#Primeira Futgal #Fútbol afeccionado

Máxicos Futbolinlugo, xornada 27

A falta de tan só sete xornadas, a clasificación apúrase na Primeira cos máxicos á procura dos obxectivos.

Taboada 2-1 Outeiro de Rei: partido vibrante na matinal do domingo entre dous clubes que demostraron ambición e intensidade por partes iguais. Adiantáronse os visitantes no comezo cun gol en propia meta, e o resultado non se moveu ata o tempo de lecer. Porén, o Taboada saíu de vestiarios convencido, empatou o choque e apretou moito a un Outeiro que viu como os locais gañaban dunha forma agónica, cun penalti no último minuto do tempo engadido, 2-1 na Medela.

Chantada Atlético 2-0 Pol: moita emoción no Sangoñedo nunha tarde que foi favorable para os locais, en parte, grazas ao bo inicio dos chantadinos. No minuto 25′ o Atlético xa mandaba por 2-0 e, co marcador adverso, o Pol adiantou liñas e comezou a inquedar a meta defendida por Iván. Porén, a boa actuación de ambos gardamallas impediu que o electrónico sufrise máis cambios, incluso Parapar detivo unha pena máxima que mantivo con vida aos seus.

Monterroso 1-0 Foz: partido moi igualado en Cerdeiriños entre un Monterroso e un Foz que propuxeron xogo directo e trataron de gañar os segundos balóns. Nunha xogada ao filo do descanso, Crespo aproveitou para facer o 1-0 e adiantar aos seus. A tónica da segunda metade foi similar, con dous conxuntos serios e que apenas concederon opcións ao rival. Finalmente, os locais amarraron os tres puntos que lles outorgan a salvación de xeito virtual.



Santaballés 4-1 Xove Lago: partido controlado polo Santaballés, que chegou ao descanso mandando por 1-0 logo dun centro lateral rematado por Vérez. O Xove mellorou no comezo do segundo tempo, pero os locais fixéronse donos do xogo por medio de transicións lideradas por Novás e, pese a que o Xove recurtou distancias co 3-1, os da Liga sentenciaron o choque ante uns mariñáns mermados polas baixas.

Castro 3-1 Riotorto: o Castro tivo a posesión e as ocasións no primeiro tempo, pero Pape fixo honra a súa fama goleadora e anotou o 0-1 mediado o primeiro tempo. Porén, unha brusca acción fixo que o ariete visitante tivese que retirarse do campo, sumándose así a un Pablo Vivero lesionado no quencemento. Foi aí cando se erixiu a figura de Rasilla, que liderou ao seu equipo ata a victoria con tres tantos nunha tarde brillante para el.

Antas 2-0 San Ciprián: partido igualado e con moito ritmo no Castro Seoane. Ambos equipos mantiveron a intensidade moi alta ao longo dunha primeira metade que rematou sen goles, pero o Sanci acusou o esforzo físico e a longa viaxe no segundo tempo, algo que aproveitou o Antas para facer o 1-0. Posteriormente, unha gran falta botada por Show entrou pola escadra e sentenciou o choque, 2-0.



Lourenzá 1-2 Atlético Escairón: o Escairón foi más incisivo ao longo do primeiro tempo, e logo dunha acción individual de Julito que rematou en penalti, Asier fixo o 0-1. No segundo tempo os locais deron un paso adiante na procura do empate, pero o Escairón fixo dano en transicións ben solventadas por Clemente. Arias ampliou a renda nunha estratexia, pero unha falta lateral a prol dos laurentinos foi o 1-2 e a piques estiveron de empatar na recta final con varios balóns colgados á área que defendeu ben o cadro visitante.

Pastoricense 0-0 Burela: mantén a súa boa dinâmica o Pastoricense tras empatar cun dos equipos máis vistosos da categoría. O dominio da posesión foi mariñán, pero os locais estiveron afinados en defensa e, sobre todo, baixo paus, pois Carlos detivo varias ocasións que poderían ter inclinada a balanza a prol dos visitantes. Ao final, reparto de puntos na Pastoriza.

Sporting Pontenova 1-2 SD Chantada: os visitantes comezaron ben, xerando perigo sobre a meta mariñá, pero foi o Sporting o que se adiantou logo dunha boa acción de Diego e Miguel. Porén, unha boa xogada de Michi supuxo o 1-1 antes do descanso. A segunda parte foi máis trabada, con xogo máis directo e brusco. Nunha desas accións, o colexiado concedeu un penalti a prol dos visitantes que foi moi protestado polos locais ao entender estes que era fóra da área. Kadete non errou desde os once metros e a SD sacou tres puntos moi valiosos da Mina.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *