A volta das semifinais das eliminatorias polo ascenso a Segunda Galicia prolongouse máis do que debería. O encontro entre o Rubián e o Páramo rematou con empate, ao igual que o fixo o de ida nas Rapadas. O colexiado, en vez de conducir o encontro á prórroga levouno directamente a unha tanda de penaltis na que o Páramo saiu vencedor. A normativa indica que se debe xogar unha prórroga de trinta minutos, feito que o director da contenda, así como os clubs descoñecían, polo que cinco días máis tarde, e menos de corenta e horas antes da ida da gran final, derimiuse o gañador. De novo o Páramo resultou vitorioso e enfrontarase ao Incio, que empatou no seu campo diante dun Sober que foi un duro rival. O adestrador do Incio, Julio Corral, manifestou publicamente a súa disconformidade por non coñecer ao seu rival na final durante a semana previa ao encontro.
No grupo norte, Abadín e Nuevo Nausti disputarán a gran final. Os primeiros desfixéronse con certa comodidade do Rioaveso, mentres que os segundos, nun partido cheo de goles, fixeron valer a súa vantaxe da ida para eliminar ao Friol B.
O Abadín deixou encarrilada a eliminatoria na primeira metade fronte ao Riaoveso (0-3). Comezou mellor o conxunto local que embotellou ao Abadín no seu campo nos primeiros dez minutos. Sen embargo, foron os visitantes os que se adiantaron no seu primeiro achegamento. No minuto 13, Chechu nunha gran xogada persoal puxo por diante ao Abadín. O encontro transcurriu con alternativas para os dous conxuntos ata que preto do intermedio, Seco logo de regatear a varios rivais definiu cun potente golpeo facendo o segundo para o Abadín.
No segundo tempo, o Abadín apenas concedeu ocasións ao Rioaveso aínda que este tivo a posesión, e sentenciou a eliminatoria cun gol de Bufy ao aproveitar un rexeite á saída dun córner e consegue marcar desde fóra da área coa axuda dun defensor. O Rioaveso contou cunha boa ocasión para recurtar diferencias preto do final que desbaratou o gardameta Cristian.


O Nuevo Nausti venceu ao Friol B nun encontro con oito goles (5-3). O conxunto chairego disputará a gran final polo ascenso logo dunha eliminatoria na que foi superior ao seu rival, sobre todo no encontro de ida. Na volta o Friol B comezou mellor e meteu en certos apuros ao cadro local realizando un fútbol directo que complicou a labora da defensa. Os de Bruno Castro foron quen de poñerse por diante cun tanto de Adri. Reaccionou o Nausti e empatou Cristiian nunha xogada protestada polo rival. Sen tempo case para sacar de centro Miguel, cun tiro desde fóra da área, colocou por diante ao Nausti. Non trocou o guión do encontro e Adri fixo o segundo na súa conta e na do Friol B. Antes do intermedio o goleador Juan, en xogada individual, volveu adiantar ao Nausti.
No segundo tempo o conxunto local foi de menos a máis e a falta de quince minutos para o final un tanto de Cristian de falta deixou sentenciada a eliminatoria. O Friol B non se rendiu en ningún momento e Roca recurtou diferencias, que Herrero se encargou de volver a aumentar cun tanto de cabeza.
O Incio fixo valer a vantaxe colleitada na ida para eliminar ao Sober (2-2). Encontro no que ámbolos conxuntos saíron a pola vitoria e no que a labor arbitral foi moi protestada polos dous equipos

O Páramo, en dúas etapas, gañou ao Rubián e pasa á final (1-2). O Páramo tivo máis o balón en campo contrario, pero costáballe superar a unha defensa do Rubián moi ben situada e que apenas deixaba ocos. Jose e Dieguito contaron con boas ocasións para poñer por diante ao Páramo. De tódolos xeitos foron os de Senén López os que lograron adiantarse cun gol de Víctor logo de aproveitar un mal despexe da defensa.
Na segunda metade o Páramo foi superior, aínda que lle costaba xerar ocasións de gol. Cun cuarto de hora gastado chegou o empate. Dieguito aproveitou o rexeite dun lanzamento de falta para igualar o encontro cunha volea. O encontro, como xa sabemos, marchou á tanda de penaltis na que o gardameta Marquitos resultou providencial para o Páramos. Malia todo, esta quedou invalidada ao ter que disputarse trinta minutos de prórroga.
Xa o venres, nun tempo extra co que o Páramo se amosou en desacordo, o Rubián comezou mellor, aínda que sen xerar ocasións de gol. Nunha man dun defensor local o Páramo logrou o gol da vitoria ao transformar Dieguito o lanzamento de penalti. Nos últimos intres o Rubián buscou a igualada colgando balóns á área, pero o marcador non se moveu.
