77′ e, co golpe psicolóxico para a Resi, Brais Mariño sentenciou no 84′ para deixar tres puntos de ouro no Sangoñedo.



O Monterroso remonta na seguna parte e gaña ao Chantada Atlético (2-1). Estiveron cómodos os Máxicos chantadinos na primeira metade a pesares do mal estado do céspede de Cerdeiriños. Ivi Gayoso foi quen de poñer o 0-1 nun segundo balón no que eliminou a dous adversarios e disparou desde a frontal. O Monterroso, porén, foi de menos a máis e gañou presenza a medida que pasaron os minutos. Gabi fixo unha gran conducción que rematou co disparo do 1-1 e Martín culminou a remontada no 85′, cando os Máxicos vermellos contaban cun xogador menos no seu haber, 2-1 en Monterroso.

O Meira cae con dignidade ante o líder (1-2). Foi un partido pechado na Lomba. O Burela adiantouse cun gol a balón parado de Yago e Adri fixo das súas cun golazo con rosca para dobrar a diferenza antes do descanso. O Meira, porén, saiu moito mellor no segundo tempo e fixo dano co xogo directo sobre Farra diante dun Burela ao que lle custaba defendelo. Sergio fixo un golazo de falta para facer o 1-2 no engadido, pero apenas houbo tempo para máis e os puntos marcharon cara A Marosa.

O Castro supera ao Racing Villalbés ‘B’ (3-1). Os primeiros dez minutos foron para os locais, pero os Máxicos racinguistas medraron no choque e anotaron o 0-1 cun centro lateral de Gegun ben rematado por Brais. O gol, unha ocasión posterior de Kaká e un gol anulado ao Villalbés, porén, deron ímpetu a un Castro que remontou antes do descanso por medio de Marino (nun saque de esquina) e Goás, aínda que o Racing tamén puido aproveitar algún erro local para facer máis goles.

Dani Díaz puxo o 3-1 nunha transición cando mellor estaba o cadro de Ivan Lamas e, desde entón, os Máxicos de Dumi xestionaron a vantaxe para deixar tres puntos moi importantes no Arturo Pereiro diante dun Racing ao que se lle está a facer longa a temporada e que errou ocasións claras na recta final para recurtar diferenzas.

O Oural manda na primeira metade, o Xove na segunda (2-2). Os sarriáns dominaron en Xove con máis intensidade e tiveron as máis claras ata o tempo de lecer, aínda que non foron todo o efectivos que deberon (0-2 ao descanso) e pagaron na segunda metade. Os Máxicos locais aproveitaron a presenza de Cora na punta do ataque para aproveitar un rexeite que puxo o 1-2 e un balón parado para o 2-2. Os últimos vinte minutos foron moi abertos e houbo opcións para ambos, pero o marcador non se moveu máis no Municipal.



Taboada e Santaballés asinan táboas nun duelo bonito (2-2). Un gol en propia meta do Santaballés no comezo puxo o choque costa arriba para os chairegos, que ademais sufriron o 2-0 cun penalti pouco despois. A reacción sí que foi inmediata e Vérez aproveitou unha serie de rexeites para poñer o 2-1, pero o duelo baixou o ritmo ata o descanso. Pouco despois da reanudación, Vérez transformou unha pena máxima para poñer o 2-2 e, desde entón, ambos equipos fixeron dano con ataques verticais que non se traduciron en goles pero que si consistiron nun gran espectáculo no «Canti». Ao final, reparto de puntos.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *