A undécima e última xornada da 1ª volta da 1ª fase da Terceira trouxo boas novas para o Racing e o Polvorín. Conseguiron dúas vitorias e consolídanse na zona media alta. Á espera de que o Día de Reis xoguen o derbi aprazado. Pola contra non triunfou o Viveiro en Abegondo. A Terceira chega ao final da 1ª volta aínda con partidos que xogarse para equilibrar os encontros aprazados. E cun lugués como un dos máximos goleadores da categoría. Chega unha nova entrega dos #LucensesNaTerceiraGalega.

Gegunde e o seu idilio coa Magdalena

Santi Gegunde foi unha das grandes fichaxes nunha pretemporada distinta na Terceira. Chegou ao Racing Villalbés para recuperar o nivel amosado na capital galega. Logo dun ano complicado en Villaviciosa. O dianteiro de Navia marcou gol sempre que o Racing xogou na Magdalena. Suma seis en total. Está no terceiro grupo de máximos goleadores da categoría. Só superado por Pablo Rey (9 goles) e Luis Nuño (7 goles). Ambos xogadores do Somozas.

Máximos goleadores lucenses na 3ª 2020/21

Santi Gegunde (Racing Villalbés): 6 goles

Fernando Cuadrado (Racing Villalbés): 5 goles

Tichu (Viveiro): 3 goles

Xusto xogou cinco temporadas no Racing Villalbés

Os partidos con máis lucenses: 

Catorce lucenses en Abegondo. Villares no Fabril. E trece xogadores do Viveiro. Todos os que participaron no encontro a excepción de Facu. Volveu ter minutos o xuvenil Luis Pernas. No caso do futbolista burelao é a segunda xornada consecutiva. Participou en tres partidos en total nesta campaña. Non tivo demasiadas opcións no partido o conxunto viveirense. Pero nada máis comezar o ano poderá resarcirse. O 3 de xaneiro xoga o seu partido aprazado co Silva.

Trece xogadores da provincia tiveron minutos no Racing Villalbés – Silva (2-0). Nos locais foi titular por segunda xornada seguida o xuvenil Rares. E tamén foi da partida Santi Gegunde. Que marcou un dos tantos do partido. Nos visitantes xogou durante todo o encontro o focense Xusto. O central regresou á Magdalena onde estivo cinco temporadas formando parte do Racing.

Cinco lucenses no Viso. O Polvorín venceu pola mínima ante o Arzúa (1-2). Catro futbolistas lugueses foron titulares no cadro albivermello. Ángel Fraga xogou o seu terceiro encontro seguido como titular. Nos locais tamén foi da partida o lateral Álex Vázquez. Estivo na convocatoria pero non contou con minutos Brais Prieto. E xa non entrou na lista Pedro Delgado que cumpriu o último encontro dos tres que tivo de sanción.

O Polvorín non terá descanso nestas festas. Aproveitará para poñerse ao día na competición. Ademais de xogar o derbi co Racing o Día de Reis, desputará este domingo o partido aprazado co Bergantiños nas Eiroas. Logo o domingo 3 de xaneiro enfrontarase ao Fisterra na Cheda. Ao xogar estes partidos os pupilos adestrados por Álex Ortiz comezarán a 2ª volta anivelados co resto de conxuntos.

O liderado en dúbida:

Un dos grandes encontros da fin de semana foi suspendido. O Bergantiños e o Somozas ían loitar por marchar líderes ao parón de Nadal. Pero un positivo por covid no cadro de Ferrolterra impediuno. O duelo xogarase o 3 de xaneiro. Nin Iago López puido ter minutos no cadro de Carballo; nin Aldán no Somozas.

Ross, representante lucense no sur: 

Martín López Ross foi o único lucense que tivo minutos no Grupo B. Aínda que o Arousa perdeu a súa condición de líder. Empatou no Morrazo ante o Alondras (0-0). O Arenteiro é o novo líder logo de vencer na Senra ao copeiro Ribadumia (0-3). Víctor Eimil viaxou as terras de Barrantes pero non gozou de minutos. Non lle foi ben ao Choco na súa visita ao Pontellas. O equipo de Redondela perdeu pola mínima (1-0). Alberto Suárez non tivo minutos por mor das molestias físicas que arrastra dende hai uns días. O Choco é xunto co Atios os dous equipos que non están ao día na zona sur. Xogarán a finde do 3 de xaneiro o seu partido aprazado.

Máis lucenses: 

O Poboado contou con trio arbitral da provincia. O As Pontes 1-1 Paiosaco foi arbitrado por Javier Pérez Prado asistido nas bandas por Adrián López Bermúdez e Alberto Lago Barreiro. Pola súa banda, a provincia non tivo representanción en Santa Isabel. O Fisterra empatou ante o Estudiantil sen presenza do gardamallas Ramón. O regreso despois dunha grave lesión Iván Bouzón, apartou ao soberino da convocatoria. Levaba catro encontros seguidos como titular.

 

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*