Quedamos coas gañas de ver aos tres conxuntos lucenses en liza na primeira xornada do ano 2021. O encontro do Polvorín viuse adiado por un positivo no seu rival, o Fisterra. Quen si disputaron os seus encontros foron o Racing Vilalbés e o Viveiro. Os chairegos continuán en racha e gañaron na Madalena ao Arzúa, mentres que os mariñáns sumaron un punto en Santa Isabel diante do Estudiantil.

O Racing Vilalbés foi superior ao Arzúa e sumou o seu terceiro triunfo consecutivo na Madalena (2-0).

24 puntos, segundo clasificado igualado co líder Bergantiños, aínda que os de Carballo con dous encontros menos. Sétimo triunfo da temporada e terceiro consecutivo na Madalena. Así remata a xornada o equipo de Simón Lamas, que se atopa no seu mellor momento.

Trocou dous xogadores o técnico chairego respeto do último encontro ante o Polvorín. Caballero ocupou o sitio de Vérez no centro da zaga e Ángel o de Pedrosa no ataque, diante dun rival que se presentou na Madalena con tres centrais, entre eles o chantadino Pedro Delgado. No lateral zurdo xogou o sarriao Álex Vázquez e no centro do campo o ex racinguista Santi Taboada.

O Racing Vilalbés prantexou un partido práctico no que volveu demostrar a súa facilidade para marcar. Adiantouse no ecuador da primeira metade por medio de Santi Gegunde, que recolleu un balón na área e cruzouna lonxe do alcance de Marqueta. Pouco que reseñar do encontro antes e despois do gol nunha primeira metade sen ocasións. O único tiro a porta foi o gol do dianteiro lucense, que xa suma sete dianas empatando así con Cuadrado.

Na segunda metade o Arzúa tivo o balón, pero non foi quen de crear grandes oportunidades de perigo. O conxunto local xerou máis ocasións como lle gusta. Correndo e contraatacando. Ángel puido facelo segundo, pero o seu disparo detívoo o gardameta Marqueta. A entrada de Pedrosa deulle máis profundidade ao Racing e o ribadense, nada máis entrar conectou un disparo que se marchou preto da escadra rival. Logo reclamou penalti ao caer dentro da área cando se dispoñía a disparar. Pouco despois, o propio Pedrosa levou o balón de fóra cara adentro e cedeullo a Jose Varela para que, de tiro cruzado, fixese o segundo e definitivo tanto. O Arzúa tan só fixo intervir a Javi Rumbo para despexar un lanzamento de Vivito, un dos máis incisivos dos visitantes.

O xogador do Valadouro, Brais Prieto, xogou os últimos minutos do encontro acoampañando a Pedro Delgado no centro da defensa arzuá logo da lesión de Tomé.

O Viveiro tivo que conformarse cun punto logo de empatar o Estudiantil no último suspiro (1-1).

Non foi o mellor encontro do Viveiro, pero os mariñáns estiveron a piques de certificar un importante triunfo a domicilio, pero un tanto do Estudiantil evitouno. De tódolos xeitos, o conxunto adestrado por Chusky sube un posto na clasificación e ocupa a sexta praza, fóra da promoción de descenso.

O cadro local levou o peso do partido e tivo ocasións claras para facerse cos tres puntos, pero emerxeu a figura de Manu Cedrón, o mellor dos mariñáns, que desbaratou as ocasións do Estudiantil. O veterán Rubén Márquez foi protagonista de varias opcións claras que o gardamallas celeste desbaratou.

Na segunda metade o adestrador mariñán moveu o banco e deulle entrada a Álex Meitín e ao recuperado Gerardo, no canto de Asier e Facu. Pouco despois chegou o tanto viveirense, que levou a firma de Iván. A falta de pouco máis dun cuarto de hora para o final e tras unha rápida contra lanzada por Javi Rey, o chairego batiu a Cristopher, debutante na portería santiaguesa. Antón Vilas tivo dúas ocasións claras para empatar o encontro, pero de novo Manu Cedrón resultou decisivo.

No último dos minutos de tempo engadido, Rubén Márquez conectou un preciso envío para Miguel e este estableceu o definitivo empate.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*