Javier Montoto, SD Chantada: ‘Os últimos resultados motivaron aos xogadores’

A SD Chantada foi o campión de inverno do Grupo A da Primeira Autonómica. 19 puntos en nove partidos serviron aos da vila do Asma para erixirse no máis alto da táboa xusto antes de pechar a primeira volta.

Luca´s Grill
Moreno´s Pizza

Agora, os do Sangoñedo afrontan o 2022 cun gran sabor de boca e con gañas de consolidarse na zona alta, pero sabedores do complicado da empresa. Hoxe atendeunos Javier Montoto, comandante do proxecto chantadino e home moi coñecido no fútbol lucense e galego. O técnico de Lalín xa sabe o que é subir á Preferente -de feito, ascendeu dúas veces como adestrador da SD Chantada, en 2009 e en 2011-, algo que non é froito da casualidade, senón do bo facer e a constancia no seu traballo.

Os xogadores da SD, tras superar ao San Roque e proclamarse campións de inverno.

Futbolinlugo: Este proxecto baseado en xogadores da casa é xa toda unha realidade a nivel clasificatorio. Cales son as chaves dos bos resultados?

Javier Montoto: Ao principio tiñamos dúbidas. Temos un equipo moi novo, no verán marchara xente con experiencia e, salvo excepcións como Kadete ou Manu temos a uns futbolistas que son na súa maioría xente nova. O noso rendimento era unha incógnita, aínda que pretendiamos ser competitivos contra todos os equipos. Ao principio custounos bastante, tivemos algún resultado negativo… pero medramos pouco a pouco e agora levamos unha xeira de resultados bastante boa.

Futbolinlugo: A fortaleza da SD na casa é indiscutible. 4 partidos no Sangoñedo como locais, 4 victorias.

Javier Montoto: Si, sacamos adiante todos os partidos da casa. Algún deles con dificultade, como foi o caso do San Lázaro, porque tivemos moitas achegas á portería rival que non conseguimos transformar en gol. En liñas xerais mantivemos un bo nivel na casa, moi regular. Fóra da casa cústanos algo máis, pero nos últimos partidos demos un paso adiante, e sacamos os partidos con moito carácter e personalidade.

‘Cómpre adaptarse aos futbolistas cos que se conta, así como ás características do rival de cada domingo’

Futbolinlugo: Como se podería definir o estilo de xogo da SD Chantada?

Javier Montoto: Baseámonos na liña traballada por Juan Rodríguez estes últimos anos, en particular na fase ofensiva: a boa ocupación dos espazos, por exemplo. Quizais na faceta defensiva houbese máis lagoas, e logramos medrar nese aspecto. De feito, nos últimos encontros encaixamos moi pouco. Pero en canto a un estilo de xogo, eu son dos que pensa que hai que adaptarse ao cadro de xogadores cos que conta un adestrador e, en base a iso e ás características do rival, desenvolver un plan de partido e procurar levalo a cabo. Unhas veces apostamos por un xogo máis combinativo e outras por fútbol algo máis directo.

Montoto segue atentamente o xogo nun choque na Polvoreira.

Futbolinlugo: Pese aos bos números na faceta goleadora, nos primeiros postos da carreira polo ‘pichichi’ non aparece ningún home da SD. Fala ben isto da competencia interna e a homoxeneidade do grupo?

Javier Montoto: É certo que marcharon os dous futbolistas que tiñan máis gol, Arias e Ramos, e tivemos que encher o oco que deixaron. Na parte ofensiva contamos con moita xente nova, como por exemplo Pedro, que aínda é xuvenil e xa xogou moitos partidos como titular. Toda a xente se concienciou da aportación que podía dar en fase ofensiva, e de aí que os goles estean tan repartidos. Nas últimas xornadas parece que comezamos a ver máis portería con máis facilidade, pero aínda temos que xerar bastantes ocasións para marcar gol.

Futbolinlugo: A nota negativa da primeira volta foi o derbi contra o Chantada Atlético (3-0 para o Atlético).

Javier Montoto: Sí. Entramos moi mal no partido, encaixamos un gol no 2′ e podiamos ter recibido algún máis nos primeiros minutos. O equipo saíu moi tenso e sen carácter. Melloramos e dominamos durante certas fases do partido, pero non fomos quen de anotar, e no segundo tempo o equipo partiuse e nos fixeron moito dano ao contragolpe.

Futbolinlugo: Que ten que mellorar a SD Chantada na segunda volta se quere loitar polo ascenso?

Javier Montoto: O ascenso está lonxe, baixo a miña perspectiva. Agora que estamos aí arriba sí que queremos entrar entre os catro primeiros, e os últimos resultados motivaron aos futbolistas. Partindo desta base, seguramente consigamos competir mellor cada semana, pero o ascenso non está na miña cabeza nin na da entidade.

Os chantadinos aínda non cederon ningún punto como locais.

Futbolinlugo: Entre outras cousas, porque no Grupo Norte, o Castro e o Pol -invictos na primeira volta- están a presentar a súa seria candidatura.

Javier Montoto: Sí. Nós xogamos dous partidos amigables contra o Castro en pretemporada, bastante preto do inicio da liga, e a min pareceume un equipo moi serio, moi organizado, con xente moi ben plantada sobre o campo e que sabe ben ao que xoga. O Pol seguro que segue na liña de hai dous anos, cando eu estaba no Escairón, con xente de calidade e de superior categoría, pois é un club que leva anos na procura do ascenso. Ambos son dous dos favoritos, sen dúbida algunha.

Futbolinlugo: Atreveríaste a predicir que equipos do Grupo A entrarán na fase de ascenso?

Javier Montoto: Non vai ser fácil, estamos todos moi igualados e a diferencia é pequena. Por exemplo, o Monterroso vén de atrás, custoulle entrar, pero non me disgustou nada cando xogamos contra eles. O Taboada mantén o seu grupo e pode estar aí, o Chantada Atlético conta con varios reforzos que lle aportan moito, o Portomarín ten un once inicial moi bo, polo que se non o merman as lesións é un serio candidato, por algo foi o líder durante gran parte da primeira volta. Entre estes tres -por Portomarín, Chantada Atlético e Taboada- xunto con nós, o San Lázaro ou o Monterroso… pode andar a cousa, pero calquera pode unirse ao grupo.

Un lance do Monterroso-Chantada.
Imagen por defecto
Santi Real

De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.

Artículos: 499

Deja un comentario

Los datos que proporciones mediante este formulario serán tratados por Futbolinlugo como responsable de esta web. La finalidad de la recogida de estos datos se realiza solamente para responder y moderar los comentarios. Estos datos estarán almacenados en los servidores de PROFESIONAL HOSTING, situados en la Unión Europea (política de privacidad de Profesional Hosting). Puedes ejercer tus derechos de acceso, rectificación, limitación y supresión enviando un correo electrónico a diegopolc8@gmail.com.