A SD O Páramo quedou coa mel nos beizos a pasada campaña. O conxunto das Rapadas foi eliminado na final polo ascenso á Segunda Galicia da forma máis cruenta posible. Porén, na localidade xa se repuxeron do golpe e tan só pensan nunha cousa, o ascenso.
Hoxe falamos con Jony Lombardía (Lugo, 1990), técnico do Páramo, que se enfrontará mañá ás 16:30 nas Rapadas ao Río Sil para tratar de continuar no máis alto da táboa.
Futbolinlugo: Tres victorias en tres partidos. O equipo parece recuperado do golpe da 22/23.
Jony Lombardía: Si, queremos ter os pés no chan, pero a idea é comezar coa mesma boa dinámica coa que rematamos o ano pasado. Intentaremos dar o salto ao final da liga regular, sen agardar polo «playoff» ou a partidos nos que a sorte xoga un papel importante.
FIL: Que sensacións está a deixar no campo o Páramo?
Jony Lombardía: Boas. Ademais aínda non incorporamos aos xogadores que están chamados a ser máis importantes. Agora chegan partidos contra rivais moi duros nos que contamos con todos, pero ata agora todos os que tiveron minutos competiron moi ben e estou moi contento con eles.
FIL: A asignatura pendente parece a defensa.
Jony Lombardía: Si, estamos encaixando gol con bastante facilidade. Como digo, tivemos bastantes baixas, pero estamos traballando para recuperar a tónica do curso pasado, que fomos un dos equipos menos goleados.
FIL: Conservaches parte importante do grupo. É un feito relevante para liderar agora a categoría?
Jony Lombardía: Si, renovaron todos os xogadores importantes e un 85% do bloque. Ademais incorporamos a un xogador por posición e agora temos un grupo de 22 homes moi competitivos. Queremos telos «enchufados» todo o ano para lograr o obxectivo.
FIL: Un grupo que destaca pola mocidade.
Jony Lombardía: Si, temos cinco ou seis futbolistas máis veteráns, pero o resto é xente moi nova. Era unha das cousas que pedía a directiva, contar con xente nova no proxecto para que nos vindeiros anos sigan aí e haxa unha continuidade.
FIL: Mañá chega ás Rapadas un Río Sil que sempre é un rival duro.
Jony Lombardía: Si, afrontamos o choque con moito respecto e seriedade. É un equipo recén descendido, pero pretendemos seguir sumando de tres para que non nos colla o touro ao final de temporada.
FIL: Agardas afluencia de público este domingo?
Jony Lombardía: Si, desde que entramos xente diferente no club estamos metendo moita xente no campo: rapaces novos, que arrastran xente e familia… Na promoción tivemos as bancadas cheas, nos desprazamentos enchimos autobuses… Ten moito mérito en Terceira Rexional, e agora queremos seguir contando co apoio da vila en cada partido.
FIL: Que sensacións quedaron no corpo logo do ascenso frustrado do ano pasado?
Jony Lombardía: O ano pasado o obxectivo era, en esencia, formar ao equipo coa vista posta neste ano. Non contabamos chegar tan lonxe na promoción, pero incluso na final fomos capaces de adiantarnos contra o Incio nos dous partidos. Pero ao final a sorte non estivo de cara e saiu cruz.
FIL: Foi unha promoción que deixou unha das anécdotas da temporada.
Jony Lombardía: Si, é bastante anecdótico. A min non me pasou nada igual en todos os anos que levo no fútbol. Afortunadamente tivo bon desenlace para nós, así que agora queda para botar unhas risas cos colegas e nada máis.
FIL: Pensas que o conxunto pode voltar á Preferente nun futuro próximo?
Jony Lombardía: Si, eu creo que si. Temos moita xente nova, a directiva e o Concello están moi implicados co equipo…. Pero non podemos pretender chegar canto antes arriba, de calquer xeito. As cousas hai que facelas ben e pouco a pouco. Primeiro imos centrarnos en subir á Segunda Galicia e despois xa se irá vendo.
FIL: Tivo dúbidas Jony Lombardía á hora de renovar?
Jony Lombardía: Non, eu volvín ao fútbol sénior para botar unha man ao club: teño moitos amigos na directiva, no concello, a miña muller e a súa familia son de aquí… fíxeno por cariño, por voltar á Rexional, coller a un equipo e traballar con el.