Os Máxicos chegan ao parón navideño con todas as loitas abertas. Ascenso directo, promoción, descenso… decidiránse no ano 2024.
Burela e SD Chantada igualan nun duelo aberto, pero sen goles (0-0). Dous dos equipos máis vistosos da categoría propuxeron un fútbol moi atractivo na Marosa, pero ningún dos dous obtivo o premio do gol. No primeiro tempo dominaron os locais, que gozaron de varias oportunidades para adiantarse. Porén, os chantadinos axustaron a presión nos vestiarios e crearon ocasións de perigo nos primeiros intres da segunda parte, con numerosos roubos de balón. Na recta final o choque igualouse e ambos conxuntos puideron anotar, pero o marcador non se movería na Marosa, 0-0.

O Taboada remonta e supera ao Outeiro de Rei (2-1). Os primeiros minutos foron para os visitantes, que se adiantaron á saída dun córner, 0-1. Pero os locais deron un paso adiante e remontaron a contenda na recta final do primeiro tempo, primeiro cun gol desde os once metros e despois nun saque de esquina, 2-1. No segundo tempo foi o Outeiro o que mereceu máis, con varias chegadas claras que non se traduciron en gol (un gol anulado, un pau…) e o Taboada mantivo a renda, 2-1 na Medela.
O Riotorto e o Xove Lago firman táboas nun duelo moi entretido (2-2). Aínda que os locais estiveron mellor no comezo, o Xove aproveitou un saque de esquina para adiantarse e, tras o gol, os mariñáns dominaron o xogo, ata que un penalti logo dun contragolpe supuxo o 0-2 antes do descanso. Saíron renovados os locais do tempo de lecer, froito do cal acadaron dous goles en 25′ minutos (2-2), e estiveron a piques de remontar o duelo con varias ocasións na recta final. Tamén o Xove contou con algún achegamento pero non concretou, polo que os puntos se repartiron na Veiga.


O Monterroso supera a un Foz afectado polas baixas (1-0). Viviuse un duelo moi igualado en Cerdeiriños, cun Monterroso máis voluntarioso no primeiro tempo e que facía dano en balón parado, ata que Iago Sobrado anotou o único gol do encontro. Pese a que o Foz tivo o dominio ao longo da segunda metade, cun fútbol directo pragmático e preciso, os visitantes non foron quen de aproveitar varios rexeites na área local para empatar. Tamén o Monterroso puido sentenciar en varias transicións, pero rematou pedindo a hora ante un bo Foz.
O Santaballés cae ante o intratable Pol (0-2). O tempraneiro gol de Gerardo no minuto 1′ valeulle ao Pol para xogar tranquilo e defender o resultado baseándose nun impecable xogo defensivo. Mentres os locais trataban de igualar a contenda con moito ritmo e bo fútbol, o talento dos visitantes mantíñase reservado, ata que Álex Pérez sentenciou na recta final co definitivo 0-2 para marchar de vacacións cos deberes feitos e con nota sobresaínte.
O Guitiriz consegue a súa primeira victoria diante da Milagrosa (3-1). Partido con moitas disputas e xogo directo no Suso Cruz, no que os locais foron quen de adiantarse logo dun balón colgado á área que se colou na meta de Cabarcos. Anxo empatou o choque nunha boa transición da Milagrosa finalizada con mestría polo ariete. Porén, Ansede pouco despois remataría un saque de esquina para volver adiantar aos seus e, xa co partido máis aberto, o Guitiriz fixo o terceiro tanto por medio de Josito, logo dun centro de Labrada. A Milagrosa baixou os brazos logo do 3-1 e os tres puntos quedaron en Guitiriz por primeira vez neste curso.


O Escairón vence ao Lourenzá nun duelo sen sorpresas (2-0). Un solvente Escairón foi quen de adiantarse na primeira media hora de xogo, mentres que o seu rival agardaba agazapado e na procura de facer dano con transicións. Non foi ata o minuto 60′ cando os visitantes deron un paso adiante e apretaron aos locais. Porén, os do Saviñao fixeron probar da súa propia medicina aos mariñáns, pois -xa na recta final- un roubo nunha mala saída de balón do Lourenzá traduciuse no 2-0 definitivo e en tres puntos máis para un Atlético Escairón que está asinando unha primeira volta de moito mérito, pese a seguir de lonxe a estela do imparable Pol.
O Meira e o Guntín marchan de vacacións coa portería a cero (0-0). A primeira parte foi moi igualada e bastante pechada, aínda que Seixosmil enviou fóra un balón franco logo de sortear ao gardamallas. Ambos equipos trataron de adaptarse a un campo en «mal» estado e buscaron un xogo máis directo para perforar as defensas rivais. Nese xogo impuxéronse os visitantes, que contaron con dúas opcións claras nas botas de Debasa e xeraron perigo a balón parado. Porén, a falta de acerto do Guntín permitiulles aos de Labrada manter o empate e sacar un valioso punto nun partido ao que chegaban moi mermados polas baixas.
O Chantada Atlético supera a un Portomarín afundido (0-3). Estiveron cómodos os chantadinos ao longo de todo o partido. Adri aproveitaría un balón filtrado por Anxo para poñer o 0-1 e Javi Vázquez fixo o propio pouco despois para poñer terra de por medio, 0-2. Xa na segunda metade, Cañón enviou ao fondo das mallas un centro desde o córner para poñer o 0-3 ante un Portomarín pouco efectivo en ataque e que tratará de reverter a súa situación coa chegada do Ano Novo.
