A SD Sarriana comeza a temporada do seu debut na Terceira RFEF, un fito histórico para o cadro da Ribela. Como máximo responsable técnico estará Jorge Cuesta Bello (Vigo, 07-12-1984), un adestrador con amplia experiencia no fútbol base, polo que pasou en tódalas categorías no Real Club Celta de Vigo ata chegar ao Xuvenil División de Honra, así como no fútbol chino, no que estivo dúas temporadas nas filas do Wuhan Three Towns.
Falamos co adestrador vigués pouco antes do seu debut no fútbol galego sénior.
Futbolinlugo: Como chega o equipo ao comezo de liga?
Jorge Cuesta: Esa é a gran dúbida que temos todos os adestradores a estas alturas. É certo que nos primeiros encontros de pretemporada non demos o nivel agardado, pero a medida que esta avanzou, xa con máis xogadores e máis nivel nos adestramentos deixamos boas sensacións diante de rivais da nosa categoría.
FIL: É unha temporada histórica para a Sarria e para a Sarriana a do debut en Terceira RFEF. Como se viven estes días previos?
JC: Todo o mundo está moi ilusionado. Fíxose un esforzo moi grande para lograr configurar un equipo competitivo e pelexaremos para que se vexa correspondido por parte dos xogadores e corpo técnico.
FIL: Tamén será o teu debut no fútbol galego sénior. Como o afrontas?
JC: Tamén con moita ilusión e sobre todo moi agradecido por esta oportunidade e con moitas ganas de facelo ben nunha competición que cada día é máis profesional. Xogadores e adestradores con máis nivel, equipos que propoñen moitas cousas novas . . . Para min é unha gran ocasión de coñecer o fútbol senior e seguir medrando.
FIL: Logo de moitos anos na base dun equipo profesional como é o Celta e do paso polo fútbol chinés, cales foron as aprendizaxes máis importentes que sacache?
JC: No Celta non foi só a aprendizaxe da experiencia, senon que comecei moi novo e fun queimando etapas ata chegar ao xuvenil de división de honra. Vas aprendendo en cada categoría, dos rivais que che esixen algo distinto en cada etapa, e tamén aos xogadores lles podes propoñer cousas novas á medida que eles se van desenrolando . . . foi un aprendizaxe continuo.
Do fútbol chino, sobre todo a capacidade de adaptación a unha realidade distinta. O idioma, o fútbol, que é moi diferente, poder encaixar nunha cidade na que ti eres o que vés de fóra. Sobre todo unha experiencia increible a nivel vital.
FIL: Na Sarriana continua o bloque de futbolistas que lograron o ascenso, pero con retoques moi interesantes en todas as liñas. Que opinión che merece o cadro de xogadores co que vas contar?
JC: Áinda que non os adestrei, xa coñecía a maioría dos fútbolistas que estaban aquí logo do paso de boa parte deles polo xuvenil do CD Lugo ou polas distintas categorías da selección galega. Reforzámonos con xogadores contrastados na categoría e tamén con futbolistas novos para rexuvenecer o equipo e con ganas de seguir medrando. Creo que logramos unha mezcla bastante boa.
FIL: Que obxectivo vos marcades para esta temporada en Terceira RFEF?
JC: Marcar un obxectivo no comezo non é nada fácil. As posicións de play off están moi marcadas e do sétimo ao último calquera podemos estar aí. Para asentar un proxecto é interesante dar pasos firmes, polo que manter a categoría cunha tranquilidade relativa sería un obxectivo bastante realista. A partir de aí, todos os que estamos aquí entendemos que temos equipo para algo máis que para un aprobado raspado.
FIL: A Terceira RFEF volve a dezoito equipos. Como ves a categoría e os rivais?
JC: Tal e como dixen vexo varios equipos catro ou cinco equipos cun nivel superior ao resto. Outros dous un peldaño por debaixo e despois todo o pelotón de equipos que queremos quedar o máis arriba posible en non pasar apuros. Hai moitos equipos moi parellos con moitos equipos de nivel e por sorte o presuposto no o di todo e poderemos competir con todos. Por sorte, deixamos a liga de dezaseis, que era unha auténtica locura, cun estrés enorme e sen marxe ningún de erro.
Foto de portada: redes sociais SD Sarriana