Nova semana de competición para os Máxicos da Primeira Galicia, cun líder destacado e con varios equipos en apuros.
Riotorto 2-1 Portomarín: sacou rédito o Riotorto das concesións defensivas dun Portomarín que xerou numerosas ocasións pero non foi quen de sacar nada positivo da Veiga. Adiantáronse os locais na recta final do primeiro tempo cun tanto de César, pero o Portomarín aproveitou a reanudación para igualar o electrónico por medio de Hugo, un dos xogadores máis en forma da categoría. Porén, a falta de acerto visitante e o bo facer do porteiro local impediron máis movementos no marcador ata o último minuto, cando o colexiado sinalou un penalti a prol dos locais que se saldou, ademais, coa expulsión do porteiro miñoto Roi. Adrián non perdoou desde os once metros e os tres puntos quedaron na casa, 2-1 para o Riotorto.
Milagrosa 0-1 Burela: dominio posicional dos mariñáns nun López Gorgoso que viu como a Milagrosa tiña que repregarse e defender os ataques rivais practicamente dentro da súa área. Os visitantes apostaban por un fútbol combinativo e rápido, con cambios de orientación de balón e centros laterais. Porén, os locais resistiron as estocadas do Burela durante o primeiro tempo e gran parte do segundo nun bo exercicio defensivo. Finalmente, foi no munuto 79′ cando Pablo Vila abriu o marcador para os seus, cun remate nun córner que permitiu ao conxunto burelés levar os tres puntos cara A Mariña.
Pol 5-0 Lourenzá: partido moi serio do líder da categoría ante un Lourenzá que non da coa tecra. Gerardo abriu o marcador moi cedo cun gol no minuto 4′ e, a partires de aí, os locais apostaron por un fútbol vistoso e eficiente para chegar 3-0 ao tempo de lecer. No segundo tempo, e aínda que os visitantes non baixaron os brazos, o Pol fixo valer a súa condición de invicto para pechar o choque con dous tantos máis, 5-0 no Municipal.


Foz 3-5 Outeiro de Rei: partido tolo e precioso para os siareiros que se achegaron ao Martínez Otero. Logo dunha primeira parte marcada polos erros defensivos e na que cada equipo anotou un penalti, o resultado ao descanso era de 2-3. No segundo tempo, o Outeiro de Rei tivo máis control e conseguiu o 2-4 con outra pena máxima transformada por Redondo. Manolito recurtou diferenzas na recta final, pero Veiga sentenciou o choque para os seus nunha acción a balón parado.
Xove Lago 0-2 Guntín: comezou moito máis intenso e agresivo un cadro visitante que se adiantou no minuto 12′ por medio de Debasa. O Xove mellorou e comezou a achegarse á meta rival tras o gol, pero os visitantes souberon defenderse ata o tempo do lecer. Tras a reanudación, de novo estivo máis intelixente o cadro laranxa, e conseguiu o 0-2 por medio de Fran. O Xove non se rendeu e estivo a piques de anotar nun gol Phantasma, mentres que os visitantes puideron ampliar o marcador ao contragolpe. Ao final dos 90′, 0-2 no Municipal.

SD Chantada 1-0 Chantada Atlético: o derbi estivo marcado polas interrupcións e a igualdade no primeiro tempo, cunha intensidade propia da cita nas disputas e os segundos balóns. No segundo tempo foi o Atlético o que gañou protagonismo con balón, ante unha SD moi ben plantada que saía con perigo aos contragolpes e facía dano nestas transicións. O desenlace foi triunfal para os locais e nefasto para os visitantes, pois un centro rexeitado no minuto 89′ traduciuse nun remate de volea Pablo que perforaba a rede de Ivi e daba os tres puntos a unha SD que mira cara arriba.

Monterroso 5-2 Meira: dez minutos bastáronlles aos de Cerdeiriños para poñerse 3-0 ao aproveitar tres erros individuais do cadro meirense. Porén, os visitantes non lle perderon a cara ao choque e conseguiron recurtar diferenzas xa antes do descanso, ao que se chegou co 3-2. No segundo tempo foi mellor un Meira que non foi quen de finalizar con éxito varias ocasións claras e, xa na recta final, os locais sentenciaron con dúas accións nas que o Meira estaba volcado no ataque, 5-2 en Cerdeiriños.
Santaballés 2-3 Taboada: partido marcado pola alta intensidade que puxeron os dous conxuntos e a igualdade. O fútbol directo foi protagonista ao longo de todo o choque, e o Taboada soubo xestionalo mellor no primeiro tempo, pois ao finalizar os primeiros corenta e cinco minutos xa mandaba por 1-2. Porén, os chairegos saíron dos vestiarios moi intensos e lograron empatar por medio de Novás. Mediada unha segunda metade na que o balón parado foi protagonista, o Taboada logrou o 2-3 definitivo que lle deu tres puntos de ouro aos visitantes.
Guitiriz 0-1 Atlético Escairón: partido moi igualado no Suso Cruz entre dous conxuntos inmersos en dinámicas moi diferentes. O estado do campo, unido á climatoloxía, propiciou un fútbol directo, con moitos duelos e transicións, no que ningún dos dous conxuntos foi quen de impoñerse. Porén, un rexeite na área local á saída dun córner foi aproveitado por Asier para recurtar e disparar ao pau largo, facendo así un golazo que supoñía o 0-1. Xa no segundo tempo, os locais pelexaron polo empate e chegaron a anotar o 1-1, pero finalmente non subiría ao electrónico ao indicarse fóra de xogo. O Escairón mantivo, por tanto, a renda, e sacou tres puntos moi sufridos do feudo dun colista que aínda ten moita guerra que dar esta temporada.
