Iván marcou o seu primeiro gol en Terceira

A décimo segunda e primeira xornada da 2ª volta da Terceira volveu estar marcada pola inicidencia da pandemia. O Polvorín non xogou o seu encontro co Fisterra. O Racing consolida a súa posición na zona alta e o Viveiro trouxo un punto de Compostela. Cun protagonista claro nos #LucensesNaTerceiraGalega: Iván Rodríguez estreouse como goleador na categoría.

Récord de convocatorias e gol:

Doce xogadores da provincia participaron co Viveiro en Santa Isabel. Ao cadro viveirense escapóuselle o triunfo nos últimos intres do encontro ante o Estudiantil. Unha das novas máis positivas foi a estrea goleadora de Iván. O mediocentro vilalbés marcou o seu primeiro gol da temporada e na Terceira. Xusto no día no que superaba o seu récord de convocatorias na división.

Iván fora convocado once veces na temporada 2015/2016 co Racing Villalbés. Daquela a súa participación fora moito menor. Cinco anos despois o futbolista é un dos habituais das aliñacións de Chusky. Foi convocado en doce partidos (todos os xogados ata o momento) e titular en oito. Agardar máis de oitocentos minutos para marcar poda que ben merecese a pena.

O partido con máis lucenses:

Ademais dos doce protagonistas de Santa Isabel, trece lucenses xogaron sobre a herba da Magdalena. Dez futbolistas da provincia participaron na vitoria do Racing ante o Arzúa. E dous deles marcaron. Primeiro Santi Gegunde e logo Jose Varela. O dianteiro de Navia mantén o seu idilio co feudo vilalbés. Anotou en todos os partidos da casa agás no derbi co Polvorín. Suma sete en total. Os mesmos ca o seu compañeiro Fernando Cuadrado.

Os tres lugueses do Arzúa tamén gozaron de minutos. Álex Vázquez e Pedro Delgado saíron de entrada. Álex no carrileiro esquerdo e o chantadino sendo o central dereito na liña de tres que presentou o adestrador Javi Rey. No tramo final do partido o técnico modificou o esquema e quedou só con dous centrais. Brais Prieto saíu no último cuarto de hora de partido. E tivo que xogar precisamente nesa posición pola lesión de Jorge Tomé. O do Valadouro tivo minutos por terceira vez na campaña. Pedro e Brais acabaron sendo a parella de defensores. Delgado rematou o encontro con molestias ao subírselle un xemelgo.

Brais Prieto tivo minutos co Arzúa por terceira vez na tempada

Máis lucensismo: 

Un dos grandes encontros da xornada xogouse en Abegondo. Déronse cita o Fabril e o Somozas (2-0). O cadro adestrado por Valerón deu un golpe en riba da mesa. Villares foi de novo titular e xogou todo o encontro. No conxunto de Ferrolterra Aldán Naval tamén tivo a súa participación. Entrou a falta duns vinte minutos para o final no canto de Marcos Álvarez. O viveirense afiánzase como un dos recambios habituais do corpo técnico encabezado por Jairo Bello.

O Silva derrotou con claridade o As Pontes no Poboado. Non foi da partida Xusto por primeira vez na tempada. O central focense non estivo dispoñible por motivos persoais. Aínda así, o encontro si que tivo presenza da provincia. David Pereira Ferreiro arbitrou o xogo. Estivo asistido nas bandas por Adrián López Bermúdez e Jesús Adán Gallego. Foi o único trío arbitral lugués esta xornada nos campos da Terceira.

Os tres partidos aprazados esta fin de semana por mor da covid contarían con participación lucense:

Bergantiños – Paiosaco
Fisterra – Polvorín
ArenteiroArosa

Ningún representante lucense do grupo sur xogou esta finde. O Arenteiro e o Arousa non puideron desputar o seu importante duelo. O conxunto do Carballiño aínda comunicou nas últimas horas máis casos de covid detectados no seu equipo. A pesar de contar cun partido menos, os dous clubs seguen na cabeza da clasificación.

Pola súa banda, o Rápido de Bouzas remontou o seu partido contra o Choco. No conxunto redondelán non entrou na lista Alberto Suárez. O mediocentro rematou con molestias o ano e leva catro encontros sen poder estar cos seus. Todo apunta a que pode reaparecer na vindeira fin de semana ante o Ribadumia. O cadro choqueiro acumula sete xornadas sen gañar.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario