#Primeira Futgal #Fútbol afeccionado

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 29

A clasificación se apreta a tan só cinco xornadas para o final da liga regular dos nosos máxicos!

Taboada 3-3 Pol: o Taboada logrou un empate agónico ante un Pol que foi moi superior na primeira parte do choque, na que se puxo con 0-3. Porén, xusto antes do descanso chegou o 1-3 e a expulsión do visitante Gara. Na reanudación os locais volveron recurtar diferenzas co 2-3 a balón parado, e tras outra expulsión sufrida polo Pol, outra acción de estratexia supuxo o definitivo 3-3 no tempo engadido.

Outeiro de Rei 2-1 Foz: o Outeiro de Rei fixo unha gran primeira metade a nivel ofensivo e defensivo, froito do cal chegou o gol de Tichu á media hora de xogo logo dun centro lateral. Tras a reanudación, Tichu anotou o seu segundo da tarde logo dunha parede no borde da área. Co 2-0, o Foz deu un paso adiante, pero non conseguiu o seu tanto ata o 89′, obra de Manolito, o mellor focense na tarde do domingo no Municipal.

Chantada Atlético 4-1 Xove Lago: logo dunha primeira parte moi igualada que rematou 0-0, o esforzo pasou factura a un Xove que viu como os locais fixeron tres tantos en dez minutos do segundo tempo, 3-0 entre o 55′ e o 66′. Diego Chao recurtou diferenzas, pero Anxo sentenciou co 4-1 definitivo ante un Xove que deu a cara con tan só 12 xogadores e que competiu mellor do que di o resultado.



Monterroso 2-2 Riotorto: ambientazo en Cerdeiriños cun público que levou en volandas ao seu equipo no primeiro tempo, froito do cal se chegou con 2-0 ao descanso, logo dun penalti transformado por Lorenzo e unha xogada polémica que supuxo o segundo. Un mellor Riotorto ao longo do segundo tempo logrou o 2-1 á saída dun córner no 70′ e, pouco despois, Pape empatou o choque. Na recta final houbo opcións para ambos, sendo a máis clara para o visitante Édgar, pero o marcador non se voltou mover.

Santaballés 1-0 San Ciprián: o Santaballés controlou o primeiro tempo con bo fútbol e cun tanto que lles permitiu chegar con renda ao descanso, 1-0. Os mariñáns, porén, deron un paso adiante no segundo tempo para tratar de empatar por medio de fútbol directo e agresividade de cara á portería rival, pero os da Liga defenderon ben esas ofensivas e o marcador non se moveu máis, 1-0 en Santaballa.

Castro 2-1 Atlético Escairón: o partido da semana non defraudou. Logo dunha primeira parte con moita intensidade e presencia de ambos equipos na área rival, o Castro fixo o 1-0 nunha acción entre Macía e Fito que resolveu o dianteiro local ante un gardamallas que pediu falta. O Escairón saíu mellor ao comezo do segundo tempo e empatou nun rexeite aproveitado por Julito e, co 1-1, os visitantes apretaron aos seus rivais na procura da remontada. Porén, o Castro volveu facerse co dominio do xogo e anotou o definitivo 2-1 a escasos minutos do final para converterse no novo líder da Primeira Galicia a falta de cinco xornadas por disputarse.



Antas 2-1 Burela: partido moi serio dos celestes ante un Burela que viu como as ocasións das que dispoñía eran detidas por Melendo. O bo facer local traduciuse no 1-0 nun contragolpe, resultado co que se chegou ao descanso. Na segunda metade os visitantes deron un paso adiante, pero outra contra supuxo o 2-0. Coa expulsión do local Porto e por medio dun penalti o Burela recurtou diferenzas, pero os tres puntos quedaron no Castro Seoane.

Lourenzá 0-0 SD Chantada: bo fútbol na Santa Cruz por parte de dous equipos que buscaron a victoria. A SD Chantada tivo máis protagonismo con balón ao longo de todo o choque, sobre todo nun segundo tempo no que os locais se meteron máis atrás e cederon o coiro aos visitantes para tratar de facer dano con contragolpes. Os colegiados anularon un gol ao chantadino Pulpix nun protestado fóra de xogo, pero ao final os puntos foron para ambos extremos da provincia.

Pastoricense 1-1 Sporting Pontenova: os locais foron superiores nunha primeira parte na que estiveron unha marcha por riba dos mariñáns e conseguiron o 1-0. Porén, a reacción dos da Mina chegou tras o descanso, co empate e moi bo fútbol na procura da remontada. O bo facer da defensa local impediu que chegase o segundo tanto visitante e houbese reparto de puntos no Acebreiro.

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 29

Xornada redonda para a Sarriana

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *