É un vello coñecido dos banquiños da provincia. Ademáis, nos últimos días foi noticia. Trátase de Jandry Rego. Como ben anunciamos no noso Diario dun Mercado, o preparador cambia os bancos de Boa Vista (onde a UD Folgueiro actúa como local) polos da Veiga, fogar do Riotorto CF. Logo dun ano complicado para todos por mor da crise da Covid-19, o técnico de Xove abandona a disciplina da UD Folgueiro tras cumprir os obxectivos marcados o pasado verán: a permanencia na Primeira Autonómica.
Cómpre engadir que Jandry é un rapaz novo (31 anos) que afrontaba este 2019 a súa segunda campaña como primeiro adestrador dun clube. A primeira, en Alfoz, rematara con sabor agridulce, polo que o preparador buscaba resarcirse desa experiencia cun bo ano no Vicedo. Previamente, o noso protagonista de hoxe foi tamén axudante de técnicos icónicos da provincia como Gayol ou Donato, ademáis de adestrador da base de distintos conxuntos da comarca.
Falamos con Jandry para saber, entre outras cousas, como se viviu a 19/20 desde dentro, que agarda da 20/21 ou que se pode mellorar no fútbol mariñán para volver a épocas gloriosas do pasado.
Futbolinlugo: Que che fai cambiar Folgueiro por Riotorto?


Jandry Rego: Foi un bon ano en Folgueiro. A categoría é moi esixente e os resultados foron bos. Porén, cando cheguei atopeime cun equipo pouco ou nada reforzado tra-lo ascenso á Primeira, pois marcharan xogadores como Mario Gómez, Fernando, Yago, Marcos… e non fichamos case nada. Aínda así, os que estaban tiñan moita ilusión: fixemos unha pretemporada excelente e empezamos ben o ano contra Castro, Friol… O problema foi que á hora de adestrar eramos poucos: 5 o martes, 6 o mércores, 9 o venres… chegamos a sitios como o Sangoñedo con tan só once xogadores, houbo lesións, etc. Afortunadamente, futbolistas como Oki ou Aurelio tiraron do carro e saímos ben adiante. Apareceu a opción de Riotorto e convencéronme. Aínda que me queda lonxe da casa as condicións son moi boas e penso que se poden facer cousas interesantes co equipo.
«A SD Pol perfílase como o máximo candidato ao ascenso.»

FIL: Que obxectivos ten o Riotorto na 20/21?

JR: Obxectivos como tal non hai ningún. Queremos quedar na zona media-alta da táboa, sen obsesionarnos, pero sen renunciar a nada. A ver que equipos se van formando, aínda que semella que o máximo candidato ao ascenso vai ser a SD Pol. Porén, en Primeira calquera pode poñer as cousas difíciles a calquera: a veteranía, por exemplo, do Alfoz, as dimensións de Boa Vista… hai que demostrar no campo en vez de con palabras. Xove, Burela, Pontenova… seguro que todos van ter bos equipos e creo que vai ser unha liga moi bonita. O noso cadro de xogadores non vai ser moi amplio, pero o principal obxectivo é competir cada domingo e que á xente sude para vencer ao Riotorto.
FIL: Como cres que será a Primeira Autonómica este vindeiro ano?
JR: Penso que vai ser un «regalo», moi cómoda. Segundo se agarda, será de dez equipos, e a maior parte deles serán da Mariña. Así, todos os domingos vou xogar bastante preto da casa: Folgueiro, Xove, Alfoz, Lourenzá, Pontenova, Burela, etc. En canto a min, igual é o último ano na provincia, porque a situación económica e laboral da Mariña quizais non me permita quedar moitos máis anos aquí.
«Os xogadores de hoxe non queren comprometerse.»
FIL: Cres que a Mariña pode aumentar os seus representantes en Preferente ou Terceira División?
JR: Si, pero hai moita xente que non quere xogar en Preferente, non se queren comprometer, ou que quere xogar en Terceira e cobrar ben, pero adestrando dous días á semana. Uns deixan de xogar polo traballo, outros evitan o compromiso, outros teñen moza… é respetable, pero hai moitos equipos agora na Mariña para moi poucos xogadores. Con xogadores refírome a xente comprometida, que xogue polas cores, «gratis»… nos últimos anos cambiamos moito. O dito, a xente prefire xogar en Segunda sen compromiso a xogar en Preferente.
«Temos todos os ingredientes, pero non damos feito ben a paella.»
FIL: Cal pode ser a raíz dese problema?
JR: Eu penso que hai un problema que vén de abaixo. Non entendo por que non hai máis rapaces que queiran xogar. Na Mariña tampouco hai clubes que traballen moi ben coa base, o máis cercano á zona é o Racing Villalbés. O único exemplo é Viveiro, no que só Arturo e Rolle xogan no primeiro equipo. Hai algúns cativos que non queren xogar en boas categorías porque «para xogar dez minutos non vou». Pois eu fun ao Grove co Xove cando debutei en Terceira e fun contentísimo, perdín un bautizo e todo. Todos os clubes din que pensan na base, pero na práctica eso non pasa: temos unhas instalacións boísimas, balóns a reventar, etc. Temos todos os ingredientes pero non damos feito ben a paella, así que algo falla.
FIL: Que aspiracións ten Jandri como adestrador?
JR: Hai que desfrutar do camino. O máis meritorio é facer amigos, coñecer xente… e eu cando máis desfrutei foi no fútbol base. Eu vou seguir formándome, se algún día se chega de analista ou de segundo adestrador á Segunda «B» eu encantado. Na Mariña é complicado triunfar polo que veño contando, pero o máis importante é desfrutar. A min gústame moito facer calquera cousa que teña que ver co fútbol: ver partidos, estar dentro deles…
Agrademos a Jandry a súa boa disposición e desexamos que teña moita sorte nesta nova etapa!
Maikel
01st Jul 2020Gran proxeción a deste mister….en boavista fixo miragres. Estou segurisimo de que vai marcar un antes e un despois en riotorto!!!