500.000 euros é o montante que repartiu a Excelentísima Deputación de Lugo entre máis de 225 clubs de base e afeccionados. Falamos das subvencións de concorrencia competitiva a entidades deportivas, que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo convocou nesta anualidade. Trátase de achegas destinadas a fomentar o deporte e apoiar a actividade do tecido asociativo de base.
As subvencións da Deputación, que oscilan entre os 300 e os 5.000 euros, chegan a unha ampla variedade de disciplinas. As achegas contribúen a financiar gastos de todo tipo relacionados coa actividade habitual das entidades: arbitraxes, material, transporte, persoal, licenzas e dereitos de participación en competicións, cotas de mutualidades, vestimenta deportiva ou alugamento de instalacións deportivas ou persoal.
O cal facilita a práctica deportiva en toda a provincia e permite manter unha rede de clubs e entidades para un ocio activo. O fútbol aparece como o gran deporte maioritario xunto co fútbol sala. Seguido doutras disciplinas de renome como o baloncesto ou o atletismo. Aínda así, especialidades como o ciclismo, voleibol, tenis de mesa, natación, karate, piragüismo, patinaxe…; contan co seu peso e espazo específico.
Os equipos de fútbol da provincia, os cales cubrimos semana a semana nesta casa, aproveitáronse de cheo destas axudas. Independentemente da súa categoría. Desde a Terceira Galicia á Terceira RFEF. Sen olvidarnos tamén dos clubs de base ou as escadras de veteráns. Unhas subvencións moi notorias e que lles permiten facer o día a día máis levadeiro, no que a termos económicos se refire.
A concesión destas axudas a clubs e deportistas réxense por criterios obxectivos e sociais, que procuran un equilibrio entre a incidencia social, a aposta pola base e o rendemento deportivo. Así, entre os criterios que puntúan para determinar as contías finais figuran o número de licenzas (en relación co total da disciplina na provincia) ou os resultados dos equipos e deportistas, pero contémplanse tamén baremos para primar o deporte feminino e garantir a igualdade no acceso á práctica deportiva. Tamén para reforzar os clubs que traballan nos concellos máis pequenos.
Efrén Castro: «Estas axudas respaldan o traballo de formación e competitivo»
O deputado de Deportes, Efrén Castro, salientou a importancia desta convocatoria para «a actividade de clubs de deporte base e afeccionado, que desenvolven un papel fundamental á hora facilitar o acceso ao deporte en todo o territorio, ofrecendo alternativas de ocio saudable e espazos de socialización para as rapazas e rapaces de todas as comarcas».
Castro engadiu que «ademais da dimensión social do deporte, as axudas respaldan o traballo de formación e competitivo que se desenvolve nos clubs e que se reflexan nos logros que están acadando deportistas lucenses en diferentes disciplinas».
A Deputación conta cunha Liña para eventos
Non debemos olvidar que esta convocatoria conta tamén cunha liña específica para eventos. A cal permite a colaboración da Vicepresidencia da Deputación en máis de cincuenta torneos, campionatos e probas deportivas promovidos polos clubs en toda a provincia: como a Semana Naútica do RC Naútico de Ribadeo, a Marcha Anual de Deportistas que organizou a Asociación Os Sendeiros en Foz, a Carreira Popular Val das Fabas de Lourenzá, xornadas de formación e concentración de loita olímpica organizadas polo Club de Loita Lugo e o Club de Loitas Olímpicas de Vilalba, o Trofeo Vila de Sarria de Patinaxe Artístico, a proba da Copa Galicia Maratón XCM organizado por BTTeiros Cova da Serpe de Guitiriz ou o Campus de Baloncesto Álex Llorca, entre outras iniciativas.