Os clubs de Lugo levan días debatendo sobre o inicio das competicións. O tema céntrase en cando debera comezar a temporada nestes tempos de pandemia. Varios equipos doutras zonas de Galicia xa lle manifestaron por escrito a Real Federación Galega de Fútbol que se opoñen a que os partidos comecen xa. Agora semella que varios conxuntos da provincia tamén van optar por esa vía.
O punto de encontro é un grupo de whatsapp que nace das inquedanzas de varias entidades. A idea a curto prazo é presentar un escrito tamén ante a RFGF e pedirlle que adíe o inicio do curso 20/21. Prevese que cara a finais desta semana se presente o documento que aínda admite a sinatura de máis equipos. Polo momento estímase que case 40 clubs apoiarán a medida. A iniciativa parte principalmente dende equipos como o CD Cospeito ou o Goiriz. E outros como o Guitiriz tamén conforman a parte activa dunha unión que hai quen quere manter no tempo.

“Creo que nós e todos os equipos queremos xogar, pero non de xeito precipitado nin a calquera prezo. Agora mesmo non temos a información necesaria para poder propoñerlle a un xogador adestrar e, moito menos, xogar”, afirma José Manuel Lorenzo, capitán e unha das alma máter da SD Guitiriz. Non obstante, o futbolista de Santa Leocadia quere unión e pon por diante que isto non consiste en ir contra ninguén: “Estamos ante unha situación excepcional e cometeriamos un grave erro se dividimos o fútbol. No fondo, todos queremos o mesmo. Queremos sumarpara que poidamos voltar adestrar e competir o antes posible. Todo iso será o mellor dos premios a facer as cousas ben, pero non deixando de lado aspectos que poden ter unhas consecuencias irreparables tanto no eido da saúde das persoas como tamen para moitos clubs. Isto non é nada contra a Federación. Creo que todos os equipos lles recoñecemos a dificultade e o difícil papel da situación. Fixeron un traballo grande cos plans competicionais e noutro momento creo que o formato polo que sei gustou pero estamos nunha situación na que os clubs temos esas cuestións en segundo plano”.


Os equipos que, en principio, asinarán o escrito forman parte da Primeira, Segunda e Terceira Rexional. Algúns deles tamén contan con equipos sénior femininos. Un dos últimos equipos en sumarse a iniciativa foi a UD Folgueiro. O seu adestrador Anxo recoñece que “é un tema moi delicado. É unha decisión de club. Preguntáronme a min e aos xogadores”. Esta sería a tempada na que Anxo volvera a súa casa. O curso anterior viviu a experiencia de formar parte do corpo técnico do Arzúa na Terceira División. Ten claro a raíz do problema: “O máis preocupante é o tema laboral. Sei de moitos que lles están dicindo nas empresas que teñan precaución porque se hai un contaxio hai que ir todos para a casa. A situación está moi verde na miña opinión. Agora mesmo o fútbol é algo secundario. Se todo vai ben e se pode xogar en xaneiro ou febreiro, sería xenial. Planificar unha liga curta e en tres ou catro meses acabar a competición. Agora mesmo véxoo inviable. E os xogadores así o acreditaron tamén”.
Tamén hai quen apoia a iniciativa de agruparse, pero que polo de agora cren que non é momento de dar ese paso. Esa é a postura, por exemplo, da directiva da SD Monterroso. Concordan en que a saúde e a seguridade son o primeiro. Entenden e respectan os argumentos do escrito ao igual ca os equipos que queren comezar. Afirman que mentras non vexan o protocolo que propoña a RFGF non se queren posicionar. Recoñecen que lles parece unha gran iniciativa a existencia dun grupo onde poñer a debate os temas dos equipos de Lugo. Desexan que sería importante mantelo para seguir tratando diferentes aspectos.

«O que falamos no club é o medo aos contaxios porque o luns temos que ir traballar. Non podemos arriscarnos a quedar 15 días na casa. Penso que tampouco é de recibo adestrar e cambiarse nas bancadas, marchar sen duchar estando en Galicia no inverno, o do uso da máscara véxoo inviable e que os clubs paguemos as probas tamén”. Son as palabras de Juan Diéguez, o adestrador do Río Sil que viviría a segunda tempada consecutiva na Segunda despois de realizar unha destacada campaña 19/ 20 (ata onde se puido xogar).

Non obstante, hai opinións diversas. Hai outro gran grupo de clubs que, que se saiba, non asinarán o documento. Un dos grandes proxectos este ano na provincia semella selo Meira. As incorporacións así o acreditan. “Queremos que empece a competición. Ao mellor non é a decisión mais sensata, pero creo que vamos ter que convivir coa covid unha boa tempada”, comenta David González, presidente do conxunto meirego. “Temos proxecto novo, conseguimos equipacións cun novo patrocinador e pode ser un ano interesante para o Meira FC. E tanto corpo técnico como xogadores e directiva estamos de acordo en que volva a competición”, conclúe.

Nun principio estes serían os equipos que asinarían o escrito. A lista pode ser sometida a cambios mentres non se faga oficial a firma de todos os conxuntos:
Equipos de 1ª Rexional (8 de 20):
1.Outeiro de Rei
2.Lourenzá
3.Alfoz
4.Riotorto
5.Sporting Pontenova
6.San Roque
7.Taboada
8.UD Folgueiro
9.Pastoricense
Equipos de 2ª Rexional (21 de 34):

1.Cospeito
2.Mondoñedo
3.Oural
4.Ferreira
5.Goiriz
6.San Ciprian
7.Candelaria
8.Brollón
9.Páramo
10.Río Sil
11.Bóveda
12.SD Paradela
13.Muimenta
14.Matela
15.Milagrosa
16.Palas
17.Lucense
18.SD Guitiriz
19.SD Viveiro
20.Santa Comba
21.Abadín
Equipos de 3ª Rexional (9 de 15):
1.Catro Roldas
2.Rioaveso
3.SD Cazás
4.Comercial
5.Celeiro
6.Sober
7.Carballedo
8. Taboada B
9. Relámpago Taboada
Fútbol feminino:
Polo de agora semella que ninguén pon o foco no fútbol feminino. Algún equipos apuntan que do feminino non saben nada por parte da Federación. “Non sabemos nada, pero eu pola miña parte tampouco o vou sacar a xogar” afirma Adrián, presidente do Carballedo. O fútbol lucense contaría este curso con tres equipos na Primeira Galega: Friol B, Antas e CD Lugo. Ademais dos participantes na Segunda Galega.