Hai xogadores… e despois hai máxicos que lideran aos seus equipos cara a obtención dos mellores resultados.
Taboada 0-3 SD Chantada: un madrugador tanto de David aproveitando un rexeite na área puxo de cara o partido para os visitantes. O partido igualouse na primeira metade, aínda que a SD puido facer o 0-2 antes do descanso. Porén, sería Pedro quen anotaría un golazo no 50′, 0-2, que mermou a un Taboada e que permitiu aos visitantes dominar e sentenciar co 0-3, nun partido no que o gardamallas xuvenil da SD, Manuel, conseguiu deixar a súa portería a cero.
Sporting Pontenova 1-3 Burela: vibrante partido na Mina no que ambos equipos puideron anotar máis goles. David Ben e Miguel puxeron de cara o choque para os verdes, pero un gol local á volta do descanso puxo contra as cordas aos da Marosa. Desde o 1-2, os ataques primaron por riba das defensas, e non foi ata o 70′ cando o Burela puxo de novo terra de por medio grazas a un David Ben que está recuperando a súa mellor versión. O Sporting seguiu buscando o empate, pero non foi quen de anotar máis.
Pastoricense 0-4 Atlético Escairón: partido dominado polo Escairón, que se adiantou no minuto 2′. Os visitantes dominaron ao longo do primeiro tempo, aínda que non lograron anotar máis nos primeiros 45′. Na reanudación, os do Saviñao anotaron tres goles máis que deixaron sen ningunha opción a un Pastoricense que non estivo cómodo sobre o verde en ningún momento.


Lourenzá 1-1 San Ciprián: partido parexo no Santa Cruz. O «Atleti» trataba de combinar e o Sanci buscaba as súas opcións ao contragolpe. Un penalti no 44′ transformado por Antón puxo o 0-1 antes do descanso e permitiu aos visitantes saír ben plantados en defensa ao longo do segundo tempo. As acometidas locais foron ben defendidas polos visitantes, ata o minuto 89′, cando o Lourenzá aproveitou un rexeite logo dun balón parado para facer o empate, 1-1.
Antas 0-4 Riotorto: victoria de mérito do Riotorto no Castro Seoane. Comezaron ben os visitantes cun gol de Michi e outro de Manu Carreira de falta directa. Os locais non lle perderon a cara ao partido, e de feito gozaron de ocasións para recurtar diferenzas, pero a efectividade visitante en ambas áreas foi a chave do choque. Michi fixo o 0-3 e Isaac pechou o resultado no tempo engadido, 0-4 nun choque igualado pese ao que sinala o electrónico.
Castro 1-1 Xove Lago: choque igualado no Arturo Pereiro. O Xove logrou adiantarse cunha boa chegada desde segunda liña de Maikel, pero o Castro non lle perdeu a cara ao partido e ambos conxuntos tiveron opcións de anotar no primeiro tempo. No segundo, o Xove aproveitou os espazos que deixaba o rival para contragolpear e perdoou a uns locais que conseguiron o empate a dez minutos do final e, co 1-1, tiveron un par de ocasións claras para culminar a remontada. Ao final, reparto de puntos en Castro.

Santaballés 0-2 Foz: o Foz segue a perfilarse como un firme candidato ao ascenso logo dun partido moi completo na Liga. Os de Gayol controlaron o balón e o partido, e conseguiron o 0-1 por medio de Dani Chao no 20′. Un Santaballés combativo tratou de reaccionar, pero cometeu erros que o condenaron. Logo dunha segunda parte disputada, os visitantes sentenciaron no 83′ por medio de Manolito.
Monterroso 1-0 Pol: un Monterroso ben plantado sacou tres puntos de ouro ante o Pol. Os visitantes trataban de mandar coa posesión, pero os de Cerdeiriños aproveitaban as saídas ao contragolpe para facer dano aos seus rivais. Foi ao comezo da segunda metade cando David aproveitou un balón largo para regatear ao meta do Pol e facer o 1-0. Co gol, o Pol adiantou liñas e tratou de incomodar á defensa local, pero a seguridade dos vermellos deixou os puntos na casa.
Chantada Atlético 1-3 Outeiro de Rei: choque moi disputado no Sangoñedo, no que foron os locais os que mandaron no electrónico durante a maior parte do choque, logo dun gol ao filo do descanso. Os cambios visitantes deron un aire novo ao Outeiro, que conseguiu apretar aos seus rivais e conseguiu unha remontada de moito mérito grazas, entre outras cousas, ao bon xogo entre liñas de Aarón. Redondo sentenciou nos intres finais cun gran gol desde longa distancia.
